Suba insignificante do 0,25% das pensións para este ano fronte o incremento do 1,2% da carestía da vida

Dende a CIG-Ensino alertan de que a partir do ano 2019 o escenario será de “baixada progresiva”

Nacional -

A CIG-Ensino cualifica de “ridícula” a suba da contía das xubilacións do profesorado que, de media, rolda os 5 euros ao mes, moi lonxe da suba do IPC que finalmente acadou o 1,2% ao longo de 2017. O sindicato alerta ademais de que a partir de 2019 o escenario será de baixada efectiva progresiva ao introducir no cálculo anual a variábel da esperanza de vida no Réxime Xeral da Seguridade Social.

A CIG-Ensino denuncia, un ano máis, a perda de poder adquisitivo do colectivo de pensionistas docentes que ven como a súa paga só subiu un 0,25% fronte ao incremento do 1,2% da carestía da vida, segundo o dato oficial do IPC correspondente a 2017.

Esta situación, que se sostén durante os últimos anos, leva aparellada que a suba neta media con respecto ao ano pasado sexa de 5,13€ mensuais no caso dunha persoa xubilada pertencente ao corpo de Secundaria e de 4,61€ no caso de mestres/as e profesorado técnico de FP. “Isto tradúcese nun raquítico aumento no cómputo anual de 71,82€ e de 64,54€ respectivamente”, asegura.

Lembra que esta conxelación de facto das pensións “debémoslla ao goberno de Mariano Rajoy” que fixou na Lei 23/2013, de 23 de decembro, o famoso Índice de Revalorización das Pensións (IR). Un indicativo, vixente para todos os réximes da Seguridade Social -incluído o de Clases Pasivas no que se inclúen os xubilados e xubiladas docentes que aprobaron as oposicións antes do 2011-, que estabelece esa suba inamovíbel no 0,25%, desvinculando para sempre o incremento das contías da suba de prezos do consumo.

Na práctica, tal e como ten denunciado reiteradamente, esta é unha “estratexia de desmantelamento do sistema público de pensións que, con estes recortes, pretende derivar aos traballadores e traballadoras, tamén ao funcionariado, a plans privados de xubilación”.

Baixadas á vista

Mais a coñecida como Lei de recorte das pensións do Partido Popular vai, segundo denuncia a CIG-Ensino, moito máis aló da conxelación e prevé para 2019 a entrada en vigor do chamado factor de sustentabilidade que non é nin máis nin menos que adaptar cada ano o cálculo das contías á esperanza de vida. A efectos prácticos isto suporá con toda probabilidade que ano a ano vexamos como se recortan as cantidades a percibir.

Tal e como estabelece esta lei o cálculo tomará como base o período 2013-2017 e, dentro da lóxica neoliberal de empregar a maior lonxevidade para recortar o gasto público en lugar de incrementalo, o colectivo de pensionistas verase penalizado por vivir cada vez máis tempo.

Segundo cálculos de expertos economistas, a depreciación progresiva das pensións, de continuar este camiño, podería acadar entre un 30 e un 40% do seu valor actual nos próximos trinta anos.

A aplicación do factor de sustentabilidade non afecta de momento ao profesorado de Clases Pasivas, xa que é de aplicación ao Réxime Xeral da Seguridade Social, que no caso do persoal docente galego inclúe o profesorado interino, o que aprobou as oposicións desde o 2011 ou o de Relixión, a maiores dun pequeno colectivo que non se integrou no réxime especial de Clases Pasivas. Porén, a lóxica das políticas restritivas en materia de pensións do PP “fai que esteamos alerta fronte a posíbel aplicación dese importante recorte a partir de 2019”.

Volver