Traballadoras de limpeza da Xunta mobilízanse contra a discriminación por razón de xénero que sofren

As organizacións sindicais do comité presentaron un escrito no rexistro denunciando esta situación
Compostela - 07 Xun 2018

As traballadoras de Grupo Norte, empresa concesionaria do servizo de limpeza da Xunta de Galiza mobilizáronse de novo esta mañá, coincidindo co Consello da Xunta, para demandar igualdade de dereitos á hora de acceder a categorías e pluses para poder acadar así unha igualdade salarial que lles é negada polo feito de ser mulleres. Unha situación que consideran evidente do momento no que ningunha das traballadoras, que conforman o 90% do cadro de persoal, conseguiu ver recoñecidos eses dereitos.

No decurso da mobilización, que se iniciou cunha concentración diante da consellaría de Presidencia e continuou como manifestación arredor do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, representantes das organizacións sindicais que conforman o comité de empresa fixeron entrega dun escrito no rexistro dirixido á consellaría de Presidencia no que se denuncia esta situación.

Brecha de xénero

Nese sentido lémbrase que se vén de producir por parte de Grupo Norte “o ascenso de categoría a peón especialista dos homes que aínda non a posuían de maneira unilateral e sen consultalo e comunicalo ao Comité de Empresa”; que eses ascensos teñen unha implicación directa na súa retribución e que, porén non se lle deu, “en ningún momento esa mesma posibilidade as mulleres traballadoras”.

Do mesmo xeito denúnciase que tamén o colectivo masculino é o único que “se ve recompensado economicamente con diferentes pluses, a maiores do salario, que teñen que ver con circunstancias tales como a Perigosidade/Penosidade/Toxicidade, coa dispoñibilidade, coa localizacións (disposición de teléfonos móbiles da Empresa), responsabilidade, ....., pluses que non percibe ningunha das mulleres que se atopa nesa mesma situación”.

Por iso entenden que desde a empresa promoveuse e promóvese “a existencia de brechas de xénero”. Unha situación que aseguran que se vén producindo desde hai anos “de tal maneira que sempre, e de xeito sistemático, aos homes, e só aos homes que cumpren determinada antigüidade na prestación do servizo se lles recoñece a mencionada categoría de peón especialista.

Acción positiva

Diante desta evidencia entenden que “a única medida de acción positiva que pode eliminar ou compensar esta discriminación é que se opere do mesmo xeito co xénero feminino e que, polo tanto, “a todas as mulleres con categoría de limpadoras e con esa determinada antigüidade (que ciframos nun trienio) se nos recoñeza a categoría de peon-especialista”.

Aseguran que non facelo así significaría “seguir agrandando a brecha salarial por razón de xénero, xa que neste caso o feito discriminatorio non se reduce exclusivamente á simple promoción de categorías, senón ao propio sistema e requisitos que se lle esixe a un e a outro xénero para ascender de categoría”.

Afirman ademais que non sería entendíbel que agora se pretendese topar o número de traballadoras que puidesen acceder á categoría de peón-especialista cando isto, “nunca ocorreu co persoal masculino” e consideran que “o contrario significaría seguir a manter e soster indefinidamente a situación de discriminación e, polo tanto, a brecha salarial”, algo que, engaden, ocorre tamén coa percepción dos diferentes Pluses.

Exceso de carga de traballo

A estas cuestións discriminatorias engaden unha terceira que cualifican como “máis sutil” e que ten que ver co exceso de carga de traballo.

Explican que desde hai anos, por parte da Empresa non se substituían a inmensa maioría das ausencias, fundamentalmente no referido á substitucións de IT e de vacacións. “Falamos aquí tamén dunha nova discriminación porque o colectivo que con maior diferenza resulta máis damnificado por esta situación son ás mulleres traballadoras”.

Á hora de avaliar o conxunto do exceso da Carga de Traballo teñen en conta que o actual prego de condicións demanda una maior frecuencia nos servizos a prestar e que, pola contra, a Empresa non abordou o necesario redimensionamento da plantilla. “Faise polo tanto necesario, a fin de eliminar esta discriminación, abordar tanto unha política de substitucións de ausencias como un redimensionamento da plantilla”.

A todo isto engaden ademais a desviación de persoal realizada pola empresa ao obrigar a traballadores/as que pertencen a esta contrata de limpeza que fagan traballos noutros centros alleos á mesma, “o cal redunda aínda máis na sobrecarga laboral que sofre o cadro de persoal desta contrata”.

Acordos existentes

No escrito sublíñase a necesidade de adaptar a redacción dos Acordos existentes na Contrata da Limpeza da Xunta en Compostela a fin de eliminar calquera cuestión que puidera derivar directa ou indirectamente nun incremento da brecha salarial e provocar calquera tipo de discriminación por razón de xenero.

Así mesmo, e unha vez solucionada a actual discriminación de xénero demandan que se proceda á elaboración dun Protocolo de promoción de categorías que, de cara ao futuro, contribúa a garantir a non discriminación por razóns de xénero.