Unha nova sentenza recoñece o dereito do persoal docente interino a computar as vacacións para trienios e sexenios

CIG-Ensino, que foi quen presentou o recurso, denuncia que a Xunta non estende de oficio este dereito
Nacional - 28 Mar 2017

A CIG-Ensino vén de gañar unha nova sentenza, neste caso no Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, pola que se recoñece o dereito a unha docente interina con contratos de substitución a que se lle compute o tempo de vacacións cobradas e cotizadas mais non gozadas para os efectos de antigüidade, tanto para trienios como sexenios.

A sentenza conclúe, tal e como aseguraba a CIG-Ensino, que a decisión da Consellaría de Educación de non computarlle ese períodos vacacionais supón un claro suposto de discriminación, xa que esas vacacións nacen como consecuencia do desempeño dun traballo por un tempo determinado e que, por tanto, debe computarse para todos os efectos, tamén os retributivos.

A sentenza condena a Consellaría a aboar os trienios e sexenios correspondentes, o que na práctica implica adiantar a data de cumprimento da antigüidade no número total de días de vacacións non gozadas. Así mesmo, a sentenza imponlle á Xunta os xuros legais correspondentes así como as custas xudiciais.

A CIG-Ensino lembra que o longo percorrido destas reclamacións tivo o seu inicio hai xa nada máis e nada menos que 16 anos, cando en 2001 a CIG-Ensino gañou no TSXG, con multitude de sentenzas posteriores nos xulgados de primeira instancia do Contencioso, o dereito de que o persoal docente substituto cobrase as vacacións non gozadas.

Até ese ano, a Consellaría non aboaba nin cotizaba absolutamente nada polo tempo proporcional de vacacións correspondentes ao contratos temporais. Como podemos observar, o comportamento da Consellaría non mudou en todos estes anos.

Na Mesa Sectorial celebrada o pasado 2 de marzo, a CIG-Ensino demandoulle á Consellaría que estendese de oficio a todo o persoal docente os efectos desta sentenza, como doutras anteriores, incluído o TSXG, evitando ter que afrontar xudicialmente un tema suficientemente claro: os períodos cotizados, sexan de actividade docente ou de vacacións, teñen que ser computados para os efectos retributivos. Na Mesa, a Dirección Xeral afirmou que xa fixeran xestións ante Función Pública porque entenden que non só afecta ao profesorado, senón que debería haber unha decisión que afectase a todo o persoal da Xunta e que o posicionamento da Consellaría é que son partidarios de resolvelo sen ter que responder a miles de demandas.

A consellaría segue a denegar as reclamacións

Porén, en contra desas declaracións, a Consellaría segue a denegar en vía administrativa as reclamacións que numeroso persoal docente, en resposta a unha campaña iniciada pola CIG-Ensino, está a presentar, dada a inmobilidade da Consellaría a aplicarlle este dereito a todo o profesorado. “A desconsideración e desprezo da Xunta co persoal interino e coa propia doutrina xurisprudencial chega ao extremo de recorrer as sentenzas que, como esta de Ourense, deixan ben clara a ilegalidade que está a practicar a Consellaría. Baixo ningún concepto pode esconderse a administración educativa galega nas decisións que deba adoptar outro órgano da Xunta”, denuncia.

A aplicación deste dereito a todo o persoal afectado tería, para a CIG-Ensino, un efecto positivo, tanto no persoal que segue a ser substituto como naquel que é interino ou mesmo funcionario de carreira, xa que o recoñecemento deses períodos supón adiantar o pagamento dos complementos vinculados á antigüidade. Nalgúns casos, mesmo en varios meses a cada docente.

Por iso, a CIG-Ensino esixe que de vez se poña fin a esta polémica, se recoñeza este dereito e se lle aplique a todo o profesorado que tivo contratos temporais, sexa cal sexa a súa actual situación administrativa. Ademais, “demandamos que a Xunta retire calquera recurso que teña presentado contra as resolucións xudiciais ou que anule as desestimacións en vía administrativa xa comunicadas para evitar a vía xudicial”, afirma.

En calquera caso, a Consellaría sabe que a CIG-Ensino, no caso de que non se actúe neste sentido, seguirá adiante coa campaña iniciada e forzará na vía xudicial a consolidación dun dereito que a administración dirixida polo Partido Popular se nega a recoñecer.