Satisfacción na CIG-Ensino polo éxito acadado no conflito da Escola Municipal de Música de Santiago

A central advirte que vixiará o cumprimento de todos os compromisos asumidos polo alcalde

Santiago -

Logo de semanas de mobilizacións, incluída a convocatoria de folga, o persoal da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conseguiu arrincar un compromiso do Goberno local que permitirá a continuidade dos postos de traballo. A CIG-Ensino amosa a súa satisfacción polo éxito acadado grazas á mobilización e a presión exercida polos traballadores e traballadoras do centro, mais advirte que vixiará "que se cumpran todos e cada un dos compromisos asumidos polo alcalde".

O Concello, tras a presión exercida polos traballadores e traballadoras e polos seus representantes sindicais, decidiu desbotar "a pésima proposta" educativa e económica da única empresa presentada a concurso e asinou no día de onte a prórroga coa actual firma adxudicataria o que, de facto, leva aparellada a continuidade dos postos de traballo a partir do 30 de xuño.

En palabras do secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, “foi a loita firme, a determinación e a unidade dos traballadores e das traballadoras, e o grande apoio de toda a comunidade educativa da EMM, o que conseguiu que o alcalde tomara a responsabilidade no asunto e que se acabaran adoptando estas decisións após de só un día de folga”.

Sentar xa para buscar unha solución definitiva

Para Rubén F. Monteagudo “esta solución, a pesar de que era a única posíbel neste momento, é un parche, xa que só se garante a continuidade do persoal durante uns meses” polo que chama o Concello a “sentar xa, e a elaborar de xeito dialogado, e en común coa comunidade educativa, uns novos pregos de adxudicación de servizo, para que non volva acontecer o que pasou meses atrás, nun proceso cargado de despropósitos que tivo como máximo responsábel o concelleiro de Educación, Manolo Dios”.

A CIG-Ensino anima tamén o Concello de Santiago de Compostela para que comece estudar a posibilidade de elaborar un plan, cando menos a medio prazo, de remunicipalización do servizo, cuestión que desde o sindicato considérase “moi positiva para a estabilidade e para as condicións das traballadoras e traballadores, alén de supor unha mellora do servizo”.

Volver