V Convenio Marco Grupo Endesa: o peor convenio da historia da empresa

Suprime todo o sistema de axudas sociais e económicas conquistado en décadas de loita sindical
As Pontes - 24 Xan 2020

O laudo arbitral emitido este mércores por Manuel Pimentel (ex ministro do PP), a petición de UGT-Endesa e da propia empresa, e que se converte no V Convenio Marco do Grupo Endesa, constitúe "un tsunami" nos dereitos sociais conseguidos nos últimos 50 anos. Por iso, a CIG xa adianta que a resposta a este roubo continuará tanto na rúa con novas mobilizacións, como nos xulgados "defendendo até onde poidamos todos e cada un dos dereitos que agora nos arrebatan".

A arbitraxe que levou á sinatura do convenio, advirte Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG e voceiro da coordinadora de asociacións de pensionistas e xubilados/as da eléctrica, elimina nun só golpe todos os beneficios sociais, algúns deles dunha enorme importancia económica e social, como a axuda de estudos "que permitiu durante décadas que moita mocidade das Pontes puidese acceder a calquera grao de formación". Este dereito suprímese agora sen compensación ningunha para o persoal pasivo (pensionistas, viúvas, incapacidades, etc.), mentres que para o persoal activo queda nunha axuda meramente simbólica.

No que ten a ver coa tarifa eléctrica de empregado/a, un dereito que naceu hai case 100 anos, no caso da primeira vivenda rebáixanse drasticamente os niveis de consumo, márcase un límite de potencia que antes non existía e obrígase a un consumo en pautas horarias. Este novo sistema vai supoñer unha perda económica para o conxunto dos traballadores/as, tanto en situación activa como pasiva. No caso da segunda vivenda, este dereito practicamente desaparece.

Eliminar dereitos ao persoal pasivo para dar unha esmola ao activo

Que estamos ante un recorte de dereitos, subliña Fernando Branco, non é unha valoración da CIG, senón que no propio comunicado de UGT para vender o 'éxito' da súa xestión xa conclúen que "a valoración do conxunto dos beneficios sociais dos convenios de orixe que se suprimen repercutirán como salario nos traballadores en activo y AVS como paga liñal, compensando a perda destes".

É dicir, como ben afirma UGT-Endesa, elimínanse dereitos do persoal pasivo para compensar cunha esmola o persoal activo. Pero isto tampouco é exactamente así, matiza Branco, pois o incremento económico previsto é só do 1% -con revisión salarial cando o IPC pase do 1,5%-, e a creación dunha nova paga anual de 1.500 euros que, como moito, vai compensar a perda de quilowatios na tarifa de persoal empregado.

Gaña Endesa, perden os/as traballadores/as

"Realmente quen gaña, e moito, é a empresa. Unha empresa con máis de 1.400 millóns de beneficios anuais e que vén de conseguir sacar máis beneficios coa sinatura deste convenio.  A empresa consegue moito máis do que inicialmente esperaba deste convenio", denuncia.

Neste senso, destaca que este nefasto resultado para o persoal ten responsábeis: o sindicalismo de elite, que actúa sen contar coa participación e a opinión dos/as traballadores/as, "ademais do nivel de incompetencia e irresponsabilidade destes dirixentes sindicais". "Hoxe os traballadores/as de Endesa, persoal activo e pasivo, temos menos capacidade económica, sufrimos un retroceso de décadas, e deixan as relacións laborais en Endesa como terra queimada. O que tanto esforzo e tempo custou construír, desapareceu dun plumazo".

Seguir na loita polos dereitos

Porén, Branco xa adianta que a resposta a esta agresión vai continuar tanto na rúa con novas mobilizándonos, como nos xulgados "defendendo até onde poidamos todos e cada un dos dereitos que agora nos arrebatan".

Neste sentido, a CIG ten convocada (xunto con outras organizacións sindicais) unha asemblea xeral nas Pontes, na que se proporá a realización dunha manifestación e, no ámbito xurídico, a central sindial manterá o recurso ante o Supremo e as demandas individuais.

Dous modelos sindicais opostos

Desta desfeita, tamén hai que tirar unha lección: fica claro que o modelo sindical imperante en Endesa "é un rotundo fracaso. Poderíase explicar de varias formas pero hai fotos que o visualizan perfectamente: por unha banda, temos a dirección de UGT celebrando a arbitraxe, fóra de calquera realidade social e laboral, e, pola outra, tempos compañeiros pensionistas, neste caso de Catalunya que se desprazan até Madrid para protestar diante das oficinas de Endesa, a pesar da idade e das súas dificultades. Estas fotos son a cara e a cruz".