Suso García, novo secretario nacional da FGAMT-CIG

Nacional - 07 Nov 2025

O VI Congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG elixiu a Suso García Couso como novo secretario nacional por unanimidade.

No proceso, celebrado o pasado 25 de outubro en Santiago de Compostela, tamén se renovou a Executiva Federal da FGAMT e aprobáronse o Informe de Xestión e o Relatorio de Organización, no que se marcan as principais liñas que guiarán a acción sindical da federación nos vindeiros catro anos. 

A FGAMT xa é, ao igual que a CIG, a primeira forza sindical do país

Xunto a Suso García, a nova Executiva federal fica conformada por Mar Vila López, Inacio Pavón Barbagelata, Laura Díaz Pena, David Couñago Mouriño, Dores Martínez Castelo e Jorge Meira Pérez.

O novo secretario nacional salientou o feito de que a FGAMT siga a medrar en afiliación e en representación, até o punto de terse convertido xa, ao igual que a CIG, na primeira forza sindical no conxunto do país. E fixo especial fincapé na necesidade de afondar na formación político-sindical das persoas delegadas e as liberadas para afrontar coas máximas garantías o traballo sindical e os distintos conflitos laborais e sociais.