Novo accidente nas obras do AVE evidencia condicións terceiromundistas e desleixo dos organismos inspectores

A CIG volverá a presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo e da Seguridade Social

Ourense -

A federación da Construción e Madeira da CIG vén de alertar publicamente unha vez máis sobre a falla de seguridade nas obras do AVE despois que este pasado xoves 30 de novembro se producise o enésimo accidente de traballo no treito de Laza a Cerdedelo, no que un operario resultou ferido de gravidade. Dende a central anuncian que presentarán novas denuncias diante da Inspección de Traballo e da Seguridade Social para que se investiguen as condicións “terceiromundistas” nas que se desenvolve o proxecto da alta velocidade galega.

Segundo explican dende a CIG-Construción, o sinistro laboral que tivo lugar este xoves deixou gravemente ferido a un traballador ao saír da vía e caer por un cavorco o tractor que manexaba, tendo que ser desprazado en helicóptero até o hospital. “Coma xa temos dito en innumerábeis ocasións, as obras realizadas con diñeiro público volven ser noticia por estar dirixidas máis ao negocio de certas empresas que a prestar servizos á cidadanía”, indica o secretario nacional da federación, Plácido Valencia. 

Denuncian que o entramado descontrolado de UTE e empresas subcontratadas é pernicioso para a seguridade no traballo e para os dereitos laborais

Desleixo de funcións

Neste senso, critican que o “entramado descontrolado” de UTE e empresas subcontratadas revélase como un “cóctel pernicioso” para a seguridade no traballo e para os dereitos dos operarios/as e, sobre todo, “cando o Goberno do PP, a Inspección de Traballo e a Seguridade Social fan desleixo de funcións e non poñen as medidas precisas para evitar este regueiro de sinistros, por moita denuncia que fagamos”.

Con todo, anuncian que presentarán unha nova denuncia da Inspección de Traballo e da Seguridade Social en Ourense -organismos aos que acusan de desleixo á hora de velar pola seguridade laboral- a fin de lle reiterar a necesidade “non de ir pasear polos túneles do AVE da man dos encargados/as e dos xefes/as das obras, senón de comparecer nesas instalacións a falar cos traballadores/as con reserva e privacidade para evitar represalias, e investigar con medios profesionais as condicións terceiromundistas das obras do AVE”.

Volver