Valoración das seccións sindicais da CIG da visita da presidenta da SEPI e do presidente de Navantia

"Non imos renunciar aos nosos dereitos, nin aceptaremos precarizar as condicións laborais"

Ferrol -

Reproducimos o comunicado que as seccións sindicais da CIG en Navantia Fene e Ferrol fan valorando a visita e a reunión mantida pola representación social coa presidenta da SEPI e o novo presidente da empresa.

A visita de Pilar Platero, presidenta da SEPI, e de Esteban García Vilasánchez, presidente de Navantia, e a posterior reunión que tivemos membros dos comités de empresas das factorías da ría, merece unha análise pormenorizada, máis alá da importancia que pode ter o feito de ser a primeira vez que se produce esta tipo de reunión.

Se ben a presidenta de SEPI mostrou un talante moito máis aberto que os anteriores presidentes da SEPI, non é menos certo que o fai despois de rexeitar a reunión cos representantes dos traballadores/as tres veces, mesmo cun desprazamento de todos/as os/as delegados/as a Madrid aos pés da súa oficina, rexeitándoo cun cordón policial numeroso. Máis ben parece unha posta en escena feita a propósito para causar a sensación formal de cambio, no canto dun cambio real.

Nos grandes e importantes problemas que temos na empresa e nas fábricas da comarca, mantén a mesma liña que os seus antecesores; por unha parte mantén a necesidade do informe da “dirección xeral de custes” para pechar os puntos pendentes do III convenio colectivo, a pesares que o director xeral de custes comunicara ao comité de empresa que os puntos pendentes do terceiro convenio eran responsabilidade única de Navantia e SEPI. Por outra parte, defende a mesma necesidade dese informe para devolver ao cadro de persoal os días traballados de máis no ano 2014 en aplicación do IV convenio, anulado definitivamente polo tribunal supremo, ou os dous anos de cartucho de nadal que temos pendentes, nun claro desacato a sentencia do Tribunal Supremo.

Cumprimento do III convenio

En canto ao presidente de Navantia, repítese a mesma situación, se por unha parte nos informa da saída da empresa da directora de organización e recursos humanos e da intención de facer no prazo dun mes unha nova organización que pode coincidir algo máis coas nosas inquietudes, ambas as dúas, boas noticias, prodúcenos bastante desgusto a intención de ligar o plan industrial ao convenio único, como se a experiencia dos últimos 15 anos non deixara suficientemente clara a dificultade de chegar a este tipo de convenio, independentemente de que se se negocia convenio e plan ao mesmo tempo sexa un debate pendente, así como o tipo de convenio.

Tanto se SEPI-NAVANTIA pretende usar a aplicación dos dereitos derivados do III convenio colectivo como moeda de cambio para aceptar o plan industrial, ou se pretende que o IV convenio colectivo sexa unha repetición do xa anulado polo Supremo, como troques de aceptar tamén o plan industrial, xa lles comunicamos dende agora mesmo que a CIG vaise opoñer con todas as súas forzas.

Que coincidamos na necesidade de desenvolver un plan que resolva dunha vez o futuro desta empresa, con incorporación de mozos e mozas, con industria auxiliar complementaria e non substitutiva, cunha nova organización da empresa e do traballo, cunhas novas inversión en I+D+I, co desenvolvemento de novos produtos para a fabrica de turbinas, coa modernizacións de instalacións, máquinas e ferramentas, etc.; non quere dicir que esteamos dispostos a renunciar aos nosos dereitos, nin a precarizar as nosas condicións laborais.

En canto os chamamentos ao diálogo que fai ultimamente o presidente, estas seccións sindicais sempre están abertas ao diálogo, pero tamén recordamos as do cesado presidente “estou aberto ao diálogo, pero ao final fago o que creo mellor”.  É necesario abrir todas as posibilidades de acordo, previo cumprimento das sentencias e do III convenio colectivo.

Navantia, 26 de abril 2017

Volver