Seguimento total da primeira xornada de folga en Albada en demanda dun convenio digno

A Coruña - 05 Dec 2022

A primeira xornada de folga na planta de  tratamento de residuos de Nostián está rexistrando un seguimento total. Tanto na quenda de noite como na da mañá só entrou traballar o persoal designado como servizos mínimos. Este respaldo masivo á folga evidencia que as traballadoras e traballadores están fartos dos abusos de Albada e a súa disposición a loitar por un convenio digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos seus salarios e recupere os dereitos que tiñan recoñecidos no anterior convenio.

Coincidindo co arranque da folga na quenda da noite do domingo ao luns, o persoal concentrouse no acceso ás instalacións de Nostián nun gran piquete informativo, dando así unha demostración de forza e unidade ante o bloqueo patronal á negociación do convenio.

A esta xornada seguiranlle dous días máis de paro xeral que se desenvolverán das 22h do día 6 ás 22h do día 7 de decembro; e das 22h do xoves 8 até ás 22h do venres 9 de decembro.

Manter conxelados os salarios e recortar dereitos

O persoal denuncia que Albada non só non atendeu ningunha das propostas trasladadas polo comité, senón que presentou unha oferta que suporía perpetuar a conxelación salarial até o ano 2028 e perder os dereitos económicos e sociais que o persoal xa tiña recoñecidos no anterior convenio (licencias, fondo social, complementos por IT, pluses etc).

Hai que subliñar que o 1 de xaneiro de 2020 o convenio propio de Albada decaeu, a causa das manobras feitas pola empresa para dilatar as negociacións e aproveitar a limitación da ultravixencia imposta na reforma laboral de 2012 para deixalo sen efecto. Dende entón, intervención municipal da planta e pandemia por medio, as negociacións permaneceron estancadas até hai uns meses, que se conseguiron retomar.

Porén, como denuncia o presidente do comité, Hadrián Canosa, dende o primeiro momento foi evidente que o obxectivo da empresa non era afrontar unha negociación real, senón impor un convenio miserento baixo a escusa de estar en situación de prórroga forzosa.

Porque esta negociación dáse ademais nun contexto complexo para o futuro das instalacións, cunha concesión caducada dende hai dous anos e co serio risco de que o Concello da Coruña non teña lista a nova licitación antes de acabar a lexislatura, malia que o anterior Goberno tiña practicamente rematados os pregos. "Rematar a lexislatura sen ter os pregos publicados sería un fracaso absoluto por parte deste Goberno municipal", reiterou Canosa.

A este respecto, na reunión mantida a pasada semana coa concelleira de Medio Ambiente, a responsábel política non trasladou ningunha data concreta para a conclusión e publicación dos pregos (que están aínda en fase de anteproxecto), nin avanzou solucións que despexen o futuro da planta de tratamento de residuos de Nostián -que presta servizo non só á cidade, senón a todos os concellos da comarca integrados no Consorcio das Mariñas-.

A empresa aposta polo conflito

A conflitividade laboral e coa administración son recorrentes nesta empresa. Dende a posta en marcha das instalacións hai máis de 20 anos, Albada incumpriu de maneira sistemática os pregos de condicións en canto aos niveis esixidos de recuperación e reciclaxe, e practica unha política de relacións laborais baseada no ataque permanente aos dereitos do seu persoal.

A día de hoxe, a empresa acumula sancións da Inspección de Traballo polos numerosos incumprimentos en materia de seguridade e prevención de riscos e pola falta dos investimentos necesarios na planta, que se atopa nun estado lamentábel. Pero tamén foi sancionada pola administración galega por non selar o vertedoiro, o que provoca constantes verteduras de lixiviados ao mar.

Por todos estes motivos, o comité acordou convocar tres xornada de folga para esta semana, pero non descarta intensificar o calendario de mobilizacións se "non hai solucións que garantan os dereitos económicos e laborais do persoal", mais tamén reclaman solucións que garantan a viabilidade das planta de Nostián e o seu modelo de tratamento de residuos.