Un pulo cualitativo: Asemblea nacionalista de Lugo

Manuel Mera - 28 Nov 2023

Na Asemblea de Lugo e posteriores as Irmandades deron pulo ao posterior agromar dun partido político soberanista, contribuíndo á autoorganización do pobo galego. Puxeron os alicerces que permitiron a rápida expansión do Partido Galeguista na década dos trinta, e a rica actividade creativa que desenvolveu en todos os eidos (literatura, historia, lingüística, etnografía, etc).

 “Tendo Galiza todas as características dunha nacionalidade, nós nomeámonos dende hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba “rexionalismo” non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas”. Este era o limiar do Manifesto Nacionalista de Lugo, da asemblea que se realizou o 17-18 de novembro de 1918. Por certo esta xuntanza fíxose poucos días despois de que Alemaña asinase o armisticio (11 de novembro) pondo fin á Primeira Guerra Mundial.

 As Irmandades da Fala foron as que convocaron esta reunión. Naceran dous anos antes na Coruña, e recuperaran A Nosa Terra como seu voceiro. Entre os promotores das Irmandades estaban Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Florencio Baamonde. Aínda que a primeira iniciativa para a convocatoria foi de Aurelio Ribalta, concretouse por Antón Villar Ponte. A constitución produciuse nun escenario de gran axitación campesiña en Galiza, por mor da loita contra os foros e o caciquismo, tamén obreira (lembremos a folga xeral de 1917) e de ascenso das reivindicacións nacionalistas no Estado, que deron lugar á Mancomunidade de Cataluña, aceptada por Eduardo Dato e asinada polo Rei en 1913 (que permitía a unión das competencias das deputacións). E no ámbito exterior hai que lembrar o levantamento de Pascua en Irlanda (24-04-1916) e a Revolución Rusa (6/7-11-1917).

 Naquela altura no Estado español gobernaba García Prieto, por moi pouco tempo, menos dun mes. Foi un máis dunha ringleira de gobernos efémeros moi condicionados pola Guerra en Marrocos, que estaba sementada de desastres militares, ao que había que sumar o grande descontento social. García Prieto moi ligado a Galiza xa que estaba emparentado con Montero Ríos, cae ao intentar aprobar un proxecto de mancomunidades.

 Polo tanto o nacemento das Irmandades da Fala e a convocatoria da Primeira Asemblea Nacionalista dáse nun contexto de conflitos e cambios sociais e políticos. Non foi un feito illado ou de iluminados. Tratábase dun paso lóxico tendo en consideración os antecedentes históricos: supresión do Reino de Galiza en 1833; a asemblea federal de Compostela en 1843, na que se debateu unha proposta de Faraldo a prol da independencia de Galiza; a Revolución de 1846; o banquete de Conxo en 1856; a asemblea de Lugo dos republicanos federais en 1887 da que sae un proxecto de Constitución para Galiza; a Asociación Regionalista Gallega en 1890; a Cova Céltica en 1898, Solidaridad Gallega en 1907. Hai unha continuidade, un fío condutor, que colle pulo nun momento chave da historia europea: as grandes revolucións nacionais e sociais de metade do século dezanove.

 Sobre a composición social das Irmandades da Fala dinos o historiador Justo G. Beramendi: “O sector máis importante é con moito o dos intelectuais e artistas e dentro del o subsector de profesores ensinanza media e universidade (...). É tamén considerábel a presenza das restantes profesións liberais, especialmente xornalistas, médicos, notarios e avogados. En terceiro lugar virían os comerciantes, fabricantes, aínda que convén sinalar que a bastante distancia” (Gran Enciclopedia Gallega, 1974). Destaca que chegaran a reunir un máximo de 28 agrupacións locais, e que en 1922 contaba con 500 afiliados dos que 300 corresponderían á Coruña. Este diferencial na afiliación amosa que na Coruña había cando menos métodos de traballo máis acertados (tamén na mensaxe?). A relación coa conflitividade social darase circunstancialmente co sindicalismo agrario nalgunhas localidades, xa que algúns irmandiños proceden de Solidaridad Gallega, mentres que co movemento obreiro a ligazón será anecdótica, aínda que A Nosa Terra deixa evidencia da sensibilidade respecto da problemática social.

