Suso Seixo: “O sistema público de pensións é viábel e o que mellor pode garantir unha pensión digna”

A CIG convoca unha manifestación nacional en defensa das pensións “presentes e futuras” o sábado na Alameda compostelá ás 12.00
Nacional - 24 Xan 2017

Os medios de comunicación repiten, desde hai tempo, que o sistema público de pensións está en perigo e publican análises de expertos que demandan a súa urxente revisión. A carón destas informacións aparecen páxinas completas de publicidade, a toda cor, convidándonos a subscribir plans de pensións privados. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denuncia que estas mensaxes forman parte dunha campaña de captación de fondos para as entidades financeiras, dispostas a lucrarse aproveitando os enormes recursos dese inmenso nicho de mercado. Por iso chama á mobilización en defensa do actual modelo para garantir non só as pensións presentes, senón tamén as das futuras xeracións.

A CIG vén de convocar unha manifestación nacional para o vindeiro sábado 28 de xaneiro. Por que considerou oportuno lanzar esta convocatoria?

Está de novo a debate, na Comisión de seguimento do Pacto de Toledo, no Congreso dos Deputados, o futuro das pensións. A experiencia que temos é que cada vez que se abre un debate desas características vai acompañado de recortes nesa materia e sabemos que o goberno, os grandes poderes económicos e, sobre todo, o sector financeiro, teñen grandes intereses. Insístese en que o sistema público de pensións non ten futuro, en que hai que adoptar medidas drásticas. Nós sabemos que, no fondo, o que hai é un debate ideolóxico, un debate de modelo.

Cal é a posición da CIG nese debate?

Preténdese transmitir á opinión pública a idea de que o actual sistema non ten saída e que o que cómpre é reforzar o sistema complementario de pensións, que é de carácter privado. Nese debate queremos manifestar que o sistema público de pensións si ten futuro e ademais, é máis garantista que o privado. Sabemos que é viábel, pero ao poder económico e o poder político que está ao servizo dese poder económico non lle interesa. Interésalle transmitir que non hai posibilidades de garantir o sistema público para que aqueles que teñan posibilidades de aforro deriven aí os seus cartos.

Como afectan as políticas laborais ao sistema público de pensións?

Estásenos levando cara un modelo de mercado laboral cada vez máis precarizado, cunha importante devaluación dos salarios e do propio posto de traballo, con cada vez máis contratos temporais, por horas… Iso, acompañado doutras medidas que se adoptaron, como a redución da cotización á seguridade social en certas modalidades de contratos, provoca unha redución moi importante dos ingresos da Seguridade Social.

Cal sería logo a alternativa?

Precísanse políticas económicas diferentes que xeren pleno emprego e que garantan que ese emprego sexa de calidade, a xornada completa e con salarios dignos. Así se incrementarían de forma significativa os ingresos da seguridade social, garantíndose as pensións futuras.

En todo caso, que capacidade teñen as traballadoras e traballadores para investir en plans privados nun contexto laboral tan precarizado?

Esa é unha das contradicións que ten o propio capital financeiro. Por unha banda inténtanos convencer de que hai que aforrar para ir a sistemas complementarios e, pola outra, fomenta un mercado laboral cada vez máis precarizado, o que implica menos ingresos para a Seguridade Social pero, ao tempo, menos capacidade de aforro para destinar cartos ao sistema privado.

O problema demográfico tamén se presenta como parte do problema.

Desde a CIG levamos moito tempo alertando de que a mocidade está marchando e que é precisamente a xente nova a que está en idade de ter fillos/as. Iso está provocando un avellentamento da poboación que é real, pero hai maneiras de corrixilo. Máis cando sabemos que moitas mulleres deciden non ter fillos, porque o tipo de contratos laborais que teñen non lles permiten sequera valorar esa posibilidade. Porén, se se fan outro tipo de políticas económicas non só melloras a calidade do emprego, senón tamén evitas a emigración, favoreces a natalidade, corrixes o problema demográfico, incrementas os ingresos á Seguridade Social e garantes as pensións futuras. Todo ben sendo parte do mesmo problema.

