Sindicatos internacionais reclaman á UE que paralice as negociacións do Acordo Comercial con Marrocos

As centrais denuncian que incumpre todas as resolucións relativas ao Sahara Occidental

Internacional -

As organizacións sindicais UGTSARIO e CTS do Sahara Occidental; CCOO, Confederación Intersindical, UGT e USO de España, CGIL e UIL de Italia, CGTP-IN de Portugal, CGT de Francia, CIG de Galiza, ELA e LAB de Euskal Herria e CTA-T de Arxentina, subscribiron o pasado luns, día 26 de febreiro unha declaración sindical e un escrito dirixido ao Intergrupo do Parlamento Europeo para o Sáhara Occidental, no que amosan a súa preocupación pola situación actual e reclaman solucións definitivas ao conflito que xa dura máis de 41 anos.

As organizacións sindicais piden que, de xeito urxente, se paralicen as negociacións do Acordo Comercial entre a UE e Marrocos, atendendo ás últimas sentenzas que consideran ilegal calquera tipo de acordo que afecte ao territorio e os recursos do Sáhara Occidental sen contar coa interlocución e aprobación dos seus representantes legais, neste caso a Fronte Polisario.

Este posicionamento xurdíu como conclusión dun encontro que mantiveron en sede do Parlamento Europeo baixo o título de “Sindicalistas e Solidariedade co Sahara Occidental”, organizado polo grupo GUE/NGL, durante os pasados días 19 e 20 de febreiro en Bruxelas.

Xunto a outras organizacións sociais e de dereitos humanos: Rede Euromediterránea de Dereitos Humanos (EMHRN), EUCOCO, SOLIDAR; representantes da CSI, outros parlamentarios e parlamentarias, e representantes da RASD en Bruxelas, debateron durante esas xornadas sobre a situación que padece a poboación saharaui, en especial a clase traballadora, o constante incumprimento das resolucións internacionais polo Reino de Marrocos, a violación de dereitos humanos, civís e laborais, a explotación ilexítima dos seus recursos, a represión de que son obxecto e, en definitiva, a ocupación ilegal do seu territorio, boicoteando constantemente, e coa conivencia dalgúns estados europeos (sobre todo España e Francia), a propia UE e as institucións internacionais, a celebración do agardado Referendo de autodeterminación, como única solución definitiva para que a poboación saharaui decida o seu futuro.

Acordos

Diante das últimas sentenzas e resolucións do Tribunal de Xustiza Europeo, e a actitude da Comisión Europea, que fai caso omiso e segue a negociar ese Acordo Comercial con Marrocos sen respectar os seus termos, tomamos nese encontro os seguintes acordos:

1º) Enviar un escrito ao Intergrupo Parlamentario sobre o Sáhara Occidental para facerlles unha serie de propostas.

2º) Enviar ao Intergrupo Parlamentario o comunicado.

3º) Facer xestións diante do goberno de España para que dea cumprimento aos dereitos xerados polos traballadores e traballadoras de empresas españolas até 1975, en concepto de cotizacións á Seguridade Social e as correspondentes indemnizacións.

4º) Tratar de buscar a forma de trasladar esta problemática á OIT, dentro da Conferencia Internacional que se celebrará no vindeiro mes de xuño.

As organizacións sindicais congratúlanse doutras resolucións que se están a coñecer estes días, como a de considerar a carga dun mercante de propiedade Saharaui, a pesar de ser comercializada con Marrocos, e agardan con optimismo unha nova sentenza no mesmo senso que, posiblemente, sairá estes días. Advirten, en todo caso, que estarán pendentes de que se dea cumprimento ás demandas que trasladaron á UE á Unión Europea.

Declaración dos sindicatos que participan na Conferencia

"Sindicalistas e solidariedade co Sahara Occidental" realizada na sede do Parlamento Europeo, Bruxelas, os días 19 e 20 de febreiro de 2018

REXEITAMENTO SINDICAL A UN POSÍBEL ACORDO UE-MARROCOS QUE AFECTA AO SAHARA OCCIDENTAL E OS SEUS RECURSOS NATURAIS

Os sindicatos abaixo asinantes, reunidos na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas, no ámbito da conferencia "Sindicalistas e Solidariedade co Sahara" reunión que implica sindicalistas de diferentes países e campamentos de refuxiados saharauís e os territorios ocupados analizaron as negociacións comerciais en curso entre a UE e Marrocos, os recentes sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo e a opinión do avogado xeral da Unión Europea Melchior Wathelet.

Lembramos que o dereito internacional non recoñece ningunha soberanía ou xurisdición marroquí sobre o territorio do Sáhara Occidental, nin considera a Marrocos como o Poder Administrativo do Territorio. Isto confírmase, entre outras normas e resolucións internacionais, a Carta das Nacións Unidas (Capítulo 73), a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, o ditame consultivo do Tribunal Internacional de Xustiza sobre o Sáhara Occidental en 1975 ou a opinión da ONU de 2002.

