Sindicatos e patronal piden reunión co conselleiro de Economía para abordar a problemática da Formación

A CIG, CCOO, UGT e CEG reclaman un cambio "substancial" de modelo

Nacional -

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, xunto coa patronal galega (CEG) presentaron este martes un escrito, no rexistro da Xunta de Galiza, solicitando unha xuntanza co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, para lle trasladar a preocupación suscitada pola situación na que se atopa a formación para o emprego e, nomeadamente, a vindeira convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

A petición da xuntanza prodúcese tras o compromiso conxunto das devanditas organizacións de colaborar na procura da “mellora da cualificación das persoas traballadoras” e do “tecido produtivo galego” posto que consideran a “formación profesional para o emprego” como “un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego”, tanto pola súa “eficacia na mellora da ocupación dos desempregados” e da “cualificación das persoas ocupadas”, como polo seu “efecto dinamizador sobre a competitividade do conxunto das empresas”.

Cambio de modelo

As organizacións sindicais e a patronal galega manifestan que “o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competividade e de cualificación ao longo da vidas das persoas traballadoras”.

Por iso propoñen a súa modificación substancial e a da próxima convocatoria de formación para persoas traballadoras ocupadas “adaptándoos ás circunstancias e idiosincrasia” de Galiza e tendo en conta ademais “o tempo transcorrido desde a última convocatoria destas subvencións”.

En concreto consideran necesario incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións e ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego, así como actualizar e desenvolver as competencias dos traballadores/as ocupados/as, coa fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalos para os cambios no mercado de traballo e  a utilización das novas tecnoloxías e, deste xeito. Favorecer a mellora da competitividade  das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.

Apuntan tamén a necesidade de mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas e o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.

Entenden que cómpre apostar por unha formación para o emprego que apoie as PEMES e aos traballadores/as con máis dificultades de acceso ao emprego.

Xunto a isto subliñan a necesidade de garantir o carácter finalista dos fondos de formación, é dicir que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.

Ademais demandan que se garanta que non existen períodos temporais sen convocatorias de plans de formación e regular a participación dos axentes sociais na detección de necesidades, na planificación, seguimento e avaliación da formación para o emprego.

Volver