Traballadores/as da sanidade e representantes políticos esixen o rescate público do Cunqueiro cunha concentración no hospital

No acto, promovido pola Xunta de Persoal e SOS Sanidade, chamouse a participar na manifestación do vindeiro 12 de maio en Vigo

Vigo -

Traballadores/as da sanidade e representantes políticos, entre eles varios alcaldes e deputados/as, uníronse hoxe para reclamar o rescate público da concesión do Álvaro Cunqueiro e frear o desmantelamento do Meixoeiro cunha concentración ás portas do novo hospital. No acto, no que tamén se denunciou a situación que atravesa o servizo de Atención Primaria, chamouse a participar na manifestación convocada pola Xunta de Persoal e SOS Sanidade Pública na cidade o vindeiro 12 de maio.

Responsábeis públicos -entre eles os alcaldes de Cangas e das Neves e a alcaldesa de Moaña- e políticos, como a voceira nacional do BNG e o portavoz de AGE no Parlamento galego, quixeron escenificar o seu apoio ás reclamacións da Xunta de Persoal do Chuvi e da plataforma SOS Sanidade Pública participando nunha concentración diante da entrada principal do Álvaro Cunqueiro.

No acto, no que tamén participaron traballadores/as, representantes sindicais, deputados/as autonómicos/as e concelleiros/as, chamouse a participar na manifestación convocada na cidade o vindeiro 12 de maio.

O principal motivo da marcha, que partirá da Praza dos Cabalos ás 20 horas, é reclamar o rescate para a xestión pública do centro médico, ademais de esixir a dimisión do xerente da EOXI de Vigo pola súa responsabilidade na situación que padece a área sanitaria. Diante disto, instan ao Sergas a elaborar un plan para corrixir as graves deficiencias que presentan o Cunqueiro -que vén de quedarse sen camas, obrigando ao Sergas a desdobrar as individuais- e o Meixoeiro e a recuperar os servizos recortados.

Outras das demandas pasan por dotar o novo hospital dun aparcadoiro gratuíto, mellorar o transporte público e facilitar accesos axeitados para a poboación. Ao mesmo tempo, consideran necesario destinar a uso sanitario o anexo I do antigo hospital Xeral para ubicar nel o novo Centro de Alta Resolución, con consultas externas, gabinetes diagnósticos, laboratorio e radialoxía.

O voceiro de SOS Sanidade e secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, asegurou que todos os problemas que presenta a área sanitaria viguesa teñen solución, “pero só se poden resolver se a cidadanía toma partido de xeito masivo”. Neste senso, chamou a participar na manifestación que percorrerá as principais rúas da cidade o vindeiro día 12 de maio “para recuperar a sanidade pública” e denunciou a situación na que se atopa a Atención Primaria, “xa que están a mover os profesionais dun lado para outro sen crear novas prazas”. Finalmente, criticou o censelleiro de Sanidade por non ter respostado á petición do colectivo para manter unha xuntanza.

Volver