En todo caso, outro dos argumentos que se utilizan é que co avellentamento da poboación hai menos cotizantes.

Cos avances tecnolóxicos que hai temos máis facilidade para producir riqueza, ou sexa, con menos poboación podemos producir igual ou máis riqueza que con máis poboación. Polo tanto, esa é unha cuestión que ten que ver co reparto da riqueza. Se realmente houbera un reparto máis equitativo , se se fixera unha política fiscal diferente, para que aqueles que máis teñen paguen máis e para combater a fraude fiscal, habería recursos suficientes para garantir o sistema público de pensións e ademais nunhas condicións dignas sen problema de ningún tipo.

A CIG tamén vén alertando da posibilidade de que se obrigue ás traballadoras e traballadores a subscribir plans privados á vista de que non se dan alcanzado as previsións do sistema financeiro.

Están barallando impoñer, a través da negociación colectiva, plans privados en todas as empresas, á vista de que, coa precariedade que hai no mercado laboral,  a xente ten dificultades para chegar a final de mes e non pode aforrar nin, moito menos, destinar parte dos seus cartos a plans de pensións. Queren tirar por esa vía porque hoxe hai aproximadamente 110.000 millóns de fondos dos plans privados de pensións e os obxectivos das entidades financeiras son que se aproxime esa cantidade aos 600.000 millóns de euros no Estado español. Por iso esta insistencia permanente e a presión constante co fin de que a xente asuma que non lle queda outra alternativa.

Diante desa campaña do poder económico, percibe a CIG dificultades para concienciar ás traballadoras e traballadores da necesidade de defender o actual sistema de pensións?

Nós levamos algún tempo, a través do colectivo de pensionistas e xubilados da CIG, intentando espallar este debate, porque afecta globalmente, non só a pensionistas e xubilados. Temos que chegar a todas as empresas e concienciar ás traballadoras e traballadores da súa importancia. A xente, mentres é moza, non se preocupa moito por esta cuestión e o que teñen que entender é que, tal e como está hoxe a situación do mercado laboral, atoparán serias dificultades ao final da súa vida laboral. Por iso é imprescindíbel adoptar medidas agora, porque temos que contar cun sistema que garanta as pensións públicas, para que non cheguen á idade de xubilarse cunhas expectativas negativas.

Camiñamos cara un modelo no que se pretende que as pensións públicas sexan practicamente de beneficencia e que quen teña recursos para ir a un sistema privado as complemente. Porén, mesmo tendo un sistema privado de pensións, non hai garantías reais de que, chegado o momento, haxa fondos para poder cobrar unha pensións digna. Hoxe especúlase cos fondos privados de pensións, os beneficios que están a dar son moi baixos e mesmo algúns deles están dando perdas.

Considera que se nos está conducindo cara unha sociedade na que as persoas maiores teñan que seguir traballando para poder sobrevivir?

É posíbel que de forma inmediata non se dea isto, porque hoxe o sistema público de pensións non estado español está moi arraigado. Pero coido que se tende a camiñar cara o modelo norteamericano, onde non se garante unha pensión pública o que obriga a moita xente que chega a idade de xubilación a seguir traballando para poder subsistir, porque non puido pagarse unha pensión privada. Agora comezamos a ver situacións similares aquí en Europa e, por exemplo, en Alemaña, que é unha potencia, xa hai hoxe moitos pensionistas que se teñen que buscar a vida porque a pensións pública que cobran non lles dá para subsistir e levar unha vida minimamente digna.

Fronte a este perigo, a CIG aposta novamente pola mobilización.

Na CIG cremos firmemente que temos que saír á rúa co convencemento de que é posíbel manter o sistema público de pensións nunhas condicións moi dignas, tanto para o presente como de cara ao futuro. Hai que mobilizarse porque estamos diante dun debate promovido fundamentalmente polo sector financeiro e por aquelas forzas políticas que o representan. O problema non é, en absoluto, que o sistema público sexa inviábel, o problema é que representa un suculento nicho de negocio do que queren apropiarse.