Traballadores/as das ambulancias do 061 de Compostela maniféstanse en Padrón en demanda do cumprimento do convenio colectivo

Acádase un acordo con Ambulancias Casablanca
Compostela - 07 Abr 2016
Os traballadores e traballadoras do sector das ambulancias de emerxencias do 061 da área sanitaria de Santiago de Compostela manifestáronse novamente este xoves 7 e marzo, nesta ocasión en Padrón, para denunciar as presións e o acoso laboral que sofren por parte de algunha das empresas por reivindicar o cumprimento do convenio colectivo.

Os traballadorese traballadoras concentráronse primeiro diante das instalacións de Ambupadrón, SL que leva semanas presionando e ameazando con represalias os seus traballadores e traballadoras. Posteriormente manifestáronse polas rúas de Padrón até o Centro de Saúde informando á veciñanza da súa situación e denunciando o acoso laboral aos que lles somete a súa empresa.

Responsabilidade do SERGAS, da Xunta e do 061

Responsabilizan o 061, o SERGAS e á Xunta de Galiza por permitir os abusos e por non facerse cargo da solución desta situación. Neste sentido denuncian a actitude, que Inácio Pavón, representente da FGAMT-CIG de Compostela culificou de “persoanalista” e “impresentable” de Antonio Iglesias -Director da Fundación 061- por negarse a manter unha reunión cos traballadores afectados por aprecer unha pintada que lle solicitaba unha solución ao conflicto.

“Unha vez convocada a reunión, que debería terse celebrado esta mesma mañá, avisaron desde o 061 de que se desconvocaba se os traballadores non borraban esa pintada, culpabilizando e desatendendo así a todo o colectivo”, expliocu Pavón, quen denunciou a actitude “pasiva” da administración mentres se están producindo presións, cambios de quendas e ameazas de despedimento a traballadores do sector.

O conflicto orixínase porque as empresas da área sanitaria se negan a cumprir o convenio colectivo tras ter feito unha oferta á baixa para quedar co concurso público hai catro meses. 

Nos vindeiros días sucederanse as asembleas nas diferentes bases do 061 e anunciaranse novas mobilizacións que non rematarán mentres non finalicen as presións e non se asinen acordos que garantan o cumprimento do convenio colectivo.

Acordo en Ambulancias Casablanca.

Froito da unidade dos traballadores e traballadoras, na tarde do mércores asinouse o acordo que garantirá o cumprimento do convenio coelctivo en materia de xornada e salario en Ambulancias Casablanca, SL nas bases de Arzúa e Ordes. Este acordo únese ao que esta empresa xa asinara no mes de outubro para a base de Santiago e que inclúe as mesmas condicións.

Desta maneira son Ambuibérica, SL e Ambupadrón, SL as únicas empresas da área sanitaria que manteñen unha actitude insostíbel de incumprimento do convenio colectivo. Pavón explica que o seu principal argumento, que era que nas bases do rural non se podían manter os mesmos horarios e salarios porque entrarían en perdas “queda ao descuberto como falso logo da sinatura deste acordo. Se a Ambulancias Casablanca, que cobra exactamente o mesmo por cada base, lle dá para pagar os salarios co número de traballadores necesario para cumprir os horarios do convenio, ao resto de empresas tamén”.

Considera, ante isto, que “a pelota agora está no tellado de Ambuibérica, SL e Ambupadrón, SL” que deben “arranxar imediatamente esta situación en vez de dedicarse a presionar aos planteis para que acepten rebaixas que non se van a producir”. Entende, xa que logo, que  o acordo alcanzado en Casablanca é o único posíbel para resolver esta situación.