“Rueda amosa o seu perfecto descoñecemento do Servizo Público contra Incendios”

A CIG-Autonómica demanda unha adaptación do dispositivo ante os lumes de sexta xeración
Nacional - 11 Ago 2022

A CIG-Administración Autonómica vén de desmontar as recentes declaración do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen amosou “o seu perfecto descoñecemento do Servizo Público contra Incendios”. A central sindical demanda unha adaptación xeral do dispositivo diante do paso xa dos lumes da quinta á sexta xeración.

Entre as novas que avanzou o Presidente da Xunta, á CIG-Autonómica chamoulle a atención a aposta por brigadas multifunción cara ao futuro, porque as brigadas multifunción xa existen e están recollidas na normativa actual, tanto para a prevención e a extinción -no V convenio da Xunta desde hai 14 anos- como na Lei 17/2015, de protección civil, ao pasar a formar parte oficialmente dos servizos de emerxencias.

Por iso  considera que “ten delito que alguén que estivo de vicepresidente desde o 2009 descoñeza o funcionamento do servizo, máis cando foi o responsábel dos servizos de emerxencias -foi a súa consellería- ao longo dos anos”.

Ademais para a CIG, “a multitarefa mal xestionada e sen os recursos suficientes pode atrasar a actuación nun lume onde o tempo de reacción é básico”.

Aplaude, en todo caso, a proposta de dotar de maior estabilidade os contratos do persoal da loita contra incendios, aínda que lembra que o goberno do que forma parte desde 2009 tivo numerosísimas propostas, demandas, informes do grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galiza sobre incendios forestais que así llo recomendaron e exixiron. “Mágoa que non se concrete en tempo e forma e todo nos lembre a unha manobra mediática”.

Incremento de tempo de traballo para o persoal descontinuo

Entende que a Administración galega está nun bo intre para o incremento de tempo de traballo do persoal descontinuo, dado que cos procesos de funcionarización internos que se están a acometer, sería o propio converter todas as prazas descontinuas a todo o ano, e crear un corpo público único e homoxeneizado que tería moita maior eficacia no traballo e estabilidade laboral que o actual e desleixado modelo dos "sete mil efectivos".

Nese sentido afirma que “se algo precisa a lacra estrutural dos lumes do noso País no momento actual é non funcionar a golpe de nota de prensa buscando resultados electorais. Atopámonos dentro dun mal endémico e estrutural cronificado nas últimas décadas”.

Os servizos de prevención e extinción públicos -SPIF- levan anos exixindo melloras que nunca chegan como:

  1. A profesionalización de todo o SPIF, todo o persoal debe traballar todo o ano.
  2. A prevención como eixo troncal do traballo, adaptando a prevención aos novos tempos e novos perigos.
  3. O Pladiga é un plan obsoleto centrado en botar cifras a esgalla e orientado unicamente cara a extinción.
  4. Todo o persoal de prevención e extinción debe estar baixo o mando único do SPIF e formar parte deste.
  5. As brigadas helitransportadas deben estar xestionadas e ocupadas por persoal do SPIF.
  6. A formación integral nas multiemerxencias e en concreto na nova tipoloxía de lumes e o adestramento continuado nas situacións derivadas destes deben formar parte do día a día dos persoal do SPIF.

A CIG leva anos exixindo unha adaptación xeral do dispositivo diante do paso xa dos lumes da quinta á sexta xeración. A mestura do abandono do rural coa nefasta xestión do monte por parte da Xunta de Galiza, pon en perigo as poboacións. O incremento do modelo 4 de combustible nas zonas próximas ás casas fan de cada incendio de interface unha ameaza no só ao ecosistema, senón tamén ás vidas e bens da poboación.

Todas estas cuestións son, para a central sindical modificábeis, tanto o medio sobre o que se pode actuar, como a formación do persoal neste tipo de circunstancias. Por iso ponse ao dispor para abordar todas estas cuestións.