Tarifa eléctrica galega e pobreza enerxética (historia dunha ILP)

Fernando Branco Parga -

Á vista da posición do PP nas comparecencias, o máis previsíbel é que rexeiten todas e cada unha das propostas que recollía a ILP, e para isto necesitaron case dous anos e medio. O traballo político pretendido por esta ILP xa está feito e a proposta segue viva e forma parte das reivindicacións do sindicalismo nacionalista

 A finais de maio de 2015 a CIG lanza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética; nesa iniciativa, entre outras cuestións, está a demanda dunha Tarifa eléctrica galega.

En apoio a esta ILP recolléronse máis de 18.000 sinaturas (das que finalmente foron validadas 17.835) e promoveuse un amplo debate social. A CIG presentou a ILP como moción en concellos de toda Galiza e nas deputacións provinciais, conseguindo o apoio da de Pontevedra, Lugo e A Coruña. Ademais, conseguiu o respaldo dos plenos de máis de 50 concellos, entre eles, os de 6 das 7 grandes cidades.

Logo de ter os preceptivos informes favorábeis, entre outros o xurídico, a ILP debateuse no Pleno do Parlamento galego o 26 de xaneiro de 2016, sendo tomada en consideración por unanimidade da Cámara galega.

A partir da aprobación é cando, intencionadamente, a tramitación da ILP, xa como Proposición de Lei, se paraliza sen xustificación.

En primeiro lugar, deuse unha reacción pola prensa económica de Madrid, lembramos o titular a páxina completa que dicía: “Galicia enfróntase ao Estado ao tramitar unha tarifa eléctrica para o seu territorio”. Despois, o Grupo Parlamentar do PP, solicitou un novo informe xurídico ao corpo de letrados/as do Parlamento que, de novo, volveron considerala correcta e axustada á lexislación.

Houbo eleccións e xa nunha nova lexislatura, en maio de 2017 (dous anos despois do inicio da recollida de sinaturas), o PP, baixo a xustificación de que esta iniciativa é un tema moi técnico, solicita un novo informe xurídico (xa van tres) e a comparecencia de diferentes persoas do sector eléctrico.

O procedemento de comparecencias nunha Proposición de Lei é algo atípico; en calquera caso, pactouse presenza de 10 persoas, 5 a petición do PP e 5 dos grupos da oposición; sorprende que dos 5 do PP, só un fose galego, e non é porque deste tema non poidan falar persoas doutros territorios, mais semella que no noso país non existe cualificación suficiente.

Que dixeron as persoas que compareceron?

Das cinco persoas invitadas polo PP, dúas dixeron que debe manterse a tarifa única no Estado por solidariedade, outra que sería posíbel, mais que o Estado non o permitiría, unha cuarta persoa dixo que xa existen tarifas diferenciadas polo efecto dos suplementos territoriais (deste tema falaremos noutro artigo) e o último comparecente polo PP dixo que non debe existir unha tarifa eléctrica galega para evitar agravios comparativos e que, ademais, el consideraba que Galiza recibe máis do sistema eléctrico do que achega, tamén recoñeceu que en Europa hai estados con tarifas diferenciadas.

A persoa invitada polo PSOE considera que a proposta dunha tarifa eléctrica galega de fondo é axeitada, pero de difícil encaixe legal, mais tamén engadíu: “Madrid debería pagar máis pola luz que Galiza”.

Das dúas persoas invitadas por En Marea, unha non fala practicamente nada da tarifa eléctrica galega e a outra considera que se debería revisar todo o sistema tarifario, non se opón a unha tarifa eléctrica galega, pero non para grandes industrias.

As persoas invitadas polo BNG, unha delas eu, defendemos abertamente a tarifa eléctrica galega e o conxunto de demandas que recolle a ILP.

Que dixeron os Grupos parlamentares?

Segundo a portavoz do PP, esta ILP é inconstitucional, Galiza non ten competencias (e iso que hai tres informes xurídicos), a tarifa vasca non existe e o Estado non podería ter 17 tarifas diferentes. Mesmo denominou a tarifa eléctrica galega como tarifa separatista. Curiosamente, non aplica este mesmo discurso aos diferentes prezos dos carburantes entre as Comunidades Autónomas ou ás pensións e salarios.

No da pobreza enerxética, e a pesar dos informes xurídicos do Parlamento, afirmou que tampouco temos competencia (cando as competencias en benestar social radican na Xunta sen discusión) e, ademais, que este tema se resolvería co que pacten en Madrid no Congreso.

Ao PSOE a tarifa eléctrica galega non lle convence moito, iso si, admite que Galiza debería ter algunha compensación, mais sen concretar o mecanismo, semella que pretenden algún tipo de compensación pola vía de mellorar o financiamento autonómico.

En Marea non falou en ningunha comparecencia da tarifa eléctrica galega, as súas intervencións referíronse criticamente ao funcionamento xeral do sistema eléctrico.

O BNG mantivo a defensa completa da ILP, incluída a tarifa eléctrica galega, mais tamén tivo a capacidade de introducir novos elementos para xustificala, como preguntar sobre a existencia de tarifas diferenciadas noutros estados da Unión Europea, a próxima aplicación de suplementos territoriais, a euskopeaxe e canto é a parte política da tarifa eléctrica.

Previsión da tramitación da ILP no Parlamento

Rematadas as comparecencias, esta Proposición de Lei continuará xa o seu trámite normal en ponencia; traballo que pode ser máis rápido ou máis lento segundo decida o grupo maioritario. Á vista da posición do PP nas comparecencias, o máis previsíbel é que rexeiten todas e cada unha das propostas que recollía a ILP, e para isto necesitaron case dous anos e medio.

O traballo político pretendido por esta ILP xa está feito e a proposta segue viva e forma parte das reivindicacións do sindicalismo nacionalista.

 

[Galiza, 5 de outubro de 2017]

__________________________________________________________________

Fernando Branco Parga é secretario de Enerxía da CIG

Volver