O persoal de Teleperformance secunda a folga en defensa do emprego e condicións dignas

A Coruña - 29 Abr 2024

O persoal de Teleperformance está secundando este luns unha xornada de folga de 24 horas en rexeitamento á destrución de emprego na plataforma da Coruña e para exixir o cese das presións e ameazas, os abusos laborais e a falta de apoio á formación que sofren as traballadoras e traballadoras. Para darlle máis visibilidade á súa loita, o persoal tamén realizou este mediodía unha mobilización diante das instalacións de Teleperformance.

"Con esta folga queremos parar a tendencia que ten a empresa dende hai tempo de destruír emprego na Coruña e aplicar despedimentos e sancións de maneira indiscriminada e inxustificada", explicaba ao inicio da protesta Tino Fernández, secretario do comité de Teleperformance.

Subliñou que nos últimos tres anos, este centro de traballo pasou de contar case con mil empregadas e empregados a ter nestes momentos unhas 400 persoas. "O ano pasado, a empresa executou un ERE cunha afectación na Coruña de 42 persoas. Pero a realidade é que antes do ERE eramos sobre 550 persoas e a data de hoxe, menos dun ano despois, quedamos escasamente 400. É dicir, neste tempo, desapareceron máis de cen postos de traballo".

Esta destrución de emprego na Coruña, advertiu Fernández, non se está dando noutras delegacións que a multinacional ten no Estado español. O que fai Teleperformance é deslocalizar traballo que antes se facía na Coruña, como o servizo de atención a UFD ou o servizo de Servihabitat. Estes servizos foron trasladados a Colombia "onde nos conta que medran os postos de traballo, mentres na Coruña imos a menos".

Por iso, dende o comité levan meses reclamando un compromiso da empresa de manter o emprego "pero a día de hoxe non temos ese compromiso". Peor aínda, ante a insistencia da representación social para manter unha xuntanza e abordar esta problemática, "dende Teleperfomance contestan que non ven causa para reunirse con nós".

Abusos laborais

Coa folga tamén se reclamou o cese das sancións arbitrarias e das presións comerciais desmesuradas que ten que aturar o persoal, solución aos problemas diarios para realizar as xestións, e denunciouse a falta de apoio á formación ou os continuados abusos laborais.

De non mudar a situación, a representación do persoal avanza que estudarán intensificar as mobilizacións en defensa dos postos de traballo e para acadar unhas condicións dignas.