Traballadoras/es de Viriato despedidas/os mobilízanse para esixir o pago dos complementos salariais pactados no ERE

A CIG denuncia que a empresa incumpre sistematicamente os termos do acordo que asinou con CCOO para despedir a 40 empregadas/os

A Coruña -

Ex traballadoras/es de Viriato concentráronse hoxe diante da fábrica de Ordes para esixir o cumprimento do acordo a través do que a empresa, previo pacto con CCOO, despediu a 40 empregadas/os o ano pasado. Entre as obrigas recollidas no documento figura o abono dos complementos ás prestacións por desemprego para o persoal con máis de 55 anos, así como as actualizacións das contías cun mínimo anual do 1%.

Durante a protesta, a Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, lembrou que no momento da sinatura do acordo entre Viriato e CCOO, a CIG xa advertía da falta de garantías para o cumprimento íntegro do mesmo. Por este motivo, durante as negociacións, a central defendeu que o respaldo para os pagos pasaba por externalizar estas garantías cunha compañía aseguradora. “Lamentabelmente, o sindicato maioritario no comité, CCOO, aceptou como garantía avais de propiedades sobre os que xa pesa hipoteca e moi complexos de executar por parte do persoal afectado”, apuntou.

Os reiterados incumprimentos da compañía en materia de pagos tanto a traballadores/as como a provedores tampouco axudaban a confiar en que a empresa respectaría o asinado. “Dúbidas que resultaron ser unha realidade”, lamenta Martínez.

Xunto a isto, a recente comunicación de que Viriato solicitou concurso de acredores suma unha nova incerteza á situación deste colectivo de traballadoras/es, ademais de pór en tela de xuízo o compromiso asinado no acordo do ERE a respecto de que até o ano 2018 non habería novas regulacións de emprego. Neste senso, durante a protesta, o persoal entregou escrito pedindo copia do inventario da empresa de cara a evitar un posíbel alzamento de bens.

31 extraballadoras/es afectados/as

Das 40 persoas despedidas, nestes intres hai un total de 31 persoas afectadas polo impagamento dos complementos salariais que acordaron a empresa e CCOO para executar o ERE. Estas 31 traballadoras e traballadores correspóndense co persoal que naquel momento tiña máis de 55 anos “e que non cobraron nin un só euro da indemnización polo despedimento”. Isto é así, aclara Martínez, porque segundo se reflicte no acordo, as indemnizacións, xunto coa obriga do convenio especial coa Seguridade Social para manter a base de cotización, íanse pagar a prazos en función das contías que se abonaran por parte do INEM.

Especificamente, o acordo recolle que para o persoal de entre 55-58 anos de idade a empresa garante, até cumprir os 62 anos, un complemento ás prestacións por desemprego que como mínimo chegarán aos 800 euros/mes (en calquera caso teñen que supoñer o 60% da base de cotización) e manter o convenio especial até os 62 anos. Para o persoal despedido de 59 a 61 anos, a empresa garante como mínimo 800 euros/ mes e o 70% da base de cotización, así como manter o convenio especial coa Seguridade Social até que cumpran os 63 anos. As cantidades aquí comprometidas actualizaranse cada ano en función do IPC e como mínimo no 1% anual.

A empresa incumpre e acumula débedas

Pero o recollido no papel quedou en pura ficción, pois dende o inicio, a empresa unilateralmente decide non abonar os complementos até o día 13 do mes vencido, “cando tería que facelo no primeiro día hábil de cada mes”, subliña a Secretaria da FGAMT-CIG.

O segundo incumprimento, engade, prodúcese a partires dos seis meses en situación de desemprego, cando o INEM reduce a contía da prestación do paro ao 50% da base de cotización, o que supón que Viriato debe incrementar o complemento até chegar aos 800 euros.

“Isto pasa en febreiro, pero até o mes de abril a empresa non actualiza a contía a pagar, e a día de hoxe segue sen abonar as diferenzas do complemento dos meses vencidos”. Por se non fora abondo, o complemento correspondente ao mes de xuño non se acabou de cobrar até o 27 de xullo.

Esta absoluta despreocupación polo colectivo de persoas despedidas vese agravada polo feito de que a empresa segue a incrementar a débeda salarial que ten coas traballadoras e traballadores en activo. “Saber que Viriato acumula débeda co conxunto do persoal, coa Facenda Pública, coa Seguridade Social, co IGAPE e coa totalidade dos talleres subcontratados e que o ritmo de traballo é moi inferior ao do ano pasado nestas datas, fai que a preocupación sexa alarmante e que nos situemos na peor dos escenarios posíbeis sobre o futuro da empresa”, advertía Dores Martínez.

Responsabilidade das partes asinantes do acordo

Neste senso, destacou que con esta concentración e coas accións a emprender no futuro inmediato, a CIG e o persoal afectado queren exixir de todas as partes asinantes do acordo o estrito cumprimento do mesmo. “Os asinantes foron os garantes de que cos 40 despedimentos a empresa teña viabilidade e que os termos do pactado eran perfectamente asumíbeis e realizábeis; polo tanto esixirmos o pago puntual o 1º dia hábil de cada mes do complemento que corresponda, así como o abono dos atrasos pendentes pola actualización do complemento, e a actualización das cantidades pendentes de abonar ao 1% , tal como se recolle no acordo”, aseverou.

Finalmente, a representante sindical matizou que a concentración deste venres vén precedida de múltiples contactos coa empresa tanto por parte da CIG como das propias persoas afectadas, “que se interesaron por buscar unha solución antes de facer pública a denuncia do que está a acontecer. Lamentabelmente non houbo por parte da empresa máis resposta que a omisión das súas obrigas e unha manifestación expresa de que non lles preocupa o máis mínimo a situación das persoas que non forman parte da empresa”.

Volver