Seguimento maioritario da folga convocada pola CIG nos centros de chamadas para esixir un convenio digno

A xornada de loita incluíu concentracións na Coruña e Ourense e unha manifestación en Vigo

Vigo -

A Confederación Intersindical Galega logrou paralizar o sector dos centros de chamadas en Galiza para reclamar un convenio colectivo digno e xusto. A xornada de folga convocada pola central tivo un seguimento maioritario no conxunto do país e foi masivo no caso de Vigo, onde unha concorrida manifestación percorreu as principais rúas da cidade. Na Coruña e Ourense desenvolvéronse concentracións coincidindo coa xornada de loita.

(Galería de imaxes)

Vídeo da concentración da Coruña

A CIG-Banca, primeira forza no sector dos centros de chamadas en Galiza, decidiu dar un paso máis no conflito 450 días despois do vencemento do convenio coa convocatoria dunha xornada de folga e mobilizacións. Dende a central lembran que a negociación do convenio colectivo estatal de Contact Center (centros de chamadas) está bloqueada.

O anterior venceu en decembro de 2014, e despois de 15 meses dende o inicio da negociación non houbo avances. Polo momento, o sindicalismo centralista, que defende o actual marco estatal de negociación, continúa sen mobilizarse. Mentres, a situación que viven as teleoperadoras/es continúa a empeorar. Diante disto, a CIG apostou por iniciar un calendario de protestas e promover a convocatoria dunha xornada de folga que tivo un seguimento maioritario no conxunto do país e que foi masivo no caso de Vigo.

Nesta cidade tivo lugar unha concorrida manifestación que percorreu as principais rúas do centro dende as instalacións da empresa Unísono na Gran Vía até as de Bosch en María Berdiales. Na Coruña e Ourense desenvolvéronse concentracións diante da Subdelegación do Goberno e no Parque Tecnolóxico. Ao remate das mobilizacións deuse lectura ao seguinte comunicado:

Somos a voz de grandes empresas e multinacionais, pero durante 364 días ao ano temos que calar ante os abusos desas mesmas empresas. Para a sociedade e a clientela non temos cara, somos persoas anónimas, en moitos casos sen importancia.

Hoxe, coa folga, temos a oportunidade de falar por nós mesmas; as persoas que estamos aquí somos a voz dos precarios e das precarias, das persoas que estamos fartas. Unha voz que alzamos para denunciar a esas grandes empresas que presentan beneficios multimillonarios a custa nosa. E hoxe temos cara, tomando as rúas, existimos!!!

Unha vez máis, as teleoperadoras/es de toda Galiza estamos á fronte da loita por un convenio xusto e digno. Mentres no resto do Estado calan e adoptan unha actitude pasiva e submisa, aquí nos rebelamos.

Que ninguén se equivoque: os dereitos laborais deféndense e conquístanse, coma estamos facendo nós hoxe en toda Galiza, loitando, parando o sector e mandándolle unha mensaxe clara ás empresas.

Chegados aquí cabe preguntarse porqué, se nós estamos dispostas a pelexar, a deixarnos a pel por un convenio xusto e somos activas na defensa das nosas condicións laborais, se nos nega o dereito a negociar o noso convenio propio, un convenio galego para os Centros de Chamadas. En nome de qué principios debemos pagar nós pola pasividade e o entreguismo doutros.

Sabemos que a patronal se pon nerviosa coas nosas mobilizacións, que lle desbaratan o esquema de negociación “tranquila” que lles permite levarnos caladamente cara ao abismo. Ten medo de que o noso exemplo se propague polo resto do Estado estragando o seu plan de recortar os poucos dereitos que temos.

Na vindeira reunión presentaremos de novo a Plataforma que elaboramos a través dun proceso participativo e que, polo tanto, conta co apoio de todos e de todas as teleoperadoras e teleoperadores. Un apoio que ademais queda máis demostrado se cabe co éxito da folga de hoxe, 5 de abril, nos Centros de Chamadas en Galiza.

Por un convenio xusto. Por un convenio digno !!!

Volver