Sindicatos e patronal do transporte reúnense a instancias da CIG no Consello Galego de Relacións Laborais

Intentarán reactivar a Mesa Galega para negociar un convenio nacional

Nacional -

Tras rachar onte a patronal do Transporte o Marco Galego de Negociación e derivar a negociación dos convenios ao marco provincial, a CIG solicitou –esta mesma mañá- a intervención do Consello Galego de Relacións Laborais coa idea de reactivar a mesa de ámbito nacional. O Consello fixou unha xuntanza para as 16:00 horas desta mesma tarde e dos acordos aos que se chegue dependerá que se efectivice a folga indefinida convocada a partir deste xoves que, polo momento, segue en pé.

Segundo explica o responsábel do sector do transporte da FGAMT-CIG, a patronal xustificou a súa decisión de rachar o Marco Galego de Negociación logo de CCOO e UGT asinar o acordo coa Xunta de Galiza. “O marco acordado tiña como obxectivo abordar esencialmente dúas cuestións, o Plan de Transporte da Xunta e os convenios colectivos. Ao asinar o acordo coa Xunta a patronal entendeu que unha das patas, o Plan de Transporte, xa non estaba en pé, polo tanto rachou o acordo e derivou a negociación do convenio ao marco provincial”.

Pastoriza considera que isto supuña un grave problema para as traballadoras e traballadores do sector, xa que a patronal estaría en disposición de sentar a negociar, mañá mesmo, os convenios da Coruña e Pontevedra, pero os de Lugo e Ourense quedaban sen data e a súa negociación aprazada sine die.

Así as cousas e diante da convocatoria dunha folga indefinida, a CIG considerou necesario reabrir o diálogo para intentar recuperar o  marco nacional para avanzar na negociación de todos os convenios. Por iso solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Asembleas de traballadores/as

A convocatoria de folga indefinida segue en pé tal e como estaba formulada e así foi moi maioritariamente referendada polas traballadoras e traballadores que participaron nas asembleas que se celebraron a primeira hora da mañá deste mércores e que se están adherindo ás propostas que está presentando a CIG.

Deste xeito, “a non ser que esta tarde se chegue a algún acordo, mañá comezará a folga indefinida”, conclúe Pastoriza.

Volver