Suso Seixo: “A CIG representa un modelo sindical combativo, de contrapoder e participativo con base e cabeza en Galiza”

Entrevista co secretario xeral ás portas do VII Congreso
Nacional - 26 Mai 2017

O secretario xeral da CIG desde 2001, Suso Seixo, representa a toda unha xeración de compañeiros e compañeiras que, cun enorme sacrificio persoal, coherencia e un compromiso inquebrantábel co noso país e coa clase traballadora galega, foron quen de erguer o sindicalismo nacionalista até convertelo no que hoxe é a CIG: o primeiro sindicato en afiliación e en capacidade de mobilización, a unhas centésimas de ser tamén a primeira central sindical de Galiza en delegados e delegadas e a maior organización social coa que conta o nacionalismo galego para defender os nosos dereitos laborais, sociais e nacionais.

Como comezou a súa andaina no sindicalismo desde as aulas da facultade de Bioloxía?

Alá por mediados dos anos 70 a estudantes nacionalistas organizados en ERGA e militantes da UPG pedíusenos a colaboración cos compañeiros e compañeiras do campo obreiro que comezaban a promover o que foron os primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista. Formáronse uns comités de apoio de estudantes, case todos dos últimos anos de carreira, fundamentalmente ao Sindicato Obreiro Galego (SOG). En concreto o meu grupo estaba capitaneado por Elvira Souto, que foi quen nos introduciu un pouco nese mundo, que era bastante descoñecido para nós, porque viñamos do traballo estudantil. Así comezou a miña relación co sindicalismo.

Eran momentos de moita conflitividade tanto na orde laboral como na política. Coincidía coa crise económica e cos últimos anos do franquismo, coa desaparición do sindicato vertical, coa implantación do pluralismo sindical e desde o sindicalismo nacionalista que estaba nacendo había que darse a coñecer e disputar espazos ao sindicalismo español. Foron anos de moitísima actividade. Logo cando rematei a carreira continuei colaborando coa ING e asumín na comarca da Coruña, onde residía, a responsabilidade de Comunicación na dirección comarcal e a partir de aí quedei xa vinculado até a actualidade co sindicalismo nacionalista ocupando diferentes responsabilidades, primeiro na ING, logo na INTG e posteriormente na CIG.

Representa a unha xeración que foi quen de erguer o sindicalismo nacionalista que dá finalmente no que hoxe é a CIG. Foi un traballo duro?

Foi un traballo duro, dun enorme sacrificio persoal de moitos centos de compañeiros e compañeiras sen o que non se explicaría o que é hoxe a CIG. Estamos a falar de introducir unha alternativa sindical nacionalista e de clase nunha sociedade colonizada, pouco industrializada, con moi baixa conciencia nacional, fronte a un sindicalismo españolista que xa tiña certa presenza e era máis fácil de asumir pola xente e polo propio sistema. Isto levounos a ter que facer o noso traballo sindical nunhas condicións moi precarias e sen apoio ningún. Inicialmente o tipo de sindicalismo que faciamos prendeu fundamentalmente nos sectores máis precarizados e de procedencia máis rural. Custou máis traballo entrar na grande empresa e foi a base de moitísimo esforzo, moita militancia e moita coherencia á hora de defender os intereses da clase traballadora galega e de ir gañando mesmo a sectores organizados nas centrais sindicais estatais.

Durante este período cales foron os principais retos que houbo que enfrontar como central sindical?

O principal reto foi crear un espazo propio dentro da oferta sindical que había no movemento obreiro. Falar da importancia de ter unha organización sindical de obediencia exclusivamente galega que defendera os intereses inmediatos e estratéxicos da clase obreira galega fronte proxectos que obedecían a dinámicas estatais. Houbo que marcar un perfil propio e claramente diferenciado do que representaban as organizacións sindicais españolas. Fronte o seu sindicalismo de cúpulas, de pacto social e de colaboración co poder nós representabamos un sindicalismo combativo, de contrapoder e participativo. Tivemos que facerlle ver á xente que era posíbel e necesario facer un sindicalismo diferente, con base e cabeza no noso país que defendese un marco propio de relacións laborais, nomeadamente no referido á negociación colectiva. Para nós ese foi un dos aspectos fundamentais da nosa acción sindical desde o inicio do sindicalismo nacionalista e segue sendo na actualidade.

