Traballadores/as de GES Siemsa mobilízanse en defensa dos empregos e das condicións laborais

A empresa pretende aplicar un ERE de extinción, un temporal e unha redución salarial do 5%

A Coruña -

Traballadores e as traballadoras de Global Energy Services Siemsa (GES) concentráronse esta tarde ás portas das oficinas da empresa no Polígono da Grela (A Coruña) en defensa dos empregos e das condicións laborais, fronte ao plan de viabilidade formulado pola dirección que contempla o despedimento de 16 operarios/as en Galiza, un ERTE de redución de xornada para o resto do persoal e un recorte dos salarios do 5%.

Esta é a primeira das mobilizacións acordadas pola asemblea de persoal en rexeitamento á reestruturación laboral proposta pola empresa, dedicada ao sector eólico e que nestes momentos está en situación de concurso de acredores, polas débedas acumuladas. Dentro deste proceso, a empresa pretende unha redución de 16 empregos, dos 120 que ten en Galiza.

O resto dos traballadores/as estarían incluídos/as no ERTE de redución de xornada dun 50% ou dun 15% no caso do persoal de mantemento, e tamén lle afectaría a medida de redución salarial do 5% e a eliminación do Bonus.

O Comité de empresa da Coruña entende que os axustes propostos por GES non se axustan á realidade da empresa e son excesivos. Ademais, o concurso de acredores está proposto con intención de continuidade "ao existir un potencial comprador que é a rama industrial do Grupo Cristian Lay". Este grupo a través da súa filial Biges xa se fixo con cinco empresas internacionais do Grupo GES.

Volver