3ª xornada de folga en Masol Iberia Biofuel para esixir melloras salariais e laborais

O cadro de persoal realizará un cuarto paro o vindeiro 2 de marzo

Nacional -

Os/as traballadores/as da planta de Masol Iberia Biofuel en Ferrol están secundando este luns a terceira xornada de folga para esixir melloras laborais e salariais que lles permitan equiparar as súas condicións coas que xa teñen compañeiros/as doutras instalacións do grupo no resto do Estado. O paro desenvólvese entre as 12 e as 16 horas e repetirase o vindeiro venres, 2 de marzo.

O persoal continúa así co calendario de mobilizacións acordado logo de que na reunión celebrada o mércores da semana pasada coa empresa non se produciran avances substanciais que permitan a desconvocatoria das medidas de presión. Nesa xuntanza, explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, fixéronse algunhas concrecións sobre as propostas presentadas pero non se avanzou significativamente nas negociacións para lograr melloras salariais e sociais.

Neste senso reitera que “as propostas  que presentamos á empresa teñen como obxectivo mellorar  as condicións económicas e sociais e regular os sistemas de traballo, coa intención de equiparar condicións con outras plantas que ten Masol no Estado español, concretamente en Cartagena e Castellón”, subliña Amado. O sindicalista engade que o persoal está disposto a negociar a regulación dos sistemas de traballo, mais previamente “hai que arranxar a cuestión económica”.

Lembra que a representación do persoal leva máis de un ano e medio tentando negociar coa dirección, quen na última xuntanza aceptou aplicar dúas das reivindicacións: a cobertura do 100% en caso de enfermidade común e abonar un plus ao persoal que está a xornada partida. Porén, non se ten avanzado nada na cuestión económica.

Volver