SOS-Sanidade considera “intolerábeis” as listas de agarda en Traumatoloxía do Hospital da Coruña

Denuncia esperas de 12 a 18 meses para tratar unha artrose de cadeira
A Coruña - 19 Set 2017

SOS Sanidade Pública vén de dar a coñecer os datos sobre as listas de espera de Traumatoloxía no Hospital da Coruña que, denuncia, “sobrepasan os límites tolerábeis”. Explican dende a plataforma que esta situación provoca que persoas con patoloxías crónicas que teñen solucións cirúrxicas -como a  artrose de cadeira ou a artrose de xeonllo-, botan meses sufrindo dor, chegando mesmo a precisar do uso de opiáceos e incrementando a incapacidade para andar, coas complicacións médicas que poden presentar”.

Segundo os datos oficiais a xuño de 2017, o Hospital da Coruña é o hospital do Sergas coa maior espera media de consulta (57,2 días); mentres que a espera media para cirurxía está  98 días, 20 días máis que a media do Sergas. Un datos só superados “polo caos vigués, onde superan os 100 días nos seus dous hospitais”.

Entre 12 e 18 meses

Porén, na observación diaria na consulta de atención primaria, as datas manexadas polo Sergas difiren sensibelmente. Así, explica Moncho Veras, en representación da plataforma, cando a/o paciente vai á consulta do/a médico/a de familia por unha dor de cadeira, este/a lle pide unha radiografía, que tarda aproximadamente un mes, e así pode estar o diagnóstico feito en 1-2 meses aproximadamente. Logo, pídese unha consulta con Traumatoloxía, que tarda un mínimo de 6 meses, sexa unha petición normal ou preferente, e se este xa considera que se debe operar, a espera (inclusión en lista de espera nese momento) é de 6 a 12 meses.

“É seguro que na Coruña esta ou este paciente pasará un total de 12 a 18 meses, ás veces chega aos 2 anos, con tratamento analxésico, ao final con opiáceos e ás veces tendo que usar muletas e/ou cadeira de rodas, para ver solucionado un problema médico que non é complexo e non precisa gran tecnoloxía ou observación diagnóstica”, lamenta. No caso da artrose de xeonllo hai que sumar a isto “cando menos 3 meses máis de espera cirúrxica, alcanzando a mesma entre ano e medio e 2 anos”.

Listas pouco transparentes

SOS Sanidade Pública denuncia que as listas de espera, ademais do sufrimento e impacto socioeconómico que producen na cidadanía, “seguen a ter unha xestión escura e pouco  transparente”. Se antes o Sergas publicaba os datos cada 3 meses, agora só os ofrece cada 6 meses: o 30 de xuño e o 30 de decembro. Ademais non ofrece información de lista de espera de procesos, cando menos dos problemas médicos máis prevalentes, e descoñecese  canta desta lista de espera é derivada a centros concertados. “A transparencia é mínima e os datos que publica non permiten unha avaliación da xestión da mesma”.

Diante disto, SOS Sanidade Pública da Coruña pide maior transparencia na xestión e esixe do Sergas unha solución a este problema, “unha solución dentro da sanidade pública, non enviando pacientes aos hospitais concertados. Unha persoa que é diagnosticada de artrose de cadeira ou de xeonllo non debe esperar máis de 3 meses a ver resolto o seu problema. O resto non é tolerábel”.