Traballadores/as de Tranvías de Ferrol inician mobilizacións en defensa dos empregos e por un mellor servizo

O persoal realizou unha concentración diante do consistorio ferrolá
A Coruña - 09 Mar 2016
Traballadores e traballadoras de Tranvías de Ferrol concentráronse este mércores diante do Concello de Ferrol para reclamar á Xunta que resolva dunha vez a reorganización das liñas de autobuses solicitada pola empresa hai máis de tres anos. Unha reestruturación que permitiría mellorar o servizo para os usuarios/as e permitía manter os empregos.

Esta é a primeira das mobilizacións do calendario que o persoal aprobou para denunciar a pasividade da Xunta á hora de dar unha resposta o plan de reestruturación presentado pola empresa que se encarga do transporte interurbano nos Concellos de Ferrol, Fene e Neda. Concellos que, lembraron, xa amosaron interese por incrementar as liñas e mellorar o servizo, algo para o que estarían dispostos a achegar recursos económicos

Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG, apuntou que a reordenación das liñas solicitada permitiría garantir os empregos actuais e mesmo incrementar as contratacións ao ampliarse o número de liñas e frecuencias. Isto, a súa vez, destaca, redundaría tamén nunha mellora do servizo para os usuarios e usuarias que terían maior flexibilidade horaria e novas rutas de autobús.

Pastoriza lembrou que a representación do persoal mantivo reunións coas empresa e a Dirección Xeral de Mobilidade, “pero pasan os meses sen que se arranxe nada”. Mentres a Xunta da a calada por resposta (nin autoriza nin denega a petición), a empresa ten liñas deficitarias e "póñense en risco a continuidade dos empregos".

“Esta é a primeira protesta, mais de non producírense avances, o vindeiro día 23 faremos un paro de dúas horas no servizo e non descartamos convocar máis mobilizacións”, concluíu.