Persoal de ambulancias péchase no despacho do conselleiro de Sanidade para esixir a súa implicación

A FGAMT-CIG lembra que a Xunta é "responsábel principal" do conflito por aceptar ofertas á baixa

Nacional -

Traballadores e representantes da CIG realizaron un peche esta mañá no despacho do conselleiro de Sanidade para esixir da Xunta que interveña no conflito do sector de ambulancias, tanto para que inste as empresas a sentar a negociar o novo convenio colectivo como para obrigalas a que cumpran co recollido nos contratos e garantir así un servizo de calidade. A medida de presión desenvolveuse na segunda xornada de folga convocada para esta semana, que volve rexistrar un seguimento maioritario.

O grupo de traballadores e sindicalistas accederon ao despacho do conselleiro en San Caetano para reclamar unha reunión con Jesús Vázquez Almuíña, quen leva máis de dous anos sen atender as reivindicacións do persoal do transporte sanitario "a pesar de que o sector está nun estado de enorme tensión". Ante a medida de presión, explica Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, o Secretario Xeral técnico de Sanidade e o Xerente do SERGAS mantiveron unha reunión cos traballadores na que lles trasladaron a necesidade de que a Consellaría se implique no conflito.

"Hai empresas como Ambuibérica, promovidas pola Xunta no último concurso, que pretenden rebentar o convenio e aplicar modificacións substanciais das condicións laborais que significan unha rebaixa de salarios de case 400€ ao mes, máis carga de traballo e menos días libres, entre outras cuestións", denuncia Aboi. Advirte que Ambuibérica é a propietaria ou socia de boa parte das empresas que teñen os contratos da provincia de Pontevedra e da Coruña e que este feito "marca o futuro do sector".

Alén das condicións laborais e salariais, Xabier Aboi alerta do deterioro do propio servizo xa que, por exemplo, non se cumpren as condicións hixiénico-sanitarias  dos vehículos ou da roupa de traballo, as empresas non contan co número de ambulancias estipuladas nos concursos e recórtanse os cadros de persoal mentres se incrementan os servizos a realizar.

Responsabilidade da Consellaría de Sanidade

Dende a administración mantiveron o mesmo discurso de sempre, afirmando que a Consellaría non se vai meter nun conflito laboral. "Pero isto vai máis alá", afirma Aboi, "pois a Xunta é responsable principal na situación do sector, xa que no seu momento aceptou ofertas por debaixo de convenio, primando o aforro económico antes que o servizo á cidadanía. Agora non pode ser que administración e empresas pretendan que sexan os traballadores e as traballadoras quen paguen esas rebaixa económica", afirma.

Dende a FGAMT-CIG lémbranlle a Xunta e ao conselleiro de Sanidade "que o estamos falando dun concurso público e teñen que implicarse e actuar". Nesta liña, a central sindical advirte que o persoal está disposto a seguir na loita por convenio e unhas condicións dignas e que, de non producírense avances, no mes de setembro comezará unha folga indefinida.

Ao remate da xuntanza, todos os traballadores e representantes sindicais da CIG foron identificados pola policía.

Concentracións nos hospitais

Ademais do peche, ao longo da xornada deste xoves, os traballadores e traballadoras en folga realizaron concentracións diante dos hospitais de Pontevedra, O Salnés, Santiago, Cee ou Lugo.

Volver