Sindicatos e empresas avanzan nunha proposta para a inclusión dos acordos das auxiliares no convenio

O documento, que responde aos requirimentos da patronal provincial, será votado en asemblea
Ferrol - 09 Out 2018

Este luns retomábanse as negociacións na Mesa do Naval de Ferrol de cara a avanzar na incorporación dos acordos para o persoal das auxiliares de Navantia no convenio colectivo do metal da Coruña. A xuntanza serviu para abordar unha proposta común que dea resposta ás cuestións requiridas pola patronal provincial, e que deberá someterse á votación das asembleas de traballadores e traballadoras.

Cómpre lembrar que o pasado día 2 de outubro a patronal do convenio provincial mudou por primeira vez a súa postura a respecto dos acordos das auxiliares, deixando unha porta aberta a súa inclusión, e, aínda que sen compromisos, puxo unha serie de condicións que os sindicatos e as empresas auxiliares deben resolver previamente.  

Estas cuestións refírense a que plus salarial só o recibirá o persoal que traballe dentro do estaleiro e, exclusivamente mentres traballe no estaleiro; igual as categorías dos complementos aos grupos salariais do convenio; que a presenza dos pluses nas auxiliares no convenio provincial podería ser a través dunha disposición transitoria de carácter temporal; e que sindicatos e empresas deben levar un acordo pechado e definitivo, sen deixar puntos pendentes de negociación na mesa do convenio.

As empresas aceptan as propostas sindicais

Dende CIG-Industria informan que na reunión deste luns, as empresas aceptaron as propostas preparadas polas centrais sindicais para atender as condicións requiridas pola a patronal do provincial sobre a igualación das categorías cos grupos salariais e sobre a temporalidade da inclusión dos pluses no convenio. Ademais, as empresas comprometéronse a explicar e defender estas propostas na reunión co resto das industrias auxiliares.

No tocante á a proposta económica, sinala a CIG-Industria, as empresas ratificáronse na súa oferta do mes de abril.

Polo tanto, e coa vista posta na reunión marcada polo Consello Galego de Relacións Laborais para o vindeiro 17 de outubro, queda pendente agora a celebración de asembleas para a votación da proposta.