Seis apuntamentos para debullar a turbulencia en Irán
A oposición saíu ás rúas pero recoñece que non ten forza para tomar o poder. Hai informes de interferencia estadounidense e israelí, e non axuda á oposición que o fillo do Shah estivera tanto a reclamar mérito polas protestas como a verse a si mesmo como o seu beneficiario
Irán está en turbulencia. En todo o país houbo protestas de diferente magnitude, cun aumento da violencia que levou tanto a manifestantes como a policías á morgue. O que comezou como folgas laborais e protestas pola inflación reuniu unha serie de descontentos, con mulleres e xente nova frustradas por un sistema incapaz de garantirlles a subsistencia. Irán leva baixo asedio económico prolongado e foi atacado directamente por Israel e os Estados Unidos non só dentro das súas fronteiras, senón en toda Asia Occidental (incluíndo os seus enclaves diplomáticos en Siria). Esta guerra económica librada polos Estados Unidos creou a situación para esta turbulencia, pero a turbulencia en si non está dirixida contra Washington senón contra o goberno de Teherán.
Hai informes—como o do xornal israelí de referncia Ha’aretz en outubro de 2025 sobre "operacións de influencia israelís que pretenden instalar a Reza Pahlavi como Shah de Irán"—de que a intelixencia israelí ten un papel nas protestas, e os Estados Unidos dixeron abertamente aos manifestantes que bombardearían Teherán se a violencia do goberno aumentase. O ano pasado, houbo protestas en doce refinarías de petróleo de South Pars, onde cinco mil traballadores contratados do Sindicato de Traballadores da Refinaría de Gas de Bushehr se manifestaron coas súas familias o 9 de decembro en Asaluyeh para demandar salarios máis altos e mellores condicións laborais. Cando os traballadores levaron a súa loita ao Parlamento Nacional en Teherán, onde esixiron a fin do sistema de traballo por contrato, israelís e os Estados Unidos aproveitaron estas protestas sinceras para tentar transformar unha loita lexítima nunha operación potencial de cambio de réxime.
Para entender o que está a suceder, aquí están seis apuntamentos de importancia histórica que se ofrecen no espírito do debate. Desde 1979, Irán xogou un papel moi importante no movemento máis alá das monarquías no mundo árabe e musulmán, e foi un importante defensor da loita palestina. Irán non é alleo á interferencia estranxeira, remontándose ao control británico do petróleo iraniano desde 1901, a Convención Anglo-Rusa de 1907 que dividiu Irán en esferas de influencia, o golpe de estado de 1921 que colocou a Reza Khan no trono, o golpe de 1953 que instalou o seu fillo, Mohammed Reza Shah Pahlavi, no trono, e despois a guerra híbrida contra a Revolución Iraniana desde 1979 até o presente. Estes son os seis apuntamentos:
- A Revolución Iraniana de 1978-79 derrubou o goberno do Shah de Irán Reza Pahlavi, e debido á forza do clero relixioso e das súas formacións políticas resultou na creación da República Islámica en abril de 1979, coa Constitución da República Islámica entrando en vigor en decembro de 1979. As outras correntes da revolución (desde a esquerda comunista até os liberais) encontráronse na práctica marxinadas e incluso—nalgúns casos—reprimidas. As protestas de marzo de 1979 no Día Internacional da Muller en Teherán seguiron ás restricións dos dereitos das mulleres (particularmente contra a política do hixab obrigatorio), que obrigaron o Goberno a aceptar as demandas das protestas —pero isto foi unha vitoria a curto prazo, xa que en 1983 se aprobou unha lei de hixab obrigatorio.
- A Revolución seguiu o golpe militar de Zia ul-Haq en Paquistán en 1977, a Revolución de Saur en Afganistán (agosto de 1978), o estabelecemento do Partido Socialista Iemenita (outubro de 1978) que levou á República Democrática Popular do Iemen á esfera soviética e que desembocou na guerra norte-sur no Iemen (febreiro-marzo de 1979), e a toma do poder por Saddam Hussein en Iraq en xullo de 1979 —toda a rexión do suroeste e centro de Asia catapultada en vaivéns políticos. Algúns destes acontecementos (Paquistán, Iraq) ofrecendo vantaxes a Estados Unidos, e os outros (Afganistán, Irán, Iemen) sendo contrarios aos obxectivos estadounidenses na rexión. Moi rapidamente, os Estados Unidos tentaron aproveitar as súas vantaxes co fin de derrocar a República Islámica de Irán, a República Democrática Popular do Iemen e a República Democrática de Afganistán.
