Traballadores e traballadoras de ambulancias da área sanitaria de Compostela exixen a Ambuibérica que cumpra o convenio

Mantén os incumprimentos co persoal, actitude que foi denunciada na Inspección de Traballo
Compostela - 26 Abr 2016
Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias da Área sanitaria de Santiago concentráronse este martes diante da entrada principal do Hospital Clínico para exixir a Ambuibérica, que segue negándose a acatar o convenio, que cumpra coa legalidade laboral vixente no sector. Ademais percorreron en improvisada manifestación o recinto hospitalario para dar a coñecer aos usuarios e usuarias que acudían ás consultas a súa problemática.

No decurso da concentración Inácio Pavón, da FGAMT de Compostela, explicou que Ambuibérica é unha empresa con sede en Valladolid que se fixo, no último concurso, con amplas zonas na área sanitaria de Santiago (Melide, Teixeiro, Lalín, Silleda, Negreira, Santa Comba e Muros) e tamén con lotes na Costa da Morte, Vigo e Baixo Miño ademais de ter participacións en moitas outras pequenas empresas coas que se asociou

A súa intención era, segundo denunciou, aproveitarse dunhas condicións de traballo que persistían no sector e que estaban moi por debaixo do fixado no convenio. Malia os acordos acadados con outras empresas do sector na Área Sanitaria de Santiago, Ambuibérica SL, segue pretendendo incumprir o convenio colectivo asegurando que do contrario poderían incorrer en perdas.

Para o representante da FGAMT de Compostela “isto é falso” porque “todas as empresas cobran o mesmo por cada base e se a empresas pequenas como Ambulancias Casablanca ou Ambupadrón lles dá para cubrir custes e ter beneficios a Ambuibérica tamén”. A isto engade que estas empresas concorreron a un concurso público que gañaron cunha proposta que ía por debaixo dos custes reais. “Agora pretenden que sexan os traballadores e as traballadoras quen llo financie”, denuncia.

Presións ao seu persoal

A FEGAMT de Compostela denuncia que nas xuntanzas que se están mantendo coas diferentes bases, Ambuibérica está presionando ao seu persoal para que acepte esas condicións por debaixo de convenio e mesmo “ameazando” cun trato “agresivo” que iría desde modificar horarios para prexudicar ao persoal, até “non cambiar as rodas das ambulancias até que estiveran sen debuxo ou agardar a que se gastaran de todo as pastillas de freno, obviando o que representa iso como ameaza e a seguridade do persoal e un grave risco para pacientes e persoal sanitario”.

Pavón asegura que “non imos permitir estas actitudes” e sinala que xa está denunciada esta situación na Inspección de Traballo.

A mobilización desta mañá é ademais unha mostra da unidade do sector que xa adiantou que “vai responder contra esta empresa mediante mobilización nas bases, sedes da empresa e hospitais de referencia”. Exemplo disto foi a concentración deste martes, na que participaron non só traballadores e traballadoras de Ambuibérica senón tamén doutras da Área sanitaria de Santiago.