Telefónica avanza na política de extinción de postos de traballo en Galiza

A Sección Sindical da CIG mobilizouse este mércores nas centrais de Pontevedra e Vilagarcía

Pontevedra -

A sección sindical da CIG en Telefónica realizou este mércores concentracións diante da oficina de Vilagarcía de Arousa e na Central Peregrina de Pontevedra, para denunciar a redución de emprego que se está dar na provincia de Pontevedra, no marco da política deseñada pola multinacional para concentrar o cadro de persoal  propio en Madrid e Barcelona, principalmente, e en menor, medida nas cidades de Bilbo, Valencia e Sevilla.

Isto, sinalan dende a sección sindical, excluirá a provincia de Pontevedra e a toda Galiza de participar na produción de servizos de telecomunicacións nos postos máis cualificados. Consideran particularmente “escandaloso” o traslado da Dirección Territorial da Galiza a Bilbo, efectuado no outono de 2012 e que ten como consecuencia a actual “extinción do emprego en Telefónica na Galiza”.

Como exemplo, indican que na provincia se pasou de ter máis de 1.100 empregados/as nos anos 90, a contar a día de hoxe cun cadro de persoal de 276 traballadores/as. En Pontevedra capital, pasouse de máis de 300 traballadores/as a só ter 16 na actualidade.

“Con estas concentracións queremos denunciar a ameaza de peche de centros de traballo na Estrada, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra capital”, explican. Ao mesmo tempo, advirten do incumprimento da normativa laboral para aplicar esta redución de persoal, “actuando con arbitrariedade e precarizando as condicións de traballo, para sacar os e as profesionais da atención directa ao público, privando os operadores de comunicacións de actividade propia das súas profesións, para adicalos a tarefas administrativas”.

Mentres, a empresa externaliza as tarefas a medio de contratas máis precarizadas aínda, poñendo en perigo a calidade do servizo público de Telecomunicacións, “como está a amosar o abandono do Servizo de Telefonía Fixa que sofren aínda as vítimas dos incendios forestais en amplas zonas da nosa provincia”, subliñan.

"Complicidade da Xunta"

Dende a sección sindical denunciaron “a complicidade da Xunta de Galiza nesta deslocalización do emprego en Telefónica cara Madrid e Bilbao, como socia colaboradora da empresa mediante cuantiosas subvencións de millóns e millóns de euros (máis de 50 millóns de € co gallo da fibra óptica) sen esixir contrapartidas en materia de emprego directo, ou para cubrir as carencias de cobertura e calidade do servizo”.

Así mesmo, critican a participación da Xunta e do seu presidente nas campañas publicitarias “onde se propagandean centos de empregos que nunca teñen concreción práctica: o persoal propio de Telefónica na Galiza e en Pontevedra está en descenso continuado desde 1992, con moita máis intensidade aínda que no resto do estado, cara a súa extinción total, mentres a Xunta actúa como alcaiote dunha empresa antigalega, que mesmo incumpre a Lei de Normalización Lingüística”, aseveran.

Volver