- A presión dos Estados Unidos sobre estes procesos levou a situacións case de guerra nos tres países: Estados Unidos e os seus aliados do Golfo instaron a Iraq a invadir Irán sen provocación en setembro de 1980, comezando unha guerra que durou até 1988; os estados árabes do Golfo instaron o Iemen do Norte a invadir o Iemen do Sur tras o asasinato de Salim Rubaya Ali (un maoísta que estaba a negociar a fusión dos dous Iemens); finalmente, en Afganistán, os Estados Unidos comezaron a financiar os muxahidíns para iniciar unha campaña de asasinatos contra cadros do Partido Democrático Popular de Afganistán. Irán, Afganistán e Iemen viron os seus proxectos sociais limitados polos ataques que sufriron desde fóra. Afganistán envolveuse en máis de corenta anos de terríbel violencia e guerra, aínda que a República Democrática de Afganistán se mantivo durante dezaoito anos; o goberno marxista do Iemen do Sur mantívose até 1990, pero era unha pálida sombra das súas propias expectativas; Irán, entrementres, viu como a súa República Islámica sobrevivía a unha dura política de sancións que seguiu ao fin da guerra con Iraq (en 1988).
- A República Islámica enfrontouse a varios retos importantes e consecutivos:
- O máis importante veu do imperialismo estadounidense, que non só apoiou plenamente a guerra de Iraq, senón que apoiou iniciativas das antigas elites iranianas para restaurar o seu goberno e apoiou os intentos israelís de minar a República Islámica (incluíndo ataques directos a Irán, operacións de sabotaxe e asasinatos de figuras clave das ciencias e do exército). Son Estados Unidos e Israel os que estiveron intentando sistematicamente erosionar o poder de Irán na rexión co asasinato do Xeneral Qassem Soleimani en 2020, o duro ataque a Hezbollah durante o xenocidio israelí e o asasinato de Syed Hassan Nasrallah en 2024, e o derrocamento do goberno en Siria en decembro de 2024 coa instalación do antigo xefe de al-Qaeda como Presidente en Damasco.
- As vellas elites iranianas, lideradas polo Shah ao principio até a súa morte en 1980 e despois polo seu fillo, o chamado Príncipe Herdeiro Reza Pahlavi, uníronse con europeos e estadounidenses para restaurar o seu goberno. É importante saber que, mentres o Shah estivera sentado no Trono do Pavón desde 1941, foi obrigado a aceptar un goberno democrático de 1951 a 1953 —que foi derrocado polos servizos de intelixencia occidentais e despois animouse ao Shah a exercer un goberno absoluto de 1953 até a revolución de 1978-79. O bloque do Shah sempre quixo volver ao poder en Irán. Mentres o Movemento Verde de 2009 tivo un elemento monárquico moi pequeno, representou as clases dominantes que querían reformas políticas fronte á presidencia máis plebea de Mahmoud Ahmadinejad. É revelador que Estados Unidos "elixise" o fillo do Shah, que vive en Los Angeles, como figura deste levantamento.
- As limitacións á axenda social transformadora da república estiveron presentes ao tolerar sectores da vella elite, permitíndolles manter as súas propiedades, e polo tanto permitindo a formación dun sistema de clases estratificado que beneficiou a sectores destes propietarios e dunha emerxente clase media. Tras a morte do Aiatola Ruhollah Khomeini en xuño de 1989 e o fin da Guerra Irán-Iraq, o goberno adoptou gran parte das políticas de axuste estrutural do Fondo Monetario Internacional, que —dun xeito ou doutro— se mantiveron durante décadas (a política foi impulsada por Mohsen Nourbaksh, que foi Ministro de Asuntos Económicos de 1989 a 1994 e despois xefe do Banco Central de 1994 a 2003). A economía non se organizara en 1979 seguindo liñas socialistas, pero construíra un forte papel para o estado e para a planificación pública debido ás necesidades da economía de guerra e ao compromiso co benestar social islámico. Nourbaksh non puido desmantelar totalmente o estado, pero levou a cabo reformas monetarias e bancarias así como foi integrando Irán na economía global. A diverxencia de clases e as dificultades da vida para a maioría dos iranianos aumentaron debido ao impacto combinado do réxime de sancións estadounidense-europeo, as ameazas militares dos Estados Unidos-Israel (que levou a un alto gasto militar en Irán—aínda así ao redor do 2,5% do PIB, é moito menor que o 12% do PIB durante o reinado do Shah), e ás políticas neoliberais seguidas polos cada vez máis neoliberais ministros de facenda do goberno (como Ali Tayebnia de 2013 a 2017 e Ali Madanizadeh desde 2025). Foi esta limitación da República Islámica a que levou a ciclos de protesta económica: 2017-2018 (arredor da inflación e cortes de subvencións), 2019 (arredor do aumento do prezo do combustíbel), 2025 (de panadeiros), e 2025-26 (inflación desbocada e colapso do rial iraniano).
