A metade das traballadoras galegas estaría en risco de pobreza se os seus ingresos dependeran só do seu salario individual

A CIG convoca manifestación nacional en Compostela este 8 de Marzo baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”
Nacional - 04 Mar 2026

Aínda que a presenza das mulleres no mundo laboral é cada vez maior, en Galiza arredor do 50% das mulleres traballadoras situaríanse en risco de pobreza se os seus ingresos dependeran exclusivamente do seu salario individual. Se ademais de ser muller se ten a condición de migrante, o risco de pobreza multiplícase facendo aínda máis evidente a profundidade das desigualdades que existen no mercado laboral.

Este é un dos demoledores datos que recolle o informe sobre a situación laboral das mulleres en Galiza (ano 2025) elaborado pola CIG, que este mércores presentaron Susana Méndez, secretaria confederal de Organización, Ester Mariño, da Comisión Nacional de Mulleres e membro do Gabinete de Igualdade, e Natividad López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía, nunha comparecencia pública na que se informou da campaña e dos actos con motivo do 8 de Marzo.

Este ano, explicou Méndez, a CIG conmemorará o Día Internacional das Mulleres Traballadoras baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”, reivindicando a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar a esta xornada de loita internacional. Nesta ocasión, a central sindical convoca unha manifestación nacional de mulleres en Santiago de Compostela, que sairá ás 11:30h da estación intermodal, “para evidenciar ese feminismo de clase e de país”, reiterou Mariño.

Lembrou que a conmemoración do 8 de Marzo se orixinou hai 116 anos na Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas e chamou a se mobilizar e rematar co silencio fronte aos ataques porque “só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos rematar coa situación de discriminación e precariedade e avanzar nos nosos dereitos”.

Denunciou que as mulleres “seguimos cobrando menos que os homes, que seguimos ocupando traballos temporais e a xornada parcial” e que os traballos feminizados “continúan a estar minusvalorados económica e socialmente malia os intentos lexislativos para identificar e diminuír a fenda salarial”. Fronte a isto, Freire urxiu ao incremento salarial das profesións feminizadas e que o réxime especial de persoas empregadas do fogar sexa regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, “con retribucións acordes a importancia dese labor”.

Criticou o modelo privatizador do PP que non afecta só á sanidade, senón tamén aos servizos sociais, “precarizando as condicións laborais das traballadoras dos SAF ou das residencias”, ademais de pretende obrigar as mulleres a que asuman ese rol coidador de balde. Xunto a isto, lamentou que as mozas con estudos superiores se vexan obrigadas a emigrar “por non atopar un traballo digno acorde coa súa formación”

A representante das Mulleres da CIG advertiu da falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con continxencias profesionais e da inexistencia de coeficientes redutores en sectores altamente feminizados que dificultan unha vellez e pensións dignas para as mulleres, e que “as galegas son as que teñen as pensións máis baixas do Estado español”.

Na súa intervención, demandou que os permisos e licenzas se adapten aos novos modelos de familias e que a recuperación tras o parto e a lactación natural debe garantirse ata os 12 meses como recomenda a OMS.

Mariño puxo o acento no incremento das denuncias de acoso laboral ou sexual contra as mulleres e neste senso, incidiu en que os protocolos de acoso “deben resolverse dunha maneira áxil e eficaz, garantindo a protección das vítimas. Esiximos dispositivos de alerta que permitan facer chamadas de emerxencia de ser necesaria, naquelas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo”.

Finalmente, animou a participar nas mobilizacións mixtas que o movemento feminista galego ten convocadas para o próximo domingo, 8 de Marzo, pola tarde, en diferentes cidades e vilas.

O 40% das traballadoras teñen ingresos inferiores ao SMI

A responsábel do Gabinete de Economía, Natividad López, foi a encargada de debullar polo miúdo a situación das mulleres no mundo laboral en Galiza, advertindo que, no ano 2024, segundo os datos da Axencia Tributaria, o 40% das traballadoras percibiron uns ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional. Entres os homes, esta porcentaxe foi do 28%.

Ampliando a análise até 1,5 veces o SMI, a porcentaxe de mulleres que están nestes tramos de ingresos acada o 66,8%, unhas 360.000 traballadoras do total de 539.600 asalariadas. É dicir, arredor do 50% das mulleres estarían en risco de pobreza se os seus ingresos dependesen exclusivamente do seu soldo individual. Un risco que se multiplica se ademais se ten a condición de migrante: en termos xerais, a fenda por nacionalidade acada o 34,3%.

A falta de estabilidade laboral e as elevadas taxas de parcialidade afectan con maior intensidade ás mulleres, ampliando a desigualdade e situando a fenda salarial no 17,7%. Se ben 7,2 puntos porcentuais da fenda se corresponden a factores estruturais como a actividade económica ou a categoría profesional, os restantes 10,5 puntos están asociados á parcialidade e á temporalidade na contratación que sofren as traballadoras.

Atendendo aos últimos datos publicados, no segundo trimestre de 2025, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial eran mulleres. Ademais, malia a propaganda arredor da reforma laboral de 2021, a taxa de temporalidade das mulleres supera en 14,4 puntos a dos homes, sufrindo un incremento con respecto ao ano 2024.

