Traballadoras da limpeza encadéanse no edificio administrativo do Concello de Lugo

Lugo - 20 Dec 2023

Traballadoras da limpeza iniciaron pasado o mediodía unha sentada-encadeamento no edificio administrativo do Concello de Lugo para reclamar un compromiso de intervención activa do Goberno municipal no conflito, como contratista destes servizos e ante a reiterada negativa da patronal a asumir melloras salariais e laborais na negociación do convenio colectivo.

Esta acción de protesta realízase no día 66 de folga e na véspera da nova xuntanza da mediación coa patronal, na que até agora non se puido avanzar nun acordo a causa do inmobilismo e as propostas de miseria trasladadas polas grandes empresas do sector, agrupadas na asociación ASPEL.

As traballadoras denuncian que están fartas de boas intencións e declaracións institucionais e reclaman unha actuación decidida por parte das administracións públicas para que o salario mínimo interprofesional sexa unha realidade nas táboas salariais do convenio e para garantir unhas condicións laborais dignas nun sector considerado esencial, altamente feminizado e precarizado.