Tamén no traballo paremos o xenocidio! A CIG convoca folga parcial de catro horas o 15 de outubro

Nacional - 03 Out 2025

A CIG convoca un paro xeral en Galiza o 15 de outubro para reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal de Palestina, demandar o cese de toda relación diplomática, económica e militar co Estado sionista de Israel e defender o dereito de autodeterminación do pobo palestino ‘dende o río até o mar’.

Coa responsabilidade que conleva ser a primeira forza sindical en Galiza, a CIG lanza esta convocatoria baixo o lema ‘Tamén no traballo paremos o xenocidio’, despois de dous anos de mobilización sostida, coas reivindicacións que exiximos como parte da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, e co obxectivo de acadar a maior resposta social dada a gravidade da situación. 

A central tamén chamaa participar na manifestación que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina ten convocada para este domingo, 5 de outubro, ás 12h dende a Alameda de Compostela

Os paros, de catro horas por quenda, afectan ao persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza e desenvolveranse das 22h do día 14 de outubro ás 02h do día 15; das 10h ás 14h; e das 18h ás 22h. A CIG chama a concentrarse nos centros de traballo pola mañá e pola tarde a secundar as convocatorias que faga a Coordinadora nas cidades e vilas.

Manifestación o domingo 5

A CIG tamén insta a participar na manifestación que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina ten convocada para este domingo, 5 de outubro, ás 12h dende a Alameda de Compostela, baixo o lema '2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación', cando se conmemoran dous anos do inicio da masacre de Gaza.

Dende o inicio desta agresión, a CIG é a organización sindical que máis ten contribuído e apoiado en Galiza unha acción permanente  de solidariedade con Palestina -xa sexa como parte integrante da Coordinadora, promovendo convocatorias e iniciativas propias, ou secundando a outros colectivos-. Conseguindo así manter un calendario de mobilizacións continuadas tanto a nivel local como nacional que xa suman máis de mil cen convocatorias.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamenta que haxa organizacións sindicais que parezan acabar de coñecer a existencia do xenocidio e promovan agora de maneira unilateral unha resposta que non garda coherencia co traballo de apoio ao movemento de solidariedade con Palestina.