Venezuela, o desexo imperial e a Constituínte

Ángel Guerra Cabrera -

Mentres a contrarrevolución se consome nos seus actos violentos porque sabe que o tempo xoga contra ela, o chavismo avanzou aceleradamente no diálogo previo á ANC que o presidente Maduro impulsa dentro dos sectores populares, as forzas armadas e cos partidos opositores que se sumaron

O que está en marcha en Venezuela é un episodio decisivo no proxecto de Estados Unidos e as oligarquías de non deixar en pé un só goberno independente e democrático na nosa América. O combustíbel principal que alimenta ese proxecto en Venezuela é o apoio que recibe a contrarrevolución endóxena de Washington/OEA, os máis desprestixiados gobernos neoliberais e a dereita adoradora do deus mercado e do asalto ao tesouro público. Todos enmaridados co uruguaio Luis Almagro, axente da CIA asignado á secretaría xeral da OEA.

 Ademais do abondoso petróleo de Venezuela, que desexa para si, o imperio dá unha gran prioridade a derrocar o goberno de Maduro pola importancia da Revolución Bolivariana e chavista no concerto rexional. O importante golpe que asestaría unha contrarrevolución triunfante na patria de Bolívar aos procesos de cambio en Bolivia, Ecuador, Nicaragua, O Salvador, ao Alba no seu conxunto e, por suposto, a Cuba. E non só iso, senón a creación dun ambiente fondamente fascistoide como o que vemos xurdir nas dereitas da rexión, que impida o acceso á presidencia de Andrés Manuel López Obrador en México, Lula da Silva en Brasil e -se decidise lanzarse- Cristina Fernández de Kirchner en Arxentina, candidatos aos que parece imposíbel frear por medios legais e lexítimos. Todo o mundo é consciente da mudanza que estes eventuais resultados electorais, operarían na correlación rexional -e internacional- de forzas a favor da independencia, a soberanía, o control nacional dos recursos naturais, a xustiza social, a democracia, a unidade e concordia latino-caribeña e a paz mundial.

 O anterior explica que nunha perigosa e tensa situación económica, política e social como a provocada polo imperialismo e os seus vasalos locais en Venezuela, estes rexeiten a razoábel, legal e lexítima convocatoria a Asemblea Nacional Constituínte (ANC) do presidente Nicolás Maduro e a súa oferta de diálogo. Peor aínda, intensificáronse os actos de violencia, que xa provocaron máis de tres decenas de vidas e centos de feridos e demostraron non estar dispostos a outro diálogo que non sexa a rendición do goberno ante as súas esixencias. Tan crentes e íntimos da xerarquía católica de Venezuela como son, fixeron caso omiso outra vez do chamado do Papa Francisco ao diálogo.

 Insisto, as accións contrarrevolucionarias en Venezuela seguen as directivas da Operación Venezuela Freedom 2 do Comando Sur ianqui, que, ademais da vasta experiencia do Pentágono e a CIA en derrocar gobernos, collen tamén de base o teórico dos golpes brandos Gene Sharp. Funcionarios do seu Instituto Einstein realizaron unha visita de traballo de nove días a Venezuela en 2003, documentada por Eva Golinger (http://www.radiolaprimerisima.com/articulos/5448), magnífica síntese sobre golpes brandos en América Latina.

 Autor do libro Da ditadura á democracia, Sharp enumera os 5 pasos do golpe brando, que resumo: 1. Promover accións “non violentas” para xerar malestar na sociedade: denuncias de corrupción, promoción de intrigas ou divulgación de falsos rumores. 2. Desenvolver intensas campañas en “defensa da liberdade de prensa e dos dereitos humanos”, acompañadas de acusacións de “totalitarismo” contra o goberno. 3. Loita activa por “reivindicacións políticas e sociais” e a manipulación do colectivo para que emprenda manifestacións e protestas violentas, que ameacen as institucións. 4. Operacións de guerra psicolóxica e desestabilización, que xeren un clima de “ingobernabilidade”. 5. Forzar a renuncia do Presidente, mediante revoltas na rúa para controlar as institucións, mentres se mantén a presión na rúa. Preparar o terreo para unha intervención militar, á vez que se desenvolve unha guerra civil prolongada e se logra o illamento internacional do país (http://www.telesurtv.net/news/el-golpe-suave-en-Venezuela-en-cinco-pasos... ). Nada máis parecido ao que vén ocorrendo en Venezuela.

 Pero mentres a contrarrevolución se consome nos seus actos violentos porque sabe que o tempo xoga contra ela, o chavismo avanzou aceleradamente no diálogo previo á ANC que o presidente Maduro impulsa dentro dos sectores populares, as forzas armadas e cos partidos opositores que se sumaron. Se o debate constituínte se converte nun fenómeno de masas, á violencia non lle queda moito.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 11 de maio de 2017]

 

Volver