Sindicatos e patronal do Transporte crean, por primeira vez, un Marco Galego de Negociación

Por agora negociarán os salarios dos catro convenios e a subrogación

Nacional -

Sindicatos e patronal do sector do transporte chegaban este martes, día 4 de xullo, ao acordo “histórico” de abrir unha mesa para chegar a un Acordo Marco Galego. Segundo explica o responsábel do sector na FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, no escrito asinado, ambas as partes comprometéronse a negociar as dúas cuestións máis urxentes: os salarios dos catro convenios e a cuestión da subrogación. Pastoriza considera que “é en si mesmo un avance porque, independentemente do resultado, é a primeira vez que a patronal senta nun marco galego”.

Respecto das cuestións a abordar, o responsábel do sector na FGAMT-CIG, explica que aínda que xa hai cláusulas de subrogación nos convenios, cos cambios que se van introducir, tanto a parte social como a patronal coincidiron en que é necesario revisalas. “Cando se introduciron esas cláusulas de subrogación contábase con que algún dia houbera novos contratos, pero cun sistema parecido ao que hai agora, e o que presenta a Xunta é completamente diferente, polo tanto a forma de subrogar tamén será distinta, porque antes estaban separados os contratos de escolar dos contratos de liña, co cal antes falábase de porcentaxe de traballo nun sitio e noutro e agora iso temos que revisalo”.

Pastoriza salienta que a patronal está polo labor de sacar este tema para adiante porque aínda que en contrato, a Xunta quere que a subrogación figure, “non nos dá garantías o que poña, queremos aseguralo no propio convenio”.

Convenios caducados, salarios sen revisar

O representante da FGMT-CIG sinala tamén que no acordo acadado este martes se fixou a necesidade de revisar a cuestión salarial. Pastoriza sinala que os catro convenios están sen negociar e algún, como o de Pontevedra, está mesmo caducado desde 2011. Por iso, como condición previa para negociar “o que xa dixemos é que é condición sine qua non recuperar até este ano todos os IPC de cada convenio e negociar a maiores a suba salarial de 2017”.

Polo momento non se iniciaron as negociacións porque o que se pechou tras do debate foi o marco no que se negociar. “Eles querían facer unha declaración de intencións e logo negociar en cada convenio e dixemos que non”.

Mañá xoves, día 6 de xullo, reunirase novamente a mesa de negociación ás 11:00 horas, novamente no Consello Galego de Relacións Laborais, e logo xa se incorporarán ao debate, segundo adianta Xesús Pastoriza, as e os delegados.

Volver