Traballadores/as da empresa de transporte de residuos de Sogama, Pacholo S.L, irán á folga en Nadal

Este martes día 20 teñen convocadas dúas concentracións: ás 10:00h no Parlamento e ás 11:30h en Sogama

Compostela -

Os traballadores e traballadoras de Transportes Pacholo, SL, subcontrata encargada do transporte de residuos sólidos urbanos da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), teñen convocada unha folga -que se iniciará o vindeiro 23 de decembro e que se estenderá de xeito ininterrompido até o 11 de xaneiro- en demanda de melloras nas súas condicións de traballo. A folga está convocada pola sección sindical da CIG que aglutina a maioría dos traballadores/as da contrata de SOGAMA.

Transportes Pacholo, SL é a empresa que realiza o transporte de residuos sólidos urbanos entre as plantas de transferencia (abarcando o 94% dos concellos galegos) e as instalacións de SOGAMA e o vertedoiro de Areosa, ou entre as plantas e o tren, que transporta parte do lixo. O concurso público, o maior da pasada lexislatura, foi adxudicado á UTE entre Copasa, Renfe e Logirail e que subcontratou a Transportes Pacholo, SL, desde o inicio da concesión o pasado 1 de marzo, o transporte por estrada.

Condicións laborais dignas

 Os traballadores demandan que o cadro de persoal sexa fixo; que se cotice por todos os conceptos da súa nómina; que se estableza un cuadrante de traballo para todo o persoal e que se respecten as condicións mínimas de saúde laboral que, dadas as características deste traballo, non son unha cuestión secundaria.

Riscos bacteriolóxicos

 A este respecto, Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG explicou que as cuestións relativas á saúde laboral merecen especial atención, do momento en que as traballadoras e traballadores “están en contacto permanente con riscos bacteriolóxicos e por realizar un transporte especial por estrada”.

Explicou que demandan tamén que a empresa respecte os seus propios compromisos, algún deles asinado, e que “non mude as condicións de traballo sistematicamente coa conseguinte indefensión por parte dos traballadores e ademais exixen o fin das amezas e insultos por parte dos encargados da empresa”.

Pavón, que compareceu acompañado polo comité de folga en pleno, xunto con outros traballadores/as, fixo especial fincapé nun concurso público como este, que considerou exemplo de “como as subcontratacións supoñen máis miseria e peores condicións de traballo para os traballadores e traballadoras”.

Xunto a isto responsabilizou a SOGAMA de deixar aos traballadores desprotexidos para que as empresas, como Transportes Pacholo ou a UTE entre Copasa, Renfe e Logirail “os exploten con condicións de miseria, rebaixando drasticamente as condicións económicas da contrata anterior”.

Por iso afirmou que “resulta impresentable ver como SOGAMA gasta inxentes cantidades de diñeiro público en propaganda do seu sistema de xestión do lixo e se desentenda das condicións e da seguridade no traballo dos empregados e empregadas do servizo que ofertan”.

Acordo parlamentario incumprido

 O representante da CIG lembrou ademais que “o Partido Popular, con Alberte Núñez Feijóo desde a tribuna do Parlamento, se comprometeu a solucionar este conflito e a que se convocara unha mesa de diálogo entre SOGAMA, a Consellería de Medio Ambiente, a empresa e os traballadores. Existe un acordo unánime do Parlamento neste sentido do pasado mes de febreiro que a día de hoxe non está executado”.

Mobilizacións

 Os traballadores anunciaron mobilizacións para os vindeiros días e de non solucionarse o conflito con esta folga, xa adiantaron que convocarán máis xornadas de paros, sen descartar mesmo a convocatoria dunha folga indefinida.

Para mañá teñen convocada unha concentración diante do Parlamento, ás 10:00 horas, onde se intentará falar cos grupos parlamentarios exixindo o cumprimento dese acordo parlamentario de crear unha Comisión entre a consellaría de Industria, a empresa, Sogama e os traballadores para buscar unha solución definitiva a este conflito e abordar tamén a cuestión da subrogación.

Tamén mañá, pero ás 11:30 horas, teñen prevista outra concentración, desta volta en SOGAMA.

Presións

 Pavón denunciou especialmente as presións que a empresa está a exercer, sobre todo, cos traballadores/as máis vulnerábeis, que son os que están a contratos. Presións que se traducen en ameazas de despedimentos e mesmo a exixencia “de que se dean de baixa da CIG e que lles entreguen un papel asinado que así o confirme”.

Segundo explicou o representante da CIG a empresa chegou mesmo a enganar ao persoal asegurándolles a moitos traballadores que formaban parte dos servizos mínimos cando non estarán fixados até mañá, nunha xuntanza coa consellaría de Medio Ambiente.

O comité de folga anunciou ademais que se solicitará tamén unha xuntanza co Presidente de Sogama, que leva desde que rematou a anterior contrata sen querer recibir os traballadores do transporte “como responsábel tanto da concensión como das condicións de traballo nas que estamos”.

Este mércores haberá unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais para unha mediación, á que asistirá unha delegación dos folguistas, para intentar buscar unha saída. “Imos intentar solucionar o conflito sen que se inicie a folga”, dixo.

Caixa de resistencia

 Dado que a previsión de duración da folga é de 20 días, desde a sección sindical da CIG xa se teñen articulado medidas para poder respaldar economicamente aos traballadores. Por iso, “os cartos que lle corresponden aos traballadores afiliados ao sindicato, da caixa de resistencia, vanse pór ao dispor de todos os traballadores/as que participen na folga para que a poidan soportar”.

Volver