Lembramos tamén que a presenza de Marrocos no territorio saharauí só é mencionado como un acto de "ocupación" militar (Resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas 34/39 1979 e 35/1980) e debe darse por concluído.

O Sahara Occidental aínda está na lista de "Territorios Non autónomos" da ONU, e a súa condicións política final aínda non foi determinada polo pobo do Sahara Occidental, mediante o exercicio do seu lexítimo dereito á autodeterminación, como se indica claramente en todas as resolucións da ONU, nomeadamente a Resolución 1514 de 1960 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Observamos con profunda preocupación a persistencia da pillaxe sistemática dos recursos naturais saharauís por Marrocos, a UE e outros. Observamos tamén con preocupación as violacións graves e sistemáticas dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sahara Occidental, amplamente documentadas e denunciadas por organizacións internacionais de defensa dos dereitos humanos e da Oficina do Alto Comisionado de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.

Por todo o anterior,

  1. Acollemos con satisfacción a Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) de 2016/12/21 sobre a aplicación territorial do Acordo entre a Unión Europea e o Reino de Marrocos, excluíndo expresamente a súa aplicabilidade sobre o territorio e augas do Sáhara Occidental.
  2. Agradecemos a opinión legal do Avogado Xeral no Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que concluíu que o Acordo de Asociación Pesqueira entre a UE e Marrocos é "inválido", porque supón o comercio con produtos orixinarios dos territorios ocupados do Sahara Occidental.
  3. Instamos aos estados individuais da UE, ás institucións europeas, ás ONGs, ás organizacións políticas e sociais e a toda a cidadanía a presionar á Comisión da UE para que poña fin os seus intentos de asinar un novo acordo con Marrocos que inclúa produtos e outros bens do Sahara Occidental a pesar da clara decisión do Tribunal de Xustiza da UE. Pedimos á Comisión da UE que negocie co representante lexítimo do pobo saharauí, a Fronte Polisario, calquera actividade futura que afecte ao Sáhara Occidental e os seus recursos naturais.
  4. Insistimos en que a UE, os Estados que a conforman e todas as empresas e entidades internacionais deben sempre garantir que os acordos internacionais de investimento e comercio non entren en conflito co disposto nas leis internacionais, as leis humanitarias internacionais e as convencións internacionais pertinentes sobre dereitos humanos e, coa regra da lei, nomeadamente territorios non autónomos e territorios baixo ocupación militar, como é o caso do Sahara Occidental.

Lembramos que as empresas, os seus xerentes e accionistas son responsábeis das accións que se realicen vulnerando o dereito internacional. Ademais de poder exixirlles sancións que poden afectar seriamente á viabilidade desas empresas e o mantemento dos postos de traballo, a dirección da empresa pode mesmo estar incursa en responsabilidades penais.

  1. Rexeitamos que por parte das empresas e dos Estados se intente someter ás persoas traballadoras á continua chantaxe de traballar nesas condicións de explotación ilegal de recursos naturais saharauís ou perder o emprego.
  2. Chamamos ao Parlamento da Unión Europea, aos Estados membros e ás Institucións pertinentes para que condenen claramente toda a explotación ilegal de recursos naturais do Sahara Occidental por parte de calquera país, entidade ou empresa multinacional.
  3. Solicitamos á Comisión da UE e aos Estados membros da UE que presionen a Marrocos para entrar en negociacións directas co representante lexítimo do pobo saharaui, a Fronte Polisario, a fin de acadar unha solución xusta e definitiva a este último caso de descolonización en África, baseada na legalidade internacional e relacionada coa descolonización.
  4. Por último, instamos á Comisión da UE e aos Estados membros da UE a exixir a Marrocos que respecte o Dereito Internacional humanitario no Sahara Occidental, para que deteña o saqueo dos recursos naturais saharauís, que poña fin ás violacións dos dereitos humanos nos territorios ocupados, que libere a todos os presos políticos saharauís e desmantele o muro militar marroquí no Sahara Occidental.

Bruxelas, 20 de febreiro de 2018.

Organizacións sindicais que se subscriben a esta declaración:

  • UGTSARIO. Sahara Occidental
  • CSTS. Territorios ocupados Sahara Occidental
  • CCOO. Estado Español
  • CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL. Estado Español.
  • UGT. Estado Español.
  • USO. Estado Español.
  • ELA. Euskal Herria-Pais Vasco
  • LAB. Euskal Herria-Pais Vasco
  • CIG. Galicia
  • CGIL. Italia
  • CGIL Emilia Romagna. Italia
  • FLAI-CUIL. Italia
  • UIL. Italia
  • CGT. Francia
  • CGTP-Intersindical Nacional. Portugal
  • FGTB. Bélgica
  • LO. Suecia
  • CTA T. Argentina

Volver