 A primeira xuntanza nacional das Irmandades faise no hotel Méndez Núñez de Lugo e asisten unhas 60 persoas, a metade delas son da Coruña. As Irmandades están formadas naquel intre por 13 organizacións locais e teñen 700 afiliados. Nese intre a “igrexa católica dá por perdida a batalla ideolóxica do galeguismo, o que provoca o afastamento de case que todo o sector (...) Na reformulación nacionalista conflúen dúas tendencias ideolóxicas moi dispares. Dunha banda a liberal democrática dominante no grupo promotor, ao que se incorpora Luís Peña Novo (que provén do nacional-catolicismo) e unha fílosocialista como Xaime Quintanilla (...) Da outra banda, os católico tradicionalistas, que volven agromar con grande forza grazas a que o ex-jaimista Losada Diéguez asume o nacionalismo e catequiza os que serán motores do grupo Nós...” (Justo G. Beramendi, O nacionalismo galego, Edicións A Nosa Terra, 1995).

 A xuntanza de Lugo significa un pulo cualitativo, xa que se artella unha estrutura federativa coas irmandades locais, e un Directorio formado polos presidentes das asociacións. Xorde deste xeito unha organización de ámbito galego, que asume un programa común e un voceiro nacional: A Nosa Terra. Non é un partido xa que non rexeita a militancia noutras organizacións políticas e as agrupacións manteñen unha grande autonomía. “Porteiro Garea, neste intre o líder máis salientábel do movemento, preparou a xuntanza xunto a Peña Novo, o seu íntimo amigo, e a outros moi senlleiros (...) A asemblea de Lugo é o lanzamento político do grupo, xa que nela se sostén que Galiza é unha nación (art. 1) á que corresponde, polo tanto, unha autonomía integral (art. 2, 1º) que se concretará nun poder galego, que se organiza nas súas liñas xerais (art. 4). Así mesmo, expóñense diante da opinión pública unha ringleira de temas graves que atinxen neses intres ao país, como cuestións xurídicas (art. 5), económicas (art. 6) e mesmo artísticas (art. 7)”. (Barreiro Fernández, Historia Contemporánea de Galicia, Ediciones Gamma, 1982).

 O Manifesto esixía unha autonomía integral, o ingreso de Galiza na Sociedade de Nacións, e propuña iniciativas para unha federación con Portugal. Pretendía crear un Poder Autónomo, constituído por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, elixido por sufraxio universal e representación proporcional, e supresión das deputacións provinciais. O nomeamento dunha Xunta Gobernadora que tería que exercer o Poder Executivo, composta dun Presidente e seis secretarios. Igualdade de dereitos para a muller. A cooficialidade do castelán e o galego.

 Algunhas das competencias reservadas a Galiza eran as seguintes:

  • Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
  • Lexislación social nas competencias que se estimen non exclusivas do Estado.
  • Toda a potestade docente.
  • Administración (non construción) dos camiños de ferro.
  • Fixación do cupo de forzas que se estimen necesarias para garantir a orde interna do país.
  • Control da política económica, non excluídos os bancos.
  • Sustentatividades do dereito foral galego.
  • Recuperación por parte do pobo dos montes comunais.

 Estas propostas eran moi avanzadas para o seu tempo, por exemplo no tema da igualdade de xénero. O manifesto será asinado por todos os representantes das Irmandades presentes na xuntanza, aos que se sumaron: “delegacións de 67 sociedades agrarias, así como cinco centros culturais; enviando a súa adhesión cinco federacións agrarias, once cámaras municipais, máis de corenta e nove asociacións e numerosísimas personalidades da Galiza” (Uxío-Breogán Diéguez; As Irmandades da Fala; Laiovento; 2016).

 A segunda asemblea realizase en novembro de 1919 en Compostela; a 3ª en abril de 1921 en Vigo; a 4ª en febreiro de 1922 en Monforte; a 5ª en marzo de 1923 na Coruña; a 6ª en abril de 1930 tamén na Coruña. Na 7ª asemblea de Pontevedra, en decembro de 1931, fundaríase o do Partido Galeguista. A paréntese obedece a que entre setembro de 1923 e xaneiro de 1930 o Estado español padece a ditadura de Primo de Rivera. Coa súa caída, e a da Monarquía, ábrese en 1931 ao período republicano.

