O comité de Universal Support convoca paros na ‘Superlínea’ do Santander ante a situación laboral insostíbel
Ante a situación insostíbel no servizo ‘Superlínea’ do Banco Santander, o comité de empresa de Universal Support acordou convocar paros laborais nesta campaña os días 5 e 13 de marzo, en horario de 09 a 12 horas e de 16 a 19 horas. Ademais, nesas dúas xornadas tamén haberá concentracións diante da oficina do Banco Santander no Cantón Pequeno, nº 1, da Coruña, ás 10:30 horas.
No centro de traballo que Universal Support (Grupo Konecta) ten en Bergondo préstase o servizo de Superlínea, que é o servizo de atención telefónica á clientela do Banco Santander. Nesta campaña veñen arrastrándose desde hai meses distintos problemas que levaron o comité no seu conxunto á convocatoria destes paros.
As principais eivas deste servizo son:
- A remuneración deste servizo bancario corresponde á categoría de persoal teleoperador do convenio de Contact Center, o que equivale a un salario próximo ao SMI para un traballo con funcións bancarias complexas e sensíbeis.
- A campaña ten un gran carga de traballo e unha enorme presión de cara á consecución de obxectivos comerciais, sobre os tempos de atención e da xestións da chamada e o servizo. A organización vense deteriorando sen que se resolvan incidencias de horarios, vacacións ou abonos pendentes.
- A pesar de trasladarlle todos estes problemas, dende hai uns meses o único que fixo a empresa foi deixar de reunirse coa Representación Legal das Persoas Traballadoras e non dar resposta a moitas das comunicacións que se lle fai, acompañado dunha clara actitude antisindical.
Por todo isto, o comité acordou convocar estas dúas xornadas de paro parcial e as concentracións para reclamarlle á empresa que sente negociar, resolva os reiterados problemas de organización e recoñeza a categoría de xestor, nivel 9, do convenio colectivo de centros de chamadas para o todo o persoal do servizo Superlínea.