Sergio Bologna, no Seminario Internacional: “Non hai antifascismo sen anticapitalismo”

Palestra do intelectual italiano sobre o seu libro 'Nazismo e clase obreira'
Nacional - 04 Xun 2025

Sergio Fontegher Bologna, un dos máximos expoñentes do operaísmo (movemento político e filosófico que apareceu na Italia dos anos 60 do século pasado), ofreceu o pasado 23 de maio unha palestra en Compostela arredor do seu libro Nazismo e clase obreira, que vén de ser publicado en galego. A palestra, que decorreu como antesala ao  Seminario Internacional organizado pola CIG no marco do IX Congreso Confederal, trazou unha radiografía do devir político, económico e social das últimas décadas, ofrecendo claves que axudan a comprender o ascenso do fascismo en Europa.

O intelectual italiano explicou que para entender como a extrema dereita avanza hoxe “hai que retroceder polo menos 40 anos”, cando o modelo neoliberal substituíu o modelo do compromiso socialdemócrata adoptado polos Estados occidentais de Europa tras a fin da II Guerra Mundial. Advertiu que “non hai antifascismo sen anticapitalismo” e criticou o non confronto do neoliberalismo polos partidos da esquerda tradicional (como o laborismo en Inglaterra, os ex-comunistas en Italia, ou os socialistas en Francia), “que o foron aceptando pouco a pouco, contribuíndo así a crear a situación que nos últimos anos viu o auxe da extrema dereita”.

Neoliberalismo

“En vez de combater o neoliberalismo, os partidos de esquerda buscaron salvar a súa pel e esquecéronse cada vez máis das persoas traballadoras. Esta tendencia, que levará ao abandono dos valores e principios da xustiza social, acelérase fortemente tras a caída do Muro de Berlín, en 1989”, incidiu. 

En vez de combater o neoliberalismo, os partidos de esquerda buscaron salvar a súa pel e esquecéronse cada vez máis das persoas traballadoras

Bologna, que tratou múltiples disciplinas como a filosofía, a socioloxía, a economía ou a historia dende o marco da teoría crítica da sociedade, fixo un repaso pola política italiana das últimas décadas, co xiro á “extrema dereita neofascista”, as mudanzas na estrutura socio económica do país coa privatización da industria pública e os grandes bancos, e a implantación dunha política de flexibilización da forza de traballo “cada vez máis precaria”.

Porén, para Bologna “o aspecto máis dramático a nivel mundial é a supremacía da finanza sobre a produción” que arrinca a partir dos anos 80-90 paralelo á consolidación da globalización. “Comeza o período da economía da débeda. Contra a finanza é difícil organizar unha oposición de clase”.

Precariedade laboral

Destacou que as condicións de traballo cada vez máis precarias “afastan tanto á clase obreira da ‘esquerda’ como á clase media intelectual. Porque o traballo intelectual en todas as empresas do sector terciario e dos servizos é aínda máis precario e mal remunerado, especialmente no sector público, onde os servizos son externalizados e adxudicados a quen ofrece o prezo máis baixo. Así, os obreiros e obreiras comezan a votar pola extrema dereita, e a clase media comeza a non votar”.

Esta elevada abstención facilitoulle a presidencia de Italia a Giorgia Meloni, mais Bologna rexeitou os argumentos que culpan a clase obreira por esta vitoria do neofascismo, tal e como se fixo “en 1933 en Alemaña”. “Pero isto é dobremente falso”, salientou, “a responsabilidade da vitoria da dereita recae totalmente en aqueles que abandonaron os principios de xustiza social e abrazaron o modelo neoliberal”. Doutra banda cualificou Fratelli d’Italia ou AfD de Alemaña como partidos da “Nova Dereita”, que aínda que utilizan símbolos fascistas, “son moi pragmáticos e apoian políticas, en ocasións, máis prudentes que as da chamada “esquerda” (véxase o caso do envío de tropas a Ucraína)”.

Sergio Bologna quixo rematar a súa palestra lanzando unha mensaxe de esperanza no futuro que detecta “nunha nova vontade de loitar” da xente moza, nun incremento da afiliación ao sindicalismo de clase ou no aumento da mobilización social e das folgas.