Vía Galega chama a siareiros/as a acudir o sábado a Balaídos cos símbolos nacionais

A plataforma pide que “fagamos do noso derbi unha festa de irmandade”

Nacional -

Via Galega -Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza- denuncia que nos últimos anos se está procedendo “de xeito sistemático á criminalización do uso de simboloxía galega nos recintos deportivos”. Expresa a súa máis firme condena destes feitos e fai un chamento aos siareiros e siareiras galegas para que acodan masivamente o vindeiro sábado a Balaidos lucindo os nosos símbolos nacionais. “Sexamos celtistas ou deportivistas, sentímonos ante todo galegos e galegas. Fagamos do noso derbi unha festa de irmandade e de defensa e afirmación da nosa bandeira nacional. Porque é a bandeira que nos une”, afirma.

A plataforma social, da que fai parte a CIG, lembra que son reiterados os casos nos que se procede, por parte da Policía ou dos servizos de seguridade, a requisar bufandas, bandeiras e outro material coa bandeira galega ou a estreleira esteblecendo unha censura de feito ao uso da nosa simboloxía nacional.

O pretexto é, segundo explica, cumprir o establecido na Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte que no seu Artigo 6.b (“Condicións de acceso ao recinto”) prohibe “introducir, exhibir ou elaborar faixas, bandeiras e outras enseñas que inciten á violencia ou en cuxa virtude unha persoa ou grupo delas sexa ameazada, insultada ou vexada por razón da súa orixe racial ou étnica, a súa relixión ou conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo ou a orientación sexual”.

Fronte a isto, Vía Galega asegura que “é evidente que os nosos símbolos nacionais nin incitan a violencia, nin constitúen ningunha expresión de racismo, xenofobia ou intolerancia”. Porén considera que “o que si é unha mostra de racismo, intolerancia e xenofobia, por parte do Goberno español, é conculcar dereitos básicos como a liberdade de expresión para impedir e reprimir a manifestación de sentimentos pacíficos e lexítimos, criminalizando o uso de distintivos de afirmación da identidade galega ou de calquer sentimento de pertenza nacional distinto do español”.

Neste sentido, lembra o espectáculo, que cualifican de “indignante e bochornoso” da final de Copa, co requisamento masivo de senyeras ou de prendas amarelas. “É un novo exemplo desta política represiva e antidemocrática”, conclúe.

Volver