Seminario Sindical: Solidariedade con Palestina celebrado en Bruxelas coa participación da CIG

Rematar coa complicidade europea coas violacións israelís do dereito internacional

Bruxelas -

Durante os pasados días 18 e 19 de novembro, desenvolveuse en Bruxelas o Seminario Sindical de Solidariedade con Palestina, no que a CIG participou activamente. Un Seminario feito por algúns sectores do movemento sindical cun espírito internacionalista, de solidariedade obreira e na defensa dos dereitos fundamentais, que facemos un chamamento por unha solución xusta para o pobo palestino.

Os valores fundamentais do internacionalismo sindical obríganos a tomar accións concretas e efectivas, encamiñadas a rematar coa ocupación ilegal levada a cabo por Israel, a implementación das resolución da ONU e a solución xusta e equitativa para todos/as. Cos esta intención facemos un chamamento para coordinar unha mobilización do movemento sindical europeo, para tomar acción efectivas de cara a rematar coa negación israelí dos dereitos do pobo palestino e os seus constantes incumprimentos e violacións do dereito internacional.

A cuestión palestina atópase nun intre crucial. Israel avanza sen pausa na colonización das terras palestinas na ocupada Cisxordania e Xerusalén, e continúa expulsando á xente palestina da súa terra ancestral. Un bloqueo brutal está sendo imposto sobre 1,8 millóns de residentes na Franxa de Gaza desde 2007, e os/as refuxiados/as palestinos/as seguen sen o seu dereito a retorno. A pesares de varias iniciativas de paz e desenvolvemento económico, a persistencia do violento sistema israelí de ocupación invalida en case a súa totalidade o desenvolvemento económico de Palestina. Os últimos informes da OIT son concluíntes ao respecto. A taxa de desemprego na Cisxordania ocupada atópase nun 27%, mentres que o informe dio Banco Mundial indica que Gaza ten a taxa de desemprego máis alta do mundo.

O opresivo sistema (declarado ilegal internacionalmente) do muro, colonias, controis e contínua anexión de terras impostos sobre a poboación palestina non só lles nega a capacidade de desenvolver unha economía local próspera, arrincándolles das súas terras e fontes de ingresos, senón que tamén obriga aos traballadores a traballadoras a condicións humillantes e de absoluta explotación, con tal de sobrevivir.

Numerosas resolucións da ONU e recomendacións da Unión Europea non remataron coa actitude de Israel, que segue coa súa política colonial e de discriminación contra o pobo palestino, incluíndo 1,5 millóns de palestinos/as cidadáns de Israel.

Como sindicalistas europeos estamos consternados diante desta situación de impunidade, que chega ao punto no que grandes corporacións multinacionais extraen beneficios a costa desa continuada opresión e desposesión do pobo palestino. Mentres a UE critica algún aspectos das políticas israelís, seguen a prestarlle apoio político, económico e militar. O libre comercio da UE pisotea constantemente os dereitos palestinos, como resaltaron máis de 150 organizacións sociais europeas, demostrando que o TTIP cercenará posibilidades de solidarizarse con Palestina. Queremos desenvolver unha campaña que remate co Acordo de Asociación UE-Israel, que lle dá a Israel acceso preferencial aos mercados europeos, permite que institucións e a industria armamentística israelí reciban fondos da UE, e proporciona a Israel o apoio político que necesita para seguir levando a cabo os crimes contra a poboación palestina. Todo isto, por certo, incumprindo o artigo 2 de dito Acordo : “As relacións entre as partes….estarán baseadas no respecto aos dereitos humanos e principios democráticos”.

Como sindicalistas e cidadáns, cremos que estamos na obriga de facer algo colectivamente en solidariedade co movemento obreiro palestino, e desenvolver estratexias para responsabilizar aos nosos gobernos e á UE e presionar ás corporacións para rematar coa súa complicidade coas violacións israelís do dereito internacional e dos dereitos humanos.

Durante este seminario:

  • Escoitamos a sindicalistas palestinos na súa loita pola xustiza e igualdade.
  • Examinamos pasos concretos para fortalecer vínculos entre os movementos sindicais palestino e europeo.
  • Debatemos e compartimos mecanismos nos que os sindicatos se mobilicen de maneira efectiva para presionar á Unión Europea, gobernos, institucións e empresas a rematar co seu apoio ás violacións israelís dos dereitos dos/as traballadores/as, dos dereitos humanos e do dereito internacional.
  • Exploramos posibilidades de coordinación e traballo conxunto entre sindicatos e sindicalistas en toda Europa.

 

Este seminario foi un primeiro paso cara ao establecemento dunha plataforma intra-Europea de sindicatos e sindicalistas que traballan para fortalecer a solidariedade sindical con Palestina e loitar polo fin da complicidade europea coas violacións israelíes do dereito internacional e os dereitos humanos.