Case o 85% das mulleres están ocupadas no sector servizos

Outra das características que destacou é que o 84,7% das mulleres ocupadas en Galiza traballan no sector servizos (entre os homes esa taxa sitúase no 58,1%) e dentro deste, o 58% das traballadores están ocupadas na macro-rama da administración pública, educación, sanidade e servizos sociais (32,3%) e na rama do comercio (26,5%). Agás na administración pública, en xeral canto maior é a feminización dunha rama de actividade, menores son os ingresos.

De feito en tres das catro ramas de actividade nas que a mulleres son maioría, a fenda salarial supera o 23%: entidades financeiras e aseguradoras, servizos ás empresas e outros servizos persoais e de lecer. Sinalou con especial preocupación o feito de que a fenda persista entre todos os grupos de idade, mesmo entre as mulleres máis novas, que dispoñen dun nivel educativo en xeral superior ao dos homes. “Se a formación non logra reducir estas fendas, desaparece a esperanza de que estas diminúan co tempo”, alertou.

Sobre a redución da fenda con respecto a 2023, López Gromaz atribuíno ao incremento do SMI, que beneficia en maior medida as traballadoras ao seren maioría nos tramos de menores ingresos, sobre todo entre quen percibe salarios iguais ou inferiores ao SMI. Por iso, salientou, cómpre continuar incremento o salario mínimo porque na práctica é o principal instrumento que permite avanzar cara a unha maior equiparación dos ingresos.

Unha vida laboral precaria que se reflicte nas pensións

A fenda salarial esténdese tamén ás pensións. Unha vida laboral precaria, con menos anos cotizados e con bases baixas, tradúcese nunha pensión cativa. Durante o ano 2024 o importe medio da pensión dunha muller en Galiza foi un 33% inferior ao percibido por un home: 1.317 para un home fronte a 883 euros/mes para unha mulleres, o que significa 434 euros menos.

Hai que salientar que, en lugar de recortarse, esta diferenza agrándase pois no ano 2023 a fenda, en termos absolutos, foi de 421 euros.

A poboación activa medra grazas ás mulleres

A responsábel do departamento económico salientou que as mulleres representan xa o 49,5% da poboación activa e son as mulleres as que engrosan a poboación activa en Galiza. No pasado ano, incorporáronse 18.900 mulleres, un 3,1% máis que en 2024, mentres que entre os homes se produciu un descenso do 0,6% (4.100 persoas).

A cara negativa e preocupante atopámola no avellentamento da poboación activa, a tal punto que o peso das persoas con máis de 55 anos xa acadou o 23,7% do total da poboación activa: o 24,4% das mulleres superan esta idade mentres que entre os homes representa o 22,8%. Un avellentamento que non se frea a pesar da importante chegada de poboación estranxeira, entre a que son maioría os homes.

Tamén o emprego creado en 2025 se concentrou de xeito maioritario nas mulleres, pois das 26.500 novas persoas ocupadas, 25.200 foron mulleres, o que supón o 95% do total dos novos empregos. López Gromaz relacionou esta evolución co tipo de traballos que se están a crear, concentrados no sector servizos e en actividades altamente feminizadas. Non obstante, resaltou que nun sector pouco feminizado como a industria, a maior parte do emprego xerado (o 58%) durante o pasado ano tamén corresponderon a mulleres.

Sobre a taxa de paro feminina, apuntou que se sitúa no 8,7% da poboación activa, sete décimas superior á masculina, que rematou 2025 nun 8%.

A fenda dos coidados persiste

A presenza feminina nas xornadas a tempo parcial continúa a ser maioritaria e apenas experimenta variacións dun ano para outro. O principal motivo para non ter traballo a tempo completo reside na imposibilidade de atopalo. Así o manifestan o 38,5% dos homes e o 43,9 das mulleres.

Porén, cando os factores da parcialidade se deben ao coidado de persoas dependentes, a fenda de xénero faise visíbel: só o 6,3% dos homes alega esta razón fronte ao 21% das mulleres ocupadas. En termos absolutos: 25.300 mulleres fronte a 2.500 homes, reflectindo unha obvia desigualdade na distribución das responsabilidades de coidado.

Nas mesma liña, a segunda causa de inactividade feminina (tras da xubilación) é a dedicación aos labores do fogar, motivo que afecta ao 22% das mulleres inactivas, entre os homes esa cifra é de apenas o 4,8%.

Falta de servizos sociais públicos

A responsábel do Gabinete Técnico da CIG incidiu en que boa parte das desigualdades que existen na actualidade entre homes e mulleres son froito da falta de servizos sociais públicos que alivien a carga do traballo non remunerado, que segue recaendo de maneira desproporcionada sobre elas.

Esta falta de apoio público, criticou, faise visíbel ano tras ano nos Orzamentos da Xunta co estancamento e mesmo a redución do gasto nos programas de acción social directamente relacionados coa protección da muller. Neste punto resulta especialmente grave o recorte na protección e apoio ás vítimas de violencia de xénero, que se reduciu o 1,7%.