Seguimento total da folga en Albada, que xa notificou o ERTE ao persoal afectado

A CIG demanda a actuación inmediata do Concello e que proceda ao rescate ou intervención da planta
A Coruña - 12 Dec 2019

Coa soberbia acostumada, Albada (do grupo Urbaser) entregaba onte mércores a comunicación formal do inicio do ERTE ás 39 persoas afectadas. E facíao na terceira xornada da folga indefinida que os traballadores e as traballadoras están a desenvolver en resposta ao paquete de recortes formulado pola empresa, que inclúe, alén dunha regulación temporal de emprego de 24 meses, unha modificación das condicións laborais, o decaemento do convenio e o despedimento dunhas 35 persoas (entre persoal eventual e de subcontratas).

Malia a intensa choiva, o frío e o vento que bate con forza na planta de tratamento de residuos de Nostián, un piquete informativo permanece día e noite no acceso ás instalacións, onde teñen organizado un pequeno campamento base. A folga está rexistrando un seguimento total en cada unha as tres quendas laborais, polo que só entran a traballar os servizos mínimos.

A solución, o rescate da concesión

A folga continúa adiante xa que, malia as declaracións realizadas dende o Concello da Coruña sobre as medidas a aplicar se empresa efectiviza o ERTE e impide a entrada dos camións do Consorcio das Mariñas a partir de xaneiro, até o momento non houbo actuacións concretas que permitan avanzar nunha solución. Dende o Goberno local, segundo o publicado na prensa, barállase a posibilidade dunha intervención, rescate ou secuestro da concesión, o que suporía que o Concello pasara a xestionar a planta, facéndose cargo da dirección técnica desta, ben co obxectivo de remunicipalizar as instalacións ou até que se produza unha nova licitación.

Neste senso, hai que subliñar que a CIG leva anos demandando o rescate da concesión e a súa xestión pública, máis tendo en conta que nas dúas décadas que Urbaser leva á fronte da dirección da planta, a conflitividade coas administracións e co persoal foi permanente e aínda por enriba, a empresa nunca logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas nos pregos.  

Por todo iso, a CIG demanda do Concello unha rápida actuación para evitar que Albada faga efectivo o seu paquete de recortes, garantir os empregos e os dereitos dos traballadores e das traballadoras, e poder enfiar unha solución que permita a suspensión da folga.