Transportes Calviño, condenada por vulneración de dereitos fundamentais dun delegado da CIG

A central sindical anuncia mobilizacións para que rematen as presións contra os traballadores

Compostela -

O xulgado do Social da Coruña vén de emitir sentenza contra a empresa Transportes José María Calviño Bascoy S.L, que traballa para Chep España na recollida e reparto de palets industriais. Unha sentenza na que se confirma que desde que se celebraron as eleccións sindicais a empresa vén sometendo a presións e represalias aos seus traballadores, nomeadamente ao que foi elixido como delegado de persoal en representación da CIG, Antonio Cebey.

A sentenza, segundo explica o representante da FGAMT-Compostela, Inácio Pavón, dá por probado que, existindo un conflito por un exceso horario abusivo e polo abono de dietas, Transportes Calviño, no canto de negociar someteu a presións aos seus traballadores con ameazas de despedimentos –chegou a despedir a 3 traballadores-, cambios de horarios, de camións ou rutas, co fin de dobregar a vontade colectiva do cadro de persoal.

Revogar o delegado da CIG

Para Pavón, o obxectivo final da empresa era “revogar ao delegado da CIG, tratar de rachar a unidade de acción dos traballadores e rematar dese xeito o conflito”. De feito, como un dos feitos probados demóstrase que a empresaria, Cristina Calviño, ameazaba aos traballadores con pechar a empresa e despedir a todo o persoal.

Tamén se recoñece que cada vez que o delegado de persoal solicitaba horas sindicais ou acudía citado á Inspección de Traballo era enviado a realizar unha viaxe fóra de Galiza, actividade á que esta empresa non adoita dedicarse. Xunto a isto retiróuselle tamén o camión que conducía habitualmente poñéndolle o máis vello da empresa, con máis de 19 anos e con problemas de entrada de augas.

Así mesmo o xuíz considera probado que a revogación do delegado de persoal fíxose baixo presión e instigada directamente pola empresa.

Diante disto, o xuíz condena a Transportes Calviño a cesar na súa acción represiva contra o propio Cebey, a repoñerlle tanto o posto de traballo como o vehículo que conduciu durante os últimos 10 anos e a abonarlle 6.251€ en concepto de danos morais pola vulneración do seu dereito á liberdade sindical.

Para Pavón “a sentenza confirma o que xa viñamos denunciando respecto do acoso laboral e da vulneración sistemática d liberdade sindical que se estaba sufrindo nesta empresa, que puxo todos os impedimentos desde o primeiro día para buscar unha saída negociada a este conflito”.

A empresa ten aínda aberta unha causa penal polos mesmo feitos e a CIG anuncia novas mobilizacións para exixir o cumprimento desta sentenza e o remate das presións contra todos os traballadores.

Volver