Traballadoras/es e veciñas/os de Cariño concéntranse en defensa do emprego e polo pago dos salarios en Modesto Carrodeguas

O Comité denuncia que o persoal fixo-discontinuo leva máis de dous anos sen traballar e o que está en activo ten pendente de cobrar varias mensualidades
A Coruña - 29 Abr 2016
Traballadoras e traballadores de Modesto Carrodeguas, acompañados por ducias de veciños e veciñas de Cariño e representantes políticos, mobilizáronse na tarde do xoves en defensa dos postos de traballo, para reclamar a incorporación das compañeiras fixas-discontinuas que levan máis de dous anos sen traballar, e para esixir un plan de pagos ao persoal en activo.

Coa protesta, convocada polo Comité -que preside a CIG-, quérese visibilizar a situación dramática que está a atravesar o persoal fixo-discontinuo da conserveira, na súa totalidade mulleres, que xa teñen esgotadas as prestacións por desemprego e que se enfrontan, en moitos casos, “a situacións desesperadas”.

Modesto Carrodeguas é a empresa máis grande do Concello de Cariño e na actualidade conta con 33 traballadoras fixas e 68 traballadoras fixas-discontinuas. Pero estas últimas levan sen traballar máis de dous anos e o persoal que está en activo ten pendente de cobrar, nalgúns casos, máis de sete meses de salario.

Dende o Comité denuncian que aínda que a empresa logrou asinar un convenio anticipado coa maioría dos acredores, e incluso acadou o aval financeiro do IGAPE, “continúa sen xerar emprego”. Pola contra, nos últimos tempos o cadro de persoal fixo reduciuse en sete persoas, que solicitaron a rescisión dos seus contratos polo impago dos salarios. 

Durante a concentración destacouse a responsabilidade coa que teñen actuado as traballadoras e traballadores durante todo este tempo para facilitar a recuperación da empresa, pero dende a dirección só responderon con “falsas promesas”. Entenden que agora é o momento de que a conserveira dea pasos firmes para recuperar a normalidade na fábrica e que reincorpore ao persoal nos seus postos.

Tamén apelaron ás administracións para que se impliquen na procura de medidas e solucións para unha das fábricas máis importantes da vila.

De aí que o Comité acordara realizar esta primeira mobilización coa finalidade de “facer oír a voz das traballadoras reclamando o seu dereito ao traballo, o dereito a ter un futuro nunha comarca fondamente deprimida, porque é vital que as traballadoras poidan recuperar os seus salarios e a normalidade nas súas vidas”.