 As Irmandades estiveron sometidas a numerosas tensións externas como internas. Previamente á 4ª Asemblea Nacionalista prodúcese unha ruptura sobre a concepción do proxecto, nacendo o Partido Nazonalista Galego (Peña Novo, Viqueira), e pouco despois a Irmandade Nazonalista Galega, promovida por Risco. O afastamento faise máis evidente na 5ª asemblea. O historiador X. Ramón Barreiro indica entre as diverxencias, ademais de se primar a actividade cultural ou tamén a política, que: “O programa aprobado en Lugo en 1918 foi ignorado por Risco, dende que conseguira controlar as Irmandades. Na asemblea da Coruña (1923) Peña Novo sería designado Primeiro Conselleiro do sector arredista das Irmandades, e Risco conselleiro do outro” (Historia de Galicia, volume XVI, Ediciones Gamma, A Coruña, 1982). Tampouco se pode obviar a participación das eleccións durante a ditadura de Primo de Rivera dun sector das Irmandades (Risco, Losada Diéguez, Villar Ponte). Mais, vendo o verdadeiro perfil do Goberno renunciaron aos seus cargos.

 Para alén da conflitividade interna pódese dicir que no referente ao sistema republicano semella existir unha postura unánime ou moi maioritaria. Mais non é así en temas como: o carácter laico, a relación de Galiza co Estado español, o modelo económico e as clases sociais, a autoorganización e a relación con outros partidos. E especialmente sobre que métodos de traballo son prioritarios en cada momento, por exemplo, se a actividade cultural ou a político-institucional. Estes temas avivan o debate e mesmo fracturan as Irmandades en máis dunha oportunidade e reflicten a pluralidade de concepcións da súa afiliación.

 En relación coa valoración que fan as Irmandades sobre o socialismo as opinións son moi diversas e contrapostas. Esta alternativa política conta con simpatizantes, como é o caso de Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) que tivo un papel destacado nas Irmandades. El ligaba nacionalismo e socialismo: “Dous termos que non se poden contrapor (...) o segundo é probabelmente un aspecto do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideal, é vontade de vida unánime traballando nun momento da humanidade (...) o fondo de todos os socialismo di, que a ninguén lle falte pan dabondo, que todos teñan un fogar baixo a garimosa teitume, que a escola sexa igual para todos, que non haxa fame nin tiranía” (Luís Veiga de Campo; Mestres do Galeguismo. Xohán Vicente Viqueira; Colectividade Galega; Bos Aires, 1969). Está considerado como democrático, republicano, socialista, federal e laico. Chama a atención que se lle teña tan pouco en conta cando se analizan as Irmandades, malia que A Nosa Terra da época lle adicase máis dunha portada; así mesmo, foi elixido primeiro conselleiro na 4ª asemblea.

 Na Asemblea de Lugo e posteriores as Irmandades deron pulo ao posterior agromar dun partido político soberanista, contribuíndo á autoorganización do pobo galego. Puxeron os alicerces que permitiron a rápida expansión do Partido Galeguista na década dos trinta, e a rica actividade creativa que desenvolveu en todos os eidos (literatura, historia, lingüística, etnografía, etc). Ademais, o seu núcleo na Coruña e o Casino Republicano, dirixido por Santiago Casares, fundaron en 1929 a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que terminaría integrándose en Izquierda Republicana, deixando nun segundo plano a cuestión da soberanía e da autoorganización e que tería un importante papel na política do Estado español (na que destaca Santiago Casares). Eran as contradicións propias dunha organización onde a gravidade da problemática nacional servía de aglutinante. Mais na que as diverxencias de clase e de proxecto social, e sobre a folla de ruta, creaban tensións, que se manifestarían máis unha vez rachando a unidade. Por exemplo, cando o Partido Galeguista opta a partir de 1934 pola alianza con republicanos e socialistas. Esta dá lugar en 1935 á escisión de Dereita Galeguista (Filgueira Valverde, Manuel Beiras, Xosé Mosquera, Vicente Risco). Un afastamento que se agudizaría coa participación do PG na Fronte Popular en 1936.

 Tanto as Irmandades da Fala como o Partido Galeguista estiveron influenciados polos procesos de independencia das nacións europeas. E moi especialmente pola loita irlandesa, coa que existiu unha relación histórica, máis teórica que práctica. O galeguismo non era unha alternativa illada do seu tempo. Daquela a centralidade do aspecto rural (a maioría da poboación era labrega), do cooperativismo, da emigración, a loita contra o caciquismo, as comunicacións, o desenvolvemento económico e social,... a xustiza social e igualdade de xénero,... de poñer en primeiro plano a cultura, lingua, historia e soberanía da nación galega.

 

[Galiza, 28 de novembro de 2023]