Unha manifestación percorre as rúas de Vigo para esixir medidas urxentes fronte á alta sinistralidade laboral

A protesta foi convocada polas federacións de Industria da CIG, CCOO e UGT baixo o lema ‘Non máis mortes no traballo’
Vigo - 12 Abr 2024

Garantir a formación específica real no posto de traballo, priorizar a prevención sobre a produción salvaxe, reforzamento da figura do recurso preventivo, investigación de todos os accidentes parte da autoridade laboral e imposición de sancións exemplares polos incumprimentos en materia de seguridade. Estas son as principais medidas que a CIG, CCOO e UGT consideran urxente aplicar para facerlle fronte ao aumento dos accidentes laborais -moitos deles mortais- e das enfermidades profesionais.]

Precisamente co obxectivo de trasladarlle á clase traballadora estas reivindicacións, sensibilizar o conxunto da sociedade, alertar as administracións públicas e advertir o empresariado as centrais sindicais maioritarias convocaron a manifestación que este xoves percorreu o centro de Vigo dende Vía Norte até a delegación da Xunta. Unha marcha que se celebrou baixo o lema ‘Non máis mortes no traballo’ e na que se berraron consignas como “Accidente laboral, terrorismo patronal”, “Menos precariedade, máis seguridade” ou “Traballo digno, traballo seguro”.

Ao remate da marcha deuse lectura a un manifesto redactado de forma conxunta polos tres sindicatos. O encargado de facelo foi Iván Vázquez, traballador do sector da automoción, que agradeceu a presenza das centos de persoas participantes na manifestación e pediu gardar un minuto de silencio en memoria dos 11 compañeiros falecidos en Galiza no que vai de ano en accidente laboral (o último hoxe mesmo en Lugo, aínda que a maior parte (8) perderon a vida na provincia de Pontevedra).

Por iso as centrais convocantes centraron as súas demandas en reclamar especialmente unha maior implicación da Inspección de Traballo, con máis medios técnicos e humanos para as súas actuacións, “sancionando os incumprimentos laborais que se detecten e exixindo a execución dos requirimentos”.

Tras o minuto de silencio, que rematou cun sonoro aplauso, o traballador encargado da lectura do manifesto anunciou que “de agora en diante non gardaremos silencio, senón que alzaremos a voz ante os accidentes laborais e pelexaremos nas rúas para rematar coa precariedade”. Uns accidentes que -denunciou- son consecuencia da desidia das administracións públicas e dos incumprimentos empresariais.

Por iso fixo fincapé en que a manifestación de hoxe é un chamamento “a pasar das palabras á acción” de todos os actores implicados na materia e sensibilizar a toda a sociedade “de que as nosas vidas están por riba de todo, tamén das políticas empresariais baseadas en maximizar os beneficios a costa da nosa saúde”. Unha saúde que se ve comprometida pola precariedade, polos altos dos ritmos de traballo, por poñer os beneficios e a produtividade por diante, non investindo en prevención nin en seguridade.

“As estatísticas actuais son inaceptables: non podemos normalizar que cada ano no conxunto do Estado falezan mais de 700 persoas traballadoras; no que vai de ano en Galiza faleceron xa 11 persoas, polo que é urxente poñer en marcha medidas de acción inmediatas e sostidas no tempo”.

Apelou á necesidade de priorizar, exixir e facer cumprir todas as medidas en materia de seguridade e saúde no lugar de traballo, así como implementar medidas de seguridade efectivas nas empresas e que as direccións destas proporcionen formación real e especifica no seu posto de traballo a todas as persoas traballadoras.

Tamén fixo un chamamento aos lexisladores/as e ao conxunto das administracións públicas para que fortalezan e modifiquen a lei de prevención de riscos laborais para que sexa efectiva ante a nova realidade laboral que temos no noso país. E instou as administracións a poñer os recursos económicos e os medios materiais e humanos para que a Inspección faga o seu traballo, perseguindo e sancionando de maneira exemplarizante o empresariado que incumpre.

“Só con máis organización nas empresas, con vontade política, sancionando duramente ás empresas, fortalecendo a prevención a vixilancia e as medidas sancionadoras en caso de incumprimentos, poderemos reducir significativamente o número de accidentes laborais mortais e enfermidades profesionais. Esta manifestación é comezo dunha loita cara a ese obxectivo”, rematou.