Rescate bancario: Un “traballiño” italiano

Michael Roberts - 12 Xul 2017

Nove anos desde a crise financeira global que nacionalizou as perdas causadas polos banqueiros que crebaron e privatizou os beneficios para os banqueiros restantes, temos outro rescate bancario: exactamente o que as regras da Unión Bancaria da UE pretendían evitar. Miles de empregados bancarios quedarán sen traballo, mais os investidores bancarios e os posuidores de bonos están encantados coa fórmula do novo banco

O goberno italiano desembolsou 17.000 millóns de euros de fondos públicos (da “árbore máxica de diñeiro”) para rescatar dous bancos venecianos. Os bancos non serán nacionalizados, senón entregados a Intesa Sanpaolo Spa, o maior banco de Italia, pola suma simbólica de 1 euro! Intesa garantirá os depósitos en efectivo dos bancos venecianos, pero vai despedir a varios millares de empregados do banco, malia obter 900 novas sucursais e mil millóns en garantías financeiras do goberno. Intesa farase cargo de todos os empréstitos “bos” dos bancos venecianos, mentres que o estado queda con todos os “malos”, que deberán ser cancelados e dados por perdidos ou cobrados, de se poder, a longo prazo.

 Así que, máis unha vez, as actividades imprudentes dalgúns bancos e o estancamento da economía que fixo que moitas empresas non puidesen pagar as súas débedas tivesen que ser ‘rescatadas’ polo estado con diñeiro en efectivo. O rescate equivale ao 1% do PIB de Italia, aumentando o tamaño da débeda do sector público, xa masiva, de Italia, que alcanza o 135% do PIB. Intesa consegue uns bancos saneados por só 1 euro, do mesmo xeito que JP Morgan conseguiu a rede bancaria de Bear Stearns na crise financeira global por 1 dólar -todo pago con impostos ou empréstitos do goberno-. O estado e a xente non reciben nada polos seus 17.000 millóns de euros.

 O máis irónico é que o acordo italiano rompe as regras bancarias establecidas polos gobernos da UE despois da crise financeira mundial para evitar que os investidores posuidores de bonos bancarios fosen rescatados a custa do contribuínte. En virtude da “Directiva de recuperación e resolución bancaria da UE” (BRRD), os rescates primeiro deben ser financiados polos posuidores de bonos bancarios, incluíndo os chamados bonos senior, e só despois, en última instancia, con fondos da UE. Pero a Xunta de Resolución Única da UE aceptou, baixo a presión do goberno italiano, que non se trataba dunha auténtica “crise bancaria” que requirise a intervención da UE e que Italia podía soa resolver o problema.

 Despois de todo, os bancos venecianos supoñen só o 2% do sistema bancario. Pero o que non se tivo en conta foron as enormes perdas que xa asumiran outros bancos italianos, como Monte dei Paschi. De feito, Italia ten 300.000 millóns de euros de créditos “malos” nos seus libros de contabilidade, un 20% do PIB. Unha solución segundo as regras da UE requiriría que Italia atopase outros 12.000 millóns de euros para o fondo de garantía de depósitos do país. E UniCredit, Monte dei Paschi di Siena e UBI Banca terían que realizar novas ampliacións de capital e é probábel que os investidores non acudisen a elas.

 O acordo foi mal recibido por Alemaña, xa que infrinxe as novas normas bancarias até o punto de as facer irrelevantes -mais o xefe do BCE, Mario Draghi, é italiano e foi o anterior director do Banco Central de Italia-. Para os alemáns, é un sinal de que unha maior integración económica na zona euro é imposíbel se os estados nacionais rompen as regras de xeito flagrante.

 Politicamente, axuda os dirixentes demócratas de centro-esquerda no intento do seu líder Matteo Renzi de recuperar o seu posto como primeiro ministro nunhas novas eleccións, previstas para maio. Se os bancos crebasen, os depósitos perderíanse e os posuidores de bonos verían os seus activos cancelados -algo malo electoralmente porque moitos posuidores de bonos son pequenos empresarios convencidos polos bancos para investir en preferentes-. A nova do acordo foi recibida con entusiasmo polo mercado de valores.

 Polo tanto, temos outro rescate bancario, nove anos desde a crise financeira global que nacionalizou as perdas causadas polos banqueiros que crebaron e privatizou os beneficios para os banqueiros restantes: exactamente o que as regras da Unión Bancaria da UE pretendían evitar. Miles de empregados bancarios quedarán sen traballo; mais os investidores bancarios e os posuidores de bonos están encantados coa fórmula do novo banco. O estado acumula máis débeda e polo tanto aumenta a presión para implementar máis austeridade para pagar a débeda. E outros banqueiros saben que, se volven montar unha, poden escapar cun rescate estatal e continuar como antes.

 Non hai a menor consideración neste acordo da posibilidade de que a xente a través do estado puidese quedar con estes bancos (e os outros grandes bancos) transferíndoos en propiedade pública e convertendo a banca nun servizo público para os fogares e as pequenas empresas e non un medio de especulación imprudente, cobiza e corrupción. Pola contra, este “traballiño” italiano é business as usual.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 1 de xullo de 2017]