Traballadores/as de Hércules de Armamento: "Hai solución, Xunta implicación"

Persoal da fábrica de armas, que hoxe fixo folga, volve reclamar a Industria unha reunión urxente
A Coruña - 09 Feb 2017

Traballadores/as de Hércules de Armamento, antiga Fábrica de Armas da Coruña, concentráronse este mediodía ás porta do edificio administrativo da Xunta para demandar a intervención da Consellaría de Industria, departamento co que levan agardando poder reunirse dende finais de 2015 "co obxecto de analizar a situación na que se atopa a empresa e elaborar un plan industrial que garanta os postos de traballo e o mantemento da actividade".

"Non entendemos este silencio da Consellería nin estas reticencias a reunirse co Comité. O que hoxe lle vimos pedir mediante un escrito que presentamos no rexistro non é nada novo: cando eramos empresa pública -Santa Bárbara- e tivemos problemas, mantivemos encontros coa Consellaría e púidose elaborar un plan industrial, e o mesmo pasou despois con General Dynamics", aseveraba o Presidente do Comité, Xabier Rioboo, durante a concentración.

No escrito dirixido a Francisco Conde, o Comité de Hércules de Armamento tamén se fai eco das iniciativas institucionais aprobadas por unanimidade tanto no Pleno do Concello da Coruña como no Parlamento Galego, a prol do mantemento dos empregos e da actividade na fábrica de armas. "Esas iniciativas tamén foron apoiadas polo PP, por iso non comprendemos a postura de silencio que garda a Consellaría de Industria".

Produción civil

A respecto da actividade actual na fábrica, Rioboo explicou que a produción non está ao 100%, pero si que se están a atender pedidos para o sector civil (automoción, próteses e aeronáutico), xa que mentres non se restabeleza a seguridade nas condicións estipuladas polo Ministerio de Defensa, non se pode realizar produción para o sector de defensa.

Sobre futuros pedidos, sinalou que "sabemos  que hai boas perspectivas, a nivel produtivo, doutra carga de traballo. Hai preacordos con determinadas firmas e negociacións para aumentar a carga de traballo, que están pendentes da entrada dun socio inversor".

Dito socio podería ser a empresa Mecanizados Escribano, quen xa trasladou o seu interese á Xunta de Galiza e, segundo subliñou Rioboo, xa presentou á administración galega un plan industrial no que se contemplan inversións na fábrica de armas.

"Pero parece que a empresa está á espera dunhas axudas públicas en base a esas inversións e de coñecer cal vai ser o posicionamento da Xunta, que está desaparecida. Non só non atende as nosas solicitudes de reunión, senón que tampouco dá resposta aos posíbeis inversores. E sabemos que hai negociacións con outros posíbeis inversores".

Xornada de folga na fábrica

A protesta coincidía cunha xornada de folga de catro horas e media nas instalacións de Palavea para demandar da dirección de Hércules de Armamentos que regularice o pago dos salarios -o persoal acumula varios meses de impago, que xa está reclamando por vía xudicial-; e demandar que redobre esforzos para resolver as incertezas sobre o futuro laboral e industrial da empresa.