Traballadoras/es de telecomunicacións demandan da Xunta de Galiza a creación dunha Mesa Galega do sector

Concentráronse no Parlamento contra a perda de emprego, a precarización e deslocalización
Nacional - 27 Feb 2020

Varios centos de traballadores/as do sector de telecomunicacións concentráronse este xoves diante do Parlamento de Galiza para demandar dos grupos parlamentares que presionen á Xunta de Galiza para que se cree unha Mesa galega de Telecomunicacións na que abordar a problemática que sofre o sector, con perda de emprego, deslocalizacións e precarización das condicións laborais.

A concentración estaba convocada conxuntamente polas federacións de Banca, Industria e FGAMT, que aglutinan o persoal empregado no sector das telecomunicacións -máis de 5.000 traballadores e traballadoras-. A mobilización insírese ademais nunha campaña que veñen desenvolvendo desde hai meses e que continuará con mobilizacións nas comarcas para demandar do goberno galego que se poña á fronte na defensa dun sector que o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, cualificou como “estratéxico para o país” e que “non podemos permitirnos perder”.

Precariedade laboral

Nese sentido explicou que por unha banda estarían as empresas principais, como Telefónica, R, Euskaltel ou Vodafone, entre outras, onde se está producindo unha alarmante perda de emprego provocada, fundamentalmente, pola política de xubilacións anticipadas ou pola non renovación dos cadros de persoal.

Isto deriva nunha subcontratación encadeada de empresas que pasaron a encargarse dos traballos de instalación ou mantemento en domicilios que está derivando nunha enorme precariedade. “As empresas principais teñen prezos cada vez máis restritivos para as subcontratas que á súa vez volven contratar, e así sucesivamente. Mesmo, na maioría dos casos, acaban facendo ese traballo os falsos autónomos, co cal as condicións laborais, desde que sae a primeira empresa subcontratista, até o último elo da cadea, son cada vez peores”, explicou.

Diante desta situación reclamou que as empresas principais limiten a subcontratación a unha soa, con garantía de que se cumpre a legalidade en materia laboral, porque “o persoal ten xornadas abusivas. Non poden facer o traballo en en 8 horas. Hai un sistema de puntos, ou de remuneración que os obriga a facer moitas máis horas no posto de traballo, incumpríndose a Lei de Prevención de Riscos e aumentando a sinistralidade.

Bouzas denunciou ademais que están desaparecendo as empresas galegas que concorrían como subcontratas porque, ao ser cada vez de menor contía os paquetes de subcontratación, non poden competir coas empresas de fóra.

Destrución de emprego en Telefónica

Pola súa banda Xosé Salgado, da sección sindical da CIG de Telefónica, apuntou que no caso concreto desta  multinacional asístese a unha progresiva e alarmante destrución de emprego porque, de haber máis de 5.000 empregos directos na propia Telefónica, estamos neste intre en pouco máis de 1.000.

O representante da CIG denunciou que se está mandando á xente para casa con 53 anos e que, parello a iso “estase externalizando unha actividade que existe, porque todo o mundo consume telecomunicacións e cada vez máis”.

Ademais advertiu do empreño que pon a propia Telefónica en apuntar como inimigo a empresas como Vodafone, ou é R, cando “o noso inimigo son as patronais, son estas multinacionais que destrúen emprego en condicións dignas e apostan por subcontratar para abaratar custos e incrementar beneficios sen importar as consecuencias que isto ten”.

A subcontratación da subcontratación nos centros de chamadas

Respecto dos centros de chamadas Patricia Cordo, responsábel deste sector na CIG, apuntou que “xa de por si é un sector que nace para subcontratar en peores condicións que as empresas matriz”, pero, advertiu que “agora o que estamos vendo é a subcontratación da subcontratación. Chegamos ao punto de contratar através de ETT e xornadas parciais, con contratos de 10, 15 ou 20 horas semanais e se xa o salario con xornada completa é precario aínda o é máis nestas condicións”.

Xunto a isto denunciou que a patronal, na mesa de negociación do convenio quere aínda máis flexibilidade, máis xornadas parciais, máis precariedade e a externalización dos servizos ou a deslocalización a outros países ou centralizar moito en Madrid o que provoca que o emprego en Galiza se destrúa ou se precarice até niveis que fan imposible ter un nivel de vida digno”.