- Mentres as protestas actuais están maioritariamente impulsadas por un tipo de cambio Rial-USD en máximos históricos e unha taxa de inflación alimentaria do 60%, a transición das folgas laborais en South Pars á violencia urbana coordinada apunta cara a un nivel máis profundo de intervención. A administración favoreceu sectores do sector importador-exportador, o cal funcionou no contexto das sancións, para axudar os exportadores de materias primas en detrimento dos importadores —unha situación que non é doada de corrixir. Con todo, a caída abrupta do 30-40% na moeda é un sinal clásico de manipulación financeira externa. Por tanto, o que comezou como propietarios de negocios protestando contra o Banco Central sen interferencia, axiña se transformou nun asalto violento, descendente, contra o tecido estatal. As "protestas" cambiaron dun día para outro de asembleas pacíficas a sabotaxe urbana de alta intensidade resultando na morte duns 100 axentes da lei, con denuncias de que algúns axentes foron queimados vivos, un membro de seguridade foi decapitado e unha clínica médica foi incendiada, cobrándose a vida dunha enfermeira, por exemplo. O uso de fogo de armas lixeiras a curta distancia contra civís suxire ademais un intento de maximizar a tensión doméstica e fornecer un pretexto para a intervención estranxeira. A orquestración xeopolítica detrás do caos volveuse innegábel cando o Departamento de Estado dos Estados Unidos e o Mossad aplaudiron abertamente a violencia en tempo real. Unha vez as autoridades cortaron o acceso a Internet, as protestas perderon significativamente forza, o que pon en cuestión a espontaneidade do movemento e dá verosimilitude á tese de que hai unha estratexia de desestabilización en xogo, buscando beneficiarse da conxuntura internacional actual.
- A oposición saíu ás rúas pero recoñece que non ten forza para tomar o poder. Hai informes de interferencia estadounidense e israelí, e non axuda á oposición que o fillo do Shah estivera tanto a reclamar mérito polas protestas como a verse a si mesmo como o seu beneficiario. Con Trump á fronte do hiperimperialismo, e con Israel nun período do que sente que son vitorias sen fin, é imposíbel saber que farán estas perigosas camarillas. Cando as mobilizacións perdan azos, o que sucederá, os Estados Unidos-Israel poderían aproveitar a situación para atacar Teherán e outras cidades con máis forza do que fixeron en xuño de 2025. Isto debería ser unha preocupación non só para a xente en Irán, a inmensa maioría da cal non desexa un ataque contra o seu país, senón tamén para a xente do Sur Global —que se atoparán como o próximo obxectivo despois de Venezuela e Irán.
Problemas reais aflixen a poboación, pero estes problemas non se van resolver a través dun bombardeo aéreo hiperimperialista por parte dos Estados Unidos e Israel. Os iranianos terán que resolver os seus propios problemas. O réxime de sancións e as ameazas de violencia non fan nada para permitir que isto aconteza. É doado dicir "solidariedade cos iranianos" no Occidente, onde os manifestantes son golpeados e incluso asasinados polo seu apoio aos palestinos e a súa ira contra as políticas antiinmigración; parece moito máis difícil dicir "acabemos coas sancións", e así permitir que o pobo iraniano respire cara ao seu propio futuro.
[Artigo tirado do sitio web CounterPunch, do 14 de xaneiro de 2026]