Sector público galego, cambio de século combativo

Manuel Mera - 14 Dec 2020

As primeiras mobilizacións comezaron no mes de novembro, concretamente o 15 dese mes; os xornais destacaban que ese día 3.000 empregados/as públicos se manifestaran en Vigo, 2.500 na Coruña, 1.500 en Ourense, uns 500 en Lugo e outros tantos en Compostela, Ferrol e Vilagarcía de Arousa

 Hai dúas décadas, nos últimos meses do ano 2000 e durante o 2001 realizáronse na nación galega algunhas das mobilizacións máis importantes da historia dos empregados e empregadas do sector público, despois de que o Goberno anunciase unha subida salarial para o ano 2001 de só un 2%, cando a inflación estaba calculada nun 3,6%. As centrais sindicais estatais pedían a nivel do Estado español un aumento do 4,6%. Polo tanto a Mesa da Función Pública realizada en Madrid o 19 de setembro na que se tratou o tema entre o Goberno e as centrais sindicais rematou en ruptura. Naquel intre era Presidente do Goberno Jose María Aznar, estaba na súa segunda lexislatura (2000-2004) e tiña como vicepresidente a Mariano Rajoy. O PP contaba con maioría absoluta no Parlamento.

 A mobilización do sector público no ano 2000 coincide cun momento de forte protesta obreira, tanto dos mariñeiros esixindo un acordo entre Marrocos e a UE, cunha manifestación en Vigo o 11 de maio (10.000 participantes), como o 13 de outubro na Guarda á que acudiron 3.000 persoas. Destaca asemade a protesta contra a apertura dominical dos comercios na provincia de Pontevedra cunha masiva manifestación o 17 de xullo en Vigo (7.000 participantes) e a folga do transporte na Coruña o 17 de setembro, ao que cómpre sumar a loita do estudantado contra a LOU.

 Os sindicatos da administración pública galega (CIG, CCOO, UGT e CSIF) esixían o 17 de outubro un aumento do 5,5% para o 2001, superior ao que se pedía a nivel estatal, e reclamaban que o Goberno de Manuel Fraga se abrise a negociar os salarios e outras melloras nas condicións laborais. En caso contrario “convocarían unha folga, como último recurso”.  Argumentaban que non había ningunha escusa para unha suba salarial tan baixa, cando a economía ía ben, e os traballadores/as do sector público perderan poder adquisitivo nos últimos anos. Mentres se facían estas reclamacións os xornais informaban de que Fraga participaba dun cocido en Bos Aires, organizado pola emigración galega, con 1.500 asistentes; cun custo de 17 dólares por persoa.

 As primeiras mobilizacións comezaron no mes de novembro, concretamente o 15 dese mes; os xornais destacaban que ese día 3.000 empregados/as públicos se manifestaran en Vigo, 2.500 na Coruña, 1.500 en Ourense, uns 500 en Lugo e outros tantos en Compostela, Ferrol e Vilagarcía de Arousa. Os sindicatos convocantes eran a CIG, CCOO, UGT, CSIF, ANPE, STEG e USO. Anunciouse nestas mobilizacións que os traballadores/as dependentes da Xunta continuarían a protesta os próximos días 22 e 23 de novembro, nos que realizarían unha folga, e que o persoal da administración central convocaba un paro para os días 14 e 15 de decembro. Na Galiza, segundo os medios, os empregados e empregadas afectados eran 125.000, tanto de persoal funcionario, laboral e estatutario, dos que 85.000 traballaban para a administración autonómica 15.000 na central, e uns 22.000 nos concellos.

 En referencia ao día 22, o primeiro dos dous días de paro, “La Voz de Galicia” destacaba en titulares que “a folga de funcionarios paraliza o ensino galego e deixa sen clase a milleiros de escolares”. Indicando que a maior incidencia fora na educación, e tivera un carácter desigual segundo o sector, e que as centrais daban dun 75% de participantes, porcentaxe que como era de esperar a Xunta rebaixaba moitísimo. A plataforma da folga estaba integrada por: CIG, USO, CSIF, UGT, e CCOO. No diario “Atlántico” recollíase que Anxo Louzao, da CIG-Ensino, facía unha avaliación positiva da resposta e criticaba duramente a actitude da Xunta de Galiza que “fixou servizos mínimos abusivos” (que foran recorridos pola central nacionalista e de clase). Este xornal asemade informaba que “as concentracións reuniron a milleiros de persoas nas principais cidades”.

 “La Voz de Galicia salientaba” que, malia a chuvia, o segundo día de folga“milleiros de funcionarios colapsaron Santiago en demanda dun maior incremento salarial”. Engadía que “preto de dez mil traballadores tomaron as rúas de Santiago na segunda xornada de paro. Pola súa banda o xornal “Atlántico” destacaba “Uns 10.000 funcionarios manifestáronse en Santiago na última xornada de folga” así como que “o paro foi seguido pola maioría dos empregados dos centros educativos e as conselleiras”. O “Faro de Vigo” do 5 de decembro facíase eco da división sindical, tanto en relación co paro convocado para os días 14 e 15 de decembro a nivel do Estado español e que atinxía aos empregados/as da administración central, como porque mentres na Galiza se pedía un aumento do 5,5% no ámbito estatal esta reducíase ao 4,6%. O xornal indicaba que ese mesmo día se facía unha concentración de delegados e delegadas esixindo a negociación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza.

 Paralelamente a estas mobilizacións utilizouse a vía xudicial presentando un recurso contra a conxelación salarial de 1997. O Tribunal Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional ditou sentenza firme a primeiros do ano 2001 dándolles a razón aos traballadores/as, mais admitiu a tramite un recurso do Goberno central, dándolle a razón. Posteriormente o tema pasou ao Tribunal Supremo que no mes de febreiro de 2002 resolveu definitivamente a favor do Goberno validando a conxelación salarial. Durante este período houbo diversas mobilizacións na Galiza para premer sobre o tema, como as do 15 e 21 de febreiro de 2001, e a do 31 de marzo do mesmo ano.

 Houbo unha acción de protesta posterior do sector público e do estudantado que tería unha gran repercusión, co gallo da asunción de Fraga como presidente da Xunta o 15 decembro de 2001. O xornal ANT relataba que a pancarta de cabeceira reclamaba: “Na defensa do servizos públicos. Polo mantemento do poder adquisitivo”. E engadía a continuación: “Malia que a comitiva e o propio presidente se esforzaron en disimular o conflito diante das cámaras, as pitadas, os reproches e os insultos da xente acompañárono durante o percorrido pola rúa do Hórreo”. A represión policial foi moi dura. “La Voz de Galicia” refería así os feitos: “Antes e despois do paso da comitiva, a policía cargou contra os manifestantes en diversos puntos do percorrido. Oito persoas, sete mozos e un policía, tiveron que recibir atención médica. Durante o discurso de Fraga na praza, os berros dos estudantes volveron competir co son das miles de gaitas e viviuse algún sobresalto provocado polo lanzamento de petardos”.

 Posteriormente a mobilización iría perdendo forza a medida que se demoraba a resolución xudicial da reclamación no ano 2002 (o que semella non era casual, e ten pasado con outros conflitos). Estimábase que entre o ano 1994 e o 2000 o persoal do sector público perdeu rente do 11% de poder adquisitivo pola conxelación salarial. Unha experiencia que se volveu repetir coa crise do ano 2008... tamén sucederá coa do covid-19, aínda que nun primeiro momento se estimule o gasto para protexer o empresariado?

 

 

[Vigo, 14 de decembro de 2020]