Seguimento total da folga en Maderas Iglesias contra o impago de salarios

A convocatoria, de carácter indefinido, deu comezo este martes 28 de agosto ante falta de vontade da dirección
O Porriño - 28 Ago 2018

O persoal de Maderas Iglesias saca a tarxeta vermella á dirección e mantén paralizada desde primeiras horas da mañá deste martes 28 de agosto a actividade da planta en rexeitamento aos constantes atrasos e incumprimentos no pago de salarios. Denuncian que a empresa está a eludir de xeito continuado desde hai catro anos o pagamento ordinario dos soldos, adebedando a día de hoxe as nóminas e máis a extra correspondentes a xullo do ano vixente, alén da paga extra de nadal de 2017. 

Desde o Comité aseguran que non están dispostos a continuar nunha situación reiterada de demoras no ingreso dos salarios, “acumulando sempre máis de dúas mensualidades que non son abonadas en tempo”, que se suman á conxelación salarial nos últimos oito anos. É por iso que, despois dos enormes sacrificios realizados e da loita que protagonizaron nos últimos meses en favor da viabilidade do traballo na empresa, chegando a reverter o pasado xuño un ERE extintivo para 150 traballadores/as -que quedou reducido a 34-, están dispostos/as a continuar de forma indefinida o paro até que as demandas sexan atendidas.

O persoal está disposto a continuar de forma indefinida o paro até que as demandas sexan atendidas.

Indican, ademais, que a dirección da empresa de tarima flotante do Porriño continúa sen aclarar o futuro da actividade produtiva, con falta de perspectiva sobre o futuro financeiro e solvencia necesarias para facer fronte tanto ao pago de nóminas como ao normal funcionamento da actividade.

Demandan, ao tempo, a reactivación das negociacións para un novo convenio – o actual expirou en decembro de 2014 – , conxeladas pola negativa da patronal a reactivar a mesa negociadora.

Posíbeis mobilizacións ante a inacción da Xunta

A Xunta, pola súa parte, e segundo denuncia o comité, continúa “sen dar sinais de vida” no tocante ás xestións que se comprometeu a realizar para conseguir investidores que garantan a viabilidade da empresa e a permanencia dos 200 postos de traballo, a maior parte ocupados por mulleres.

É por iso que “non descartan mobilizacións” nas vindeiras datas se o Conselleiro de Economía non atende os compromisos adquiridos no Parlamento Galego para asegurar o futuro dunha das principais empresas do Porriño.

“É Francisco Conde quen ten que dar a cara”, sinalan, ao tempo que se amosan escépticos sobre o emprazamento realizado desde o IGAPE para unha reunión nas proximas datas.