Outro momento relevante foi a mediados dos anos 80 coa forte de crise e perda de emprego que se deu en sectores como o naval, e mesmo en todo o sector primario, como consecuencia da entrada do Estado español na CEE. Isto motivou moita conflitividade laboral, a convocatoria de varias folgas xerais nas que xa o sindicalismo nacionalista xogou un papel moi importante tanto á hora de tomar a iniciativa como despois no éxito das mesmas.

En data máis próximas, tivemos que enfrontar a crise económica e as políticas económicas e laborais promovidas polo goberno español, tanto polo PSOE como polo PP, de recorte de dereitos, de precarización das condicións de traballo… Iso implicou un reto moi importante que coido que enfrontamos con bastante decisión, con mobilizacións relevantes. Non hai máis que ver as catro folgas xerais que se convocaron en Galiza, onde o sindicalismo nacionalista tivo moito protagonismo, e as propias mobilizacións que se desenvolveron coas folgas xerais, que do punto de vista cuantitativo foron das máis relevantes a nivel do estado.

Foi un momento duro, de ter que poñer toda a carne no asador para poder responder a todas estas contrarreformas en materia laboral ou en materia de pensións e demais. Desgraciadamente non conseguimos paralizalas, pero detrás desas mobilizacións sempre queda un nivel de toma de conciencia e de organización importantes na clase traballadora que despois son fundamentais de cara a respostas futuras.

O traballo e a coherencia levaron á CIG a acadar unha situación moi relevante. Como está respecto de CCOO e UGT?

Todo este esforzo dos centos de compañeiras e compañeiros deu e está a dar resultados. Non se estivo sementando en terreo ermo, a pesar das circunstancias tan complicadas nas que tivemos e temos que desenvolver o noso traballo sindical, no sentido de que somos unha organización sindical moi molesta ao poder. Aínda así conseguimos situarnos como primeira central sindical de Galiza en canto a afiliación, estamos por riba dos 65.000 afiliados/as, mentres que CCOO e UGT andan en torno aos 42.000.

Canto a representatividade, nas eleccións sindicais, que son moi complicadas pola enorme capacidade de presión que teñen as empresas sobre as candidatas e candidatos que se presentan pola CIG, aínda así estamos como segunda forza sindical a escasamente 20 delegados/as de ser a primeira forza sindical en Galiza. O traballo que se está a facer é recoñecido e valorado por amplos sectores da clase traballadora galega.

Para que se producira esta situación, influíu o modelo sindical da CIG?

Foi determinante que marcaramos ese perfil propio na loita nas empresas e que vinculáramos a problemática sociolaboral á cuestión nacional. Tiñamos que explicar que as nosas condicións laborais eran e son consecuencia da nosa condición de nación periférica, dependente e colonizada, e tiñamos que presentar alternativas concretas dirixidas a superar esa situación. Mantivemos en todo momento a coherencia enfrontándonos ao poder económico e ao poder político. Intentáronos illar, pero grazas a esa coherencia, a non ceder na defensa dos dereitos da clase traballadora galega aí estamos hoxe: como primeira forza sindical en capacidade de mobilización e como protagonistas da conflitividade laboral en Galiza.

Cales considera que son os retos que terá que enfrontar a CIG nos vindeiros anos?

Temos que ser áxiles e moi decididos na resposta que hai que dar diante do novo modelo de relacións laborais que se impuxo nestes últimos anos. Un modelo que provocou na clase traballadora unha caída xeneralizada de salarios, o incremento dos contratos por horas, unha cada vez maior rotación polo medre da contratación temporal e un gravísimo debilitamento da negociación colectiva xunto coa perda de dereitos conquistados. Esta situación obríganos a ter moita iniciativa á hora de dar alternativas e dirixirse aos sectores máis precarizados.

Para isto é imprescindíbel o fortalecemento da organización sindical, ter unha constante presenza nas empresas, incrementar a afiliación e a representación sindical, porque máis afiliación é máis organización. Isto ten que ir acompañado tamén de cambios nos métodos de traballo para poder mellorar así a nosa capacidade de contestación a todas estas as agresións. Ademais, para garantir a subsistencia dun modelo sindical como o noso ten que haber, á fronte da CIG, xente moi identificada co sindicalismo nacionalista e de clase que representamos.

Non hai que perder de vista que o sistema ten unha enorme capacidade para integrar todo o que ten ao seu redor e se non temos moi claro cal é o papel que unha central sindical como a CIG debe xogar corremos o risco de ir perdendo a nosa identidade e terminar por nos converter nun instrumento máis ao servizo do poder económico e do sistema como lles pasou a CCOO e UGT.