 

Apoios iniciais á iniciativa:

A iniciativa foi apoiada, nun primeiro momento, polas seguintes organización:

 

The Irish Congress of Trade Unions (ICTU), Fagforbundet (Norway), Union syndicale Solidaires (France), La Centrale Générale-FGTB (Belgium), ACV/CSC Brussels (Belgium), UNISON (UK), The Norwegian Trade Union LO in Trondheim, Unison N. Ireland, Derry Trades Union Council, Workmates - trade union section of Norwegian Palestine Committee (Norway), Trade Union Friends of Palestine (Ireland),  Communications Workers Union (Ireland), Confederacion Intersindical Galega (Galiza), Mandate Trade Union (Ireland).

 

DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA DO SEMINARIO:

1º Día:

  • Apertura, presentación e benvida por representantes da Iniciativa Sindical Europea para a Xustiza en Palestina (La Centrale Générale-FGTB, ACV/CSC Bruxelas e ICTU).
  • Sesión 1 do Plenario: A loita do movemento obreiro palestino polos dereitos dos/as traballadores/as e contra a ocupación. Interviron: Wehbe Badarneh (Sindicato de Traballadores Árabe), Ghada Ghalyoun (PGFTU), Muhammad Bleidi (Novos Sindicatos). Logo das distintas intervencións, quedaron patentes as diferencias actuais entre as distintas organizacións sindicais palestinas, e as súas formas de entender e afrontar a problemática laboral e a ocupación.
  • Sesión 2 do Plenario: A Complicidade da Unión Europea coas violacións israelís do dereito internacional e os dereitos humanos. A Asociación UE-Israel, incluído o Plano de Financiación da investigación da UE Horizonte 2020 e o seu papel na perpetuación da impunidade israelí. Intervención de David Cronin.
  • Obradoiros de traballo: Solidariedade a través de campañas.

Constituíronse 3 grupos de traballo en obradoiros, que debateron e elaboraron propostas sobre as seguintes temáticas:

1.- A Complicidade da Unión Europea: Impacto das relacións UE-Israel, Acordos de Asociación e outros instrumentos da UE. Desenvolvendo formas nas que o movemento obreiro pode facer presión e influír nas prácticas das distintas institucións, e coordinalo en toda Europa.

2.- A Complicidade corporativa: Temos exemplos dabondo sobre a complicidade que moitas empresas teñen con Israel a pesar das súas constantes violacións dos dereitos humanos. O movemento sindical europeo pode incidir nesas empresas para tratar de mudar e denunciar as súas actuacións. (Nós participamos neste obradoiro).

3.- A complicidade europea con Israel no terreo militar: Os vínculos entre Europa e Israel en materia militar e de seguridade. Avaliar o seu impacto na poboación palestina. Revisar as políticas dos diferentes estados ao respecto. Camiñar cara un embargo militar a Israel.

  • Concentración na Praza da Bolsa de Bruxelas para denunciar esta situación.
  • Acto social de convivencia na mesma sede de celebración do seminario.

 

2ºDía:

  • Sesión 3 do Plenario: Neoliberalismo nun territorio ocupado. Discusión sobre como a loita contra un réxime de ocupación, o apartheid e o colonialismo dos colonos se cruza coa loita contra o atrincheiramento das políticas económicas neoliberais. Interveñen representantes dos sindicatos palestinos, que amosan outra vez as súas diferencias: Nithya Nagarayan (GFIU), Rawiya Abu Laban (Union de Telecomunicacións), Abed Abdelhakim Elayyan (GFIU).
  • Reunións de traballo dos tres obradoiros (en sesión de mañá e de tarde).
  • Posta en común dos debates e conclusións dos tres obradoiros.

Algunhas propostas:

.- Elaborar documentación coas propostas e conclusións.

.- Intercambiar correos electrónicos.

.- Constituír grupos de traballo que celebrarán, cando menos, dúas reunións ao ano.

.- Organizar o seguinte Seminario, probablemente en Barcelona. Reunión preparatoria o vindeiro día 1 de febreiro de 2017, en Bruxelas.

.- Tratar de involucrar a máis organizacións sindicais.

.- Presionar en ETUC.

.- Acordar un día común de mobilización a nivel europeo.

  • Sesión de clausura: Construíndo o futuro

OUTRAS REUNIÓNS PARALELAS:

Desde a CIG, aproveitamos a celebración deste seminario para manter reunión con algunhas das organizacións palestinas presentes no evento, coa fin de coñecer máis de preto as súas respectivas visións da situación en Palestina. Reunímonos con representantes de GFIU e tamén dos novos sindicatos.

Xosé L. Rivera Jácome

Responsábel de Relacións Internacionais